InicioSANTIAGOAMESO Concello de Ames reclama á Xunta que execute xa a reparación...

O Concello de Ames reclama á Xunta que execute xa a reparación da presa da Ponte Maceira

O goberno local alerta da degradación do entorno BIC e dun posible risco de captación de auga no Tambre ante futuras secas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames volve instar á Xunta de Galicia a executar con urxencia a reconstrución da presa da Ponte Maceira, unha infraestrutura clave tanto desde o punto de vista do patrimonio como do abastecemento de auga á poboación. A estrutura, situada nun enclave declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2017, leva deteriorada desde o ano 2022, cando se produciu unha ruptura que, segundo advirten dende o goberno local, está a afectar á contorna natural e ao nivel do río Tambre.

A situación non é nova. En agosto de 2023, a Xunta asegurara que o proxecto de reconstrución estaba xa na fase de “supervisión e tramitación”, cun orzamento estimado de 400.000 euros. Un ano despois, dende o consistorio amesán denuncian que non hai avances visibles. O alcalde, Blas García, insiste na importancia da intervención, cualificándoa de “imprescindible e inaprazable” pola súa dobre vertente: “conservación do patrimonio e garantía de abastecemento en caso de seca”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, aclara que, de momento, non existe risco de desabastecemento, xa que o nivel do río aínda supera en cinco centímetros a entrada da tubaxe de captación. Porén, sinala que o caudal é inferior ao habitual noutros veráns, algo que achaca directamente á ruptura da presa. Esta situación, di, podería agravarse nas vindeiras semanas se persiste a seca estival.

A preocupación pola conservación deste espazo tamén foi compartida polo Concello de Negreira, co que Ames vén mantendo comunicacións para reclamar a limpeza e restauración dos elementos patrimoniais da zona, como os muíños e os piares da ponte histórica. Ambos gobernos locais solicitaron reunións coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, co fin de coñecer as previsións da Xunta e esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos.

O pasado mes de maio, o pleno do Concello de Ames aprobou unha declaración institucional por unanimidade de todos os grupos da Corporación. O texto reclama a execución inmediata do proxecto técnico comprometido en 2023, así como un plan de intervención integral para a contorna da Ponte Maceira.

Ao tempo que se esixen actuacións, o Concello e a empresa pública Augas de Ames lanzaron unha campaña de sensibilización baixo o lema “Cada gota conta”, coa que se anima á veciñanza a moderar o consumo de auga durante o que resta do verán. Recoméndanse medidas sinxelas como usar a ducha no canto da bañeira, empregar a lavadora a carga completa, limitar o rego ou revisar fugas nas instalacións domésticas.

“A día de hoxe non hai problema de abastecemento, pero é importante actuar con responsabilidade”, reiterou Gustavo Nieto, que apelou á conciencia cidadá para evitar situacións críticas nas semanas máis calorosas do ano.

ÚLTIMAS

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

A alcaldesa lamenta a morte de Beiras e chama a divulgar o seu legado entre as novas xeracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, expresou este venres o seu pesar...

Mercedes Rosón e as non adscritas apoian a oposición veciñal ao parque empresarial de Lavacolla

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, Mila...

Santiago concederá case 2.000 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, 145 máis que o curso pasado

O Concello de Santiago de Compostela prevé conceder un total de 1.989 bolsas de...

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

Gemma Arenas bate o récord mundial W45 e logra o bronce no Mundial de 100 quilómetros de Ames

Ames converteuse este domingo nun dos principais escenarios do atletismo internacional coa celebración do...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here