InicioSANTIAGOAMESO Pleno de Ames debaterá este xoves a nova taxa do lixo...

O Pleno de Ames debaterá este xoves a nova taxa do lixo e un suplemento de crédito de máis de 3 millóns de euros

A Corporación tamén analizará a revisión de prezos e ordenanzas do centro deportivo A Telleira e dúas mocións do PP sobre seguridade viaria e vertidos no río Sar

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames celebrará este xoves, 30 de outubro, o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro, no que se abordarán cuestións económicas, fiscais e de xestión municipal, ademais de dúas mocións políticas do grupo popular. A sesión será emitida en directo a través da canle de YouTube do Concello.

O suplemento de crédito 3/2025, por un importe total de 3.163.636 euros, será un dos principais puntos da orde do día. A operación financiarase con remanente de tesourería para gastos xerais e permitirá cubrir necesidades orzamentarias relacionadas co funcionamento ordinario dos servizos municipais. Entre os conceptos máis destacados figuran o incremento do 25% no complemento específico do persoal municipal, que supón 231.017 euros, e o reforzo de partidas para servizos de recollida e tratamento de lixo (1,79 millóns), educación (437.000 euros), gasto corrente (479.000 euros) e investimentos (223.000 euros).

Outro punto relevante será a aprobación inicial da nova ordenanza fiscal da taxa polo servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos. O texto redefine o feito impoñible, limitándoo ás prestacións de carácter obrigatorio, e introduce un novo sistema de tarifas mixto, con cota fixa e cota variable en función do número de persoas empadroadas por vivenda ou dos metros cadrados dos locais comerciais. O Concello non aplicará por agora o 100% do custo real do servizo, senón aproximadamente o 75%.

A Corporación tamén tratará a aprobación do POS+ Adicional 4/2025, que achega 498.473 euros ao municipio. Desta cantidade, 152.984 euros destinaranse a gasto corrente e o resto (345.488 euros) a investimentos financeiramente sostibles.

Tamén se debaterá a autorización do incremento das gratificacións, horas extraordinarias e complementarias do persoal, cun montante global fixado en 394.885 euros, condicionado á aprobación do suplemento de crédito.

O centro deportivo municipal A Telleira será outro dos eixos do debate. Prevese a revisión dos prezos do contrato de xestión e mantemento para 2026, cun incremento do 2,3%, derivado da evolución do IPC galego entre xullo de 2024 e xullo de 2025. Ademais, someterase a aprobación inicial a modificación da ordenanza reguladora do prezo público polo uso das instalacións, co mesmo incremento porcentual.

Por último, o grupo municipal popular presentará dúas mocións: unha para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial DP-0206 e outra relacionada cos vertidos no río Sar provocados polas obras da nova depuradora de Silvouta, en Santiago de Compostela.

O pleno comezará coa dación de conta dos decretos da Alcaldía, das actas da Xunta de Goberno Local e das liñas fundamentais do orzamento municipal para 2026, ademais da auditoría das redes de saneamento das concas que verten ás EDAR de Ponte Nova e Ameixenda.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Mehdi Elnabaoui e Sandra Mosquera gañan a XXV Carreira Pedestre de Ames entre máis de 1.200 inscritos

A XXV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames celebrouse este domingo, 18 de outubro,...

A muller que apuñalou a un home en Ames en febreiro acepta tratar o seu consumo de drogas a cambio de non ir a...

A muller acusada de tentativa de homicidio por apuñalar un home en Bertamiráns, en...

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here