InicioSANTIAGOBOQUEIXÓNOs alcaldes de Boqueixón e Vedra visitan o campo internacional de voluntariado...

Os alcaldes de Boqueixón e Vedra visitan o campo internacional de voluntariado no Pico Sacro

Mozos e mozas de varios países traballan na limpeza e conservación do patrimonio natural e cultural da contorna

Publicado o

Xornal de Compostela

Os alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e Vedra, Carlos Martínez, achegáronse esta semana ata o entorno do Pico Sacro para coñecer de primeira man o labor que está a realizar o grupo de participantes no campo internacional de voluntariado ‘Monte Sacro’, unha iniciativa que busca combinar a protección do patrimonio coa convivencia intercultural e a participación xuvenil.

Durante a visita, ambos rexedores tiveron ocasión de dialogar cos quince mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que, procedentes de distintos puntos do Estado e do estranxeiro, están a desenvolver tarefas de limpeza, restauración e posta en valor dos espazos naturais e culturais que rodean o coñecido Monte Ilicino, en Boqueixón.

Este campo de traballo, que se prolongará durante dúas semanas, está coorganizado polos Concellos de Vedra e Boqueixón e conta co respaldo da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Na súa primeira semana, os voluntarios acometeron tamén actuacións nas inmediacións do conxunto patrimonial de San Xoán da Cova, no municipio de Vedra, onde levaron a cabo tarefas de acondicionamento e eliminación de especies vexetais invasoras que ameazaban a vexetación autóctona e a conservación do enclave.

A segunda semana está centrada no ámbito do Pico Sacro, un lugar cargado de simbolismo na tradición xacobea e na mitoloxía popular galega. Os traballos inclúen a limpeza de sendeiros, o control de especies invasoras e outras tarefas de recuperación ambiental.

Tanto Ovidio Rodeiro como Carlos Martínez puxeron en valor a importancia deste tipo de proxectos para implicar á mocidade na conservación do medio e do patrimonio, ao tempo que favorecen o intercambio cultural e a formación en valores de cooperación e respecto polo territorio. “Estes campos de voluntariado son unha oportunidade para que os máis novos descubran o noso patrimonio e contribúan á súa protección”, destacaron.

A experiencia, ademais de incluír o traballo voluntario, ofrece aos participantes actividades formativas, visitas culturais e espazos de convivencia, reforzando o carácter educativo e social da iniciativa.

A contorna do Pico Sacro, un dos cumes máis emblemáticos da comarca, convértese así en escenario dun proxecto que une xuventude, patrimonio e territorio, coa colaboración institucional dos concellos implicados e a administración autonómica.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Fotowalk Galicia reúne en Boqueixón máis dunha trintena de afeccionados á fotografía

Un total de 34 persoas afeccionadas á fotografía chegadas de distintos puntos de Galicia...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

Boqueixón completa antes de agosto a roza de máis de 250 quilómetros de pistas municipais

O Concello de Boqueixón deu por rematada antes do inicio de agosto a limpeza...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here