InicioSANTIAGOAMESO Festival Emerxente estréase en Bertamiráns para dar visibilidade á nova xeración...

O Festival Emerxente estréase en Bertamiráns para dar visibilidade á nova xeración musical da comarca

O evento celebrarase este xoves no parque do Ameneiral, dentro do programa 'Ames en Festas 2025', cun cartel de artistas noveis da zona

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames impulsa esta semana unha nova proposta cultural que busca poñer o foco no talento xuvenil da contorna. Trátase do Festival Emerxente, unha iniciativa promovida polas áreas de Cultura e Mocidade que terá lugar este xoves 7 de agosto, a partir das 20:00, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. A cita enmárcase no programa de celebracións de Ames en Festas 2025 e pretende converterse nun espazo de exhibición e encontro para artistas novos que comezan a súa andaina no mundo da música.

O obxectivo do festival é dobre: ofrecer unha plataforma de visibilidade para a mocidade creadora e favorecer redes de colaboración artística entre os e as participantes, promovendo así novos proxectos culturais no futuro. A primeira edición contará cun cartel composto por catro artistas locais, todos eles con traxectorias emerxentes pero xa cun percorrido creativo notable.

A programación arrancará ás 20:00 horas coa actuación de Helena Pazos, autora do disco De lo íntimo (2023), un traballo de ton confesional e introspectivo no que explora vivencias persoais a través de sonoridades contemporáneas. A súa proposta abrirá unha noite marcada pola diversidade estilística e a aposta pola creación propia.

Ás 20:30, subirase ao escenario MR. T, rapero do Milladoiro e ex-alumno da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), que en só un ano conseguiu publicar 14 temas con produtores de Barcelona e lanzar o seu primeiro álbum, Solitario (2024), centrado en ritmos urbanos.

A terceira actuación, prevista para as 21:00, será a de Lepayitss, alter ego do artista Pelayo Gómez, quen colabora co produtor Daniel Nieto (PRTO). A súa proposta mestura electrónica e música urbana, e vén de cristalizar no traballo Summer Compact Disc, presentado o pasado mes de xullo.

Por último, o compostelán Komojo será o encargado de pechar o festival ás 21:30. Cunha traxectoria que comezou en 2022, o seu álbum máis recente, Love memories, viu a luz o 12 de xullo deste ano. É o artista con máis bagaxe do cartel e conta cunha base consolidada de público, con máis de 1.000 oíntes mensuais en plataformas dixitais.

O Festival Emerxente nace con vocación de continuidade e coa intención de consolidarse como un escaparate para a creación musical nova en Ames e na comarca, nun contexto no que as oportunidades de visibilidade para este tipo de perfís son limitadas. Deste xeito, o Concello busca tamén reforzar o carácter participativo e inclusivo das festas locais, abrindo espazos para o talento mozo e a experimentación artística.

ÚLTIMAS

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

A alcaldesa lamenta a morte de Beiras e chama a divulgar o seu legado entre as novas xeracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, expresou este venres o seu pesar...

Mercedes Rosón e as non adscritas apoian a oposición veciñal ao parque empresarial de Lavacolla

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, Mila...

Santiago concederá case 2.000 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, 145 máis que o curso pasado

O Concello de Santiago de Compostela prevé conceder un total de 1.989 bolsas de...

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

Gemma Arenas bate o récord mundial W45 e logra o bronce no Mundial de 100 quilómetros de Ames

Ames converteuse este domingo nun dos principais escenarios do atletismo internacional coa celebración do...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here