InicioSANTIAGOAMESO Concello de Ames despide os oito nenos e nenas saharauís acollidos...

O Concello de Ames despide os oito nenos e nenas saharauís acollidos no programa ‘Vacacións en Paz’

As crianzas pasaron o verán con familias amesás e regresarán ao Sáhara os días 5 e 6 de setembro

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames acolleu esta semana a recepción oficial dos oito nenos e nenas saharauís que participaron no programa ‘Vacacións en Paz 2025’, impulsado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Estes menores, procedentes dos campamentos de refuxiados de Tindouf, viviron durante os meses de xullo e agosto con familias amesás, ás que se unirá de novo unha despedida emotiva antes de que regresen ao Sáhara os días 5 e 6 de setembro.

Nesta edición repetiron os rapaces Jalihena, Hadi, Mohamed e Laraibi, e as rapazas Fadala, Zaina e Mariam, aos que se sumou Duaa, acollida por unha familia que participa por primeira vez. As familias amesás coincidiron en que “é unha experiencia marabillosa e moi enriquecedora que nos axuda a valorar máis o que temos e a ser persoas máis solidarias”.

A recepción tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, coa presenza do alcalde Blas García, a concelleira de Benestar Social Uxía García, o técnico de integración social Leo Pena e representantes dos distintos grupos políticos municipais. Tamén participou a voceira de SOGAPS na comarca, Esther Ybarra.

O rexedor municipal puxo en valor a continuidade do apoio institucional: “O Concello de Ames leva colaborando moitos anos neste programa, independentemente de quen goberne. A labor das familias de acollida é vital e imos seguir colaborando, mesmo en maior medida se é posible”.

Pola súa parte, Uxía García destacou “a solidariedade das familias, sen as que non sería posible o programa”, e lembrou que ela mesma participa como acolledora. Esther Ybarra explicou que este verán 305 nenos e nenas están en Galicia co programa, maioritariamente repetidores, o que facilita a súa adaptación. “Aquí podemos ofrecerlles moitas cousas boas, pero non podemos substituír as súas familias. Mentres o Sáhara non sexa libre, SOGAPS seguirá traballando para darlles un verán diferente”, engadiu.

Ademais de compartir experiencias en Ames e noutros puntos de Galicia, os rapaces recibiron revisións médicas, aprenderon galego e castelán e gozaron de actividades de lecer. Antes da súa marcha, o Concello entregoulles unha mochila con material escolar e asumiu, como cada ano, o custe dos billetes de avión de ida e volta.

ÚLTIMAS

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

A USC dá por controlada a situación no San Clemente e agarda unha avaliación técnica para decidir as obras

A Universidade de Santiago de Compostela considera controlada a situación no Colexio Maior San Clemente...

Sanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite a chegada directa de fondos de vivenda a Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, evitou este mércores entrar nun intercambio de declaracións...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here