InicioSANTIAGOBOQUEIXÓNA Festa da Filloa de Lestedo reforza a súa programación tras ser...

A Festa da Filloa de Lestedo reforza a súa programación tras ser declarada de Interese Turístico Nacional

O evento, que celebrará o seu día grande o 9 de marzo, amplía actividades e irmándase coa Feira do Cocido de Lalín

Publicado o

Xornal de Compostela

A Festa da Filloa de Lestedo celebrará o vindeiro 9 de marzo a súa 42ª edición cunha ampla programación de actividades que arrinca esta semana e que, por primeira vez, se estenderá máis aló da provincia da Coruña. O evento, que recentemente foi declarado Festa de Interese Turístico Nacional, supón un recoñecemento ao traballo da veciñanza e das entidades implicadas na súa organización.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, presentaron este martes o programa oficial da festa nun acto no CIFP Compostela, acompañados pola directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita, o director do centro, Ramiro Esparís, e a actriz e presentadora María Mera.

Durante a presentación, Ovidio Rodeiro destacou a importancia da declaración como Festa de Interese Turístico Nacional, sinalando que ‘é o resultado do esforzo da Asociación Cultural da Filloa, o Concello, os patrocinadores e, sobre todo, os veciños de Lestedo, que foron quen de converter unha festa parroquial nun evento coñecido en toda España’.

O rexedor tamén anunciou que a programación deste ano incluirá máis actividades ca nunca, grazas ao recente irmandamento coa Feira do Cocido de Lalín. Segundo Rodeiro, este acordo supón ‘un espello no que mirarse e unha oportunidade para aprender da primeira festa gastronómica con recoñecemento de Interese Turístico Internacional’.

Pola súa banda, José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa, subliñou que este recoñecemento ‘poñerá en valor a tradición das filloas e o traballo das xeracións que mantiveron viva esta festa ao longo dos anos’. Canabal recomendou que os asistentes proben dúas das elaboracións máis características da edición deste ano: filloas recheas de Porco Celta e Filloas de Cocido, resultado da colaboración coa Feira do Cocido de Lalín.

TODA A PROGRAMACIÓN

O domingo 9 de marzo, día grande da Festa da Filloa, o evento contará co Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla, no que participarán máis de cincuenta xenerais e xeneralas. Ademais, a tradicional máquina filloeira, capaz de elaborar preto de 2.000 filloas cada hora, funcionará desde primeira hora da mañá. Paralelamente, as filloeiras e filloeiros prepararán as filloas á pedra, doces e recheas, mantendo viva a tradición artesanal da festa.

A programación previa inclúe varias actividades de promoción, tanto dentro como fóra da provincia, como un showcooking e degustacións en Lalín, no marco da IV Feira Internacional de Apicultura; un desfile dos Xenerais da Ulla na LVII Feira do Cocido de Lalín o 23 de febreiro, e xornadas gastronómicas no centro comercial El Corte Inglés, con degustacións gratuítas de filloas os días 28 de febreiro, 1, 3 e 4 de marzo.

Tamén se celebrará a terceira edición da Festa da Filloíña, o 1 de marzo, con actuacións musicais e un pregón infantil a cargo do alumnado do CPI Antonio Orza Couto. O evento contará ademais cos Atranques de Xeneraliños da Ulla e un concurso de disfraces infantil, así como un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Por outra banda, o Filloa Cooking, a sección dedicada a showcookings, ofrecerá cinco sesións no local social de Lestedo. A primeira, titulada ‘Orixes Galegas’, terá lugar o 2 de marzo e será impartida polo chef Alberto Lareo, do restaurante Maina en Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Fotowalk Galicia reúne en Boqueixón máis dunha trintena de afeccionados á fotografía

Un total de 34 persoas afeccionadas á fotografía chegadas de distintos puntos de Galicia...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

Boqueixón completa antes de agosto a roza de máis de 250 quilómetros de pistas municipais

O Concello de Boqueixón deu por rematada antes do inicio de agosto a limpeza...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here