A parroquia de Oural, no concello de Boqueixón, acollerá este domingo 18 de maio a edición número 51 da tradicional Festa das Carrozas do San Cidre, un evento que volverá reunir cultura, música, gastronomía e homenaxe á identidade rural galega. A festa contará coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, que participarán nos actos centrais da xornada.
A celebración dará comezo ás 11:00 horas diante do bar ‘O Nervioso’, onde se exporán as sete carrozas artesanais realizadas polos veciños e veciñas de Oural. Unha hora despois comezará o tradicional desfile cara ao campo da festa, coa animación da Charanga BB+ e a presenza simbólica dunha parella de bois co carro, elemento emblemático da cultura agraria galega.
De forma simultánea, ás 12:00 horas, celebrarase a misa na honra a San Cidre, patrón do agro, con tirada de foguetes e actuación da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, que ofrecerá unha mostra de música e baile tradicional.
O pregón da festa chegará ás 14:00 horas, da man do xornalista, guionista e presentador da Televisión de Galicia Adrián Díaz, quen será o encargado de abrir oficialmente os festexos. Posteriormente, realizaranse as intervencións institucionais do alcalde e do conselleiro e procederase á entrega dos premios do Desfile de Carrozas do San Cidre.
Un dos momentos máis destacados da mañá será a entrega de distincións a tres festas galegas de gran recoñecemento, organizadas por colectivos que colaboran na celebración de San Cidre. Recibirán homenaxes:
-
O Folión de Carros de Chantada, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, representado por Manuel Vázquez, presidente da Asociación Cultural Amigos do Folión.
-
O Entroido dos Xenerais da Ulla de Sergude, tamén Festa de Interese Turístico de Galicia, coa presenza de Carlos Uzal, vicepresidente da Asociación de Festexos San Bieito de Sergude.
-
A Festa da Filloa de Lestedo, recoñecida en 2023 como Festa de Interese Turístico Nacional, representada por José Manuel Canabal, presidente da asociación organizadora.
A festa continuará cunha sesión vermú amenizada polo Grupo Fussión e a Charanga BB+, e coa tradicional degustación de petiscos e viño en cada carroza, convertendo o campo da festa nun espazo de encontro interxeracional.
A partir das 17:00 horas, os máis pequenos poderán gozar de inchables e unha sesión de Zumba Kids, a cargo de Priscilla Dance, mentres que a música regresará co Grupo Fussión e a orquestra La Fórmula, que porán o broche de ouro a unha xornada centrada na celebración da tradición.
A Festa das Carrozas do San Cidre mantén viva unha das formas máis expresivas da cultura popular rural, na que o traballo colectivo, a creatividade e o orgullo pola identidade local convértense en protagonistas. Un evento que, edición tras edición, reafirma a súa importancia como espello do patrimonio inmaterial galego.