InicioSANTIAGOBOQUEIXÓNA Festa da Filloa de Lestedo celébrase con éxito tralo paso da...

A Festa da Filloa de Lestedo celébrase con éxito tralo paso da treboada Jana

O evento, que estreou a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, contou cunha ampla participación e destacou polo seu irmandamento coa Feira do Cocido de Lalín

Publicado o

Xornal de Compostela

A 42ª edición da Festa da Filloa de Lestedo celebrouse este domingo en Boqueixón sen incidencias meteorolóxicas, malia a treboada Jana que obrigara a suspender os actos do día anterior. O alcalde do municipio, Ovidio Rodeiro, atribuíu o bo tempo a ‘uns ovos a Santa Clara e unhas filloas de Lestedo’, bromeando sobre o tradicional ritual para afastar a chuvia.

A xornada comezou cedo, coas máquinas filloeiras acesas dende as 8:00 da mañá, elaborando filloas de diferentes variedades e prezos. Entre as opcións destacaban as filloas doces con nata, chocolate ou crema e as salgadas con recheos tradicionais e novidades como porco celta en salsa kimchi ou salteado de polo con mostaza e mel.

DESFILE DOS XENERAIS DA ULLA E RECEPCIÓN DE AUTORIDADES

O VIII Desfile de Xenerais da Ulla foi un dos momentos máis esperados da mañá, reunindo a máis de sesenta Xenerais e Xeneralas, trinta deles a cabalo, procedentes de concellos da comarca como Touro, O Pino, Santiago de Compostela, A Estrada, Vedra, Teo e o propio Boqueixón. Tras o desfile, realizáronse os tradicionais Atranques dos Xenerais no campo da festa.

A comitiva oficial estivo encabezada polo alcalde Ovidio Rodeiro e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, acompañados de representantes da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e outros concellos da zona. Tamén participaron na celebración o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira Varela, entre outros.

Na súa intervención, Rodeiro salientou a importancia de celebrar por primeira vez o evento coa distinción de Festa de Interese Turístico Nacional, agradecendo o traballo de veciños e veciñas ao longo dos anos. O alcalde tamén mencionou o irmandamento co Concello de Lalín, subliñando a conexión entre o cocido e as filloas: ‘Non se poden entender o cocido sen filloas nin as filloas sen cocido’.

O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, emocionou ao público lembrando o percorrido da festa dende os seus inicios como celebración parroquial ata o actual recoñecemento nacional. ‘O que hoxe é unha Festa de Interese Turístico Nacional comezou sendo unha pequena festa dunha parroquia’, sinalou Canabal.

A pregoeira deste ano, Isabel Pichel, veciña de Lestedo e directora do informativo Galicia por Diante Fin de Semana da Radio Galega, tamén fixo un discurso cargado de emocións, destacando a tradición e o arraigo das filloas na súa vida. ‘Comín filloas, cómoas, seinas facer e será así de por vida’, afirmou Pichel.

MANDÍS DE HONRA E RECOÑECEMENTOS

Durante o evento entregáronse os tradicionais Mandís de Honra, un galardón que este ano recoñeceu o labor de persoas como Isabel Pichel, o conselleiro de Facenda Miguel Corgos López-Prado, o vicepresidente da Deputación da Coruña Xosé Regueira Varela, e a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, María Alonso.

O director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, destacou que a festa é ‘un exemplo de como un evento nacido do pobo pode converterse nun referente turístico nacional’.

A xornada pechouse co Xantar da Filloa, que nesta edición foi renomeado como Cocido da Filloa grazas ao irmandamento con Lalín. Preto de 300 persoas degustaron o menú elaborado polo cociñeiro Álex Iglesias, cun cocido completo que incluíu desde sopa ata as tradicionais filloas, pechando así unha celebración na que a gastronomía e a tradición se mesturaron con éxito.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Fotowalk Galicia reúne en Boqueixón máis dunha trintena de afeccionados á fotografía

Un total de 34 persoas afeccionadas á fotografía chegadas de distintos puntos de Galicia...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

Boqueixón completa antes de agosto a roza de máis de 250 quilómetros de pistas municipais

O Concello de Boqueixón deu por rematada antes do inicio de agosto a limpeza...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here