InicioSANTIAGOAMESBertamiráns celebra a XVIII edición da Carreira Ciclista do Pavo con máis...

Bertamiráns celebra a XVIII edición da Carreira Ciclista do Pavo con máis de 60 participantes

Juan José Bodelo impúxose na proba disputada este domingo no circuíto urbano do paseo fluvial

Publicado o

Xornal de Compostela

A localidade de Bertamiráns, no concello de Ames, acolleu este domingo 21 de decembro unha nova edición da tradicional Carreira Ciclista do Pavo, que chegou á súa décimo oitava convocatoria cunha participación de máis de sesenta corredores. A proba desenvolveuse nun circuíto urbano pechado, situado nas inmediacións do paseo fluvial, e contou tamén con actividades previas dirixidas ao público infantil.

O triunfo final foi para Juan José Bodelo, do Club Ciclista Compostelano, que logrou subir ao máis alto do podio tras completar as 30 voltas ao percorrido. Na segunda posición clasificouse Cristian Lapido, do Club Ciclista Vigués, mentres que o terceiro posto foi para Vicente Alló Núñez, representante do Club Ciclista Chantadino. En total, tomaron parte na carreira 62 ciclistas.

O circuíto tivo unha lonxitude aproximada de 1.100 metros por volta, e discorreu, como en edicións anteriores, por vías da contorna do paseo fluvial de Bertamiráns, incluíndo a avenida da Maía, a rúa das Pesqueiras, a rúa Entrerríos, o camiño de Paraxó e a estrada de Lapido. Ao longo da proba realizáronse tamén catro sprints especiais, coincidindo co paso pola meta ao inicio das voltas 5, 10, 15 e 20.

Estes sprints serviron para repartir agasallos de Nadal e tiveron como gañadores a Juan José Bodelo, Delio Fernández, Cristian Lapido e Javi Iglesias. Ademais, a organización entregou premios aos tres primeiros clasificados da xeral, completando así un total de sete galardóns repartidos ao longo da xornada.

Como é tradición nesta carreira, os premios principais consistiron na entrega dun pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Desde a organización aclarouse que non se trataba de animais vivos e que, ao existir unha única categoría competitiva, os obsequios foron para as primeiras persoas en cruzar a liña de meta.

Antes do inicio da carreira principal, o público asistente puido gozar dunha serie de xincanas ciclistas infantís, nas que participaron nenos e nenas da localidade. Estas actividades estiveron organizadas polo persoal da Escola de ciclismo Velostar, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva desde idades temperás.

Durante a xornada tamén se levou a cabo unha homenaxe aos ciclistas galegos Delio Fernández e Samuel Blanco, xa retirados do ciclismo profesional. Ambos formaron parte do mesmo equipo no Sporting-Tavira portugués, conxunto que compite na categoría continental da Unión Ciclista Internacional.

No acto de entrega de premios participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, así como outros membros do grupo de goberno municipal. Tamén asistiron representantes do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego de Ames, nunha xornada que combinou deporte, participación cidadá e ambiente festivo nas portas do Nadal.

ÚLTIMAS

Antonio López amosa a súa sorpresa pola dinámica de confrontación nas eleccións á reitoría da USC

O actual reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, manifestou este mércores...

A MICE aposta polo rexistro antropolóxico e os sons en perigo na súa 21ª edición

A 21ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se celebrará entre...

Marta Abal alerta dun “preocupante freazo” na actividade urbanística en Santiago tras a caída da construción de vivendas

A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, advertiu dun “preocupante freazo”...

Boqueixón organiza unha andaina pola igualdade e un curso de defensa persoal polo Día da Muller

O Concello de Boqueixón conmemorará o Día Internacional da Muller cunha programación que inclúe...

UCIN insta a PP e BNG a promover unha moción de censura no Concello de Ames

O coordinador de José Luis Calo, representante de UCIN, fixo pública a súa petición...

O BNG reclama ao Goberno a cesión gratuíta do tramo ferroviario entre Fraiz e A Moniña para convertelo en senda verde

O BNG volveu instar ao Goberno central a que autorice a cesión gratuíta e...

O pleno de Ames rexeita inicialmente o orzamento municipal de 2026 e o alcalde anuncia unha cuestión de confianza

O Pleno extraordinario celebrado esta mañá no Concello de Ames saldouse coa rexeita da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here