InicioSANTIAGOAMESO Encontro de Patinaxe Artística reúne en Bertamiráns a preto de 200...

O Encontro de Patinaxe Artística reúne en Bertamiráns a preto de 200 escolares

A XIV edición da cita anual das escolas municipais de Ames encheu o pavillón de coreografías, emoción e recoñecementos

Publicado o

Xornal de Compostela

O pavillón municipal de Bertamiráns acolleu na mañá do domingo, 1 de xuño, a XIV edición do Encontro de Patinaxe Artística do Concello de Ames, unha cita xa consolidada no calendario deportivo local. Durante a xornada, preto de 200 nenos e nenas das escolas municipais de patinaxe amosaron ao público o traballo desenvolvido ao longo do curso 2024-2025 a través dunha serie de coreografías temáticas que encheron de cor e movemento a pista.

O evento, organizado polo departamento de Deportes do Concello de Ames, contou coa colaboración dos clubs de patinaxe artística Sarela, con sede en Bertamiráns, e Omega, do Milladoiro. A programación comezou ás 12:00, coas primeiras actuacións a cargo dos grupos de categoría base, entre os que destacaron as propostas do grupo 1 de Bertamiráns coa súa versión da película Grease en “Ritmo e rodas na pista”, ou a do grupo 0 do Milladoiro, que converteu o espazo nun cuarto de xogos con “O baile dos xoguetes”.

Outros momentos destacados foron “3…2…1… Despegue!”, unha viaxe imaxinaria á Lúa do grupo de Batouta, ou “Cupidos en apuros”, do grupo 4 de Bertamiráns, cunha proposta centrada no amor. Tamén tivo lugar unha exhibición especial da patinadora María Peña, do CP Sarela, campioa provincial na categoría sénior, que puxo o listón técnico do encontro nun nivel moi alto.

Xa na quenda dos grupos de categoría avanzada, a programación continuou co grupo 2 de Bertamiráns e a súa interpretación sobre a mitoloxía clásica en “Pandora: o inicio do fin”. A seguir, o grupo 2 do Milladoiro apostou por unha mensaxe de superación en “O noso soño: chegar a ser olímpicos”, mentres que o grupo 3 de Bertamiráns presentou “Fíos de loita”, un relato coreografado sobre a loita pola igualdade das mulleres. O grupo 1 do Milladoiro puxo o peche ao bloque cunha historia de azar e destino en “Un billete para a fortuna”.

A parte final da xornada estivo protagonizada pola patinadora Inés Peña, tamén do CP Sarela, oitava no Campionato de España, terceira clasificada na Interland Cup de Alemaña e actual campioa provincial na categoría júnior. A súa actuación completou un programa que combinou aprendizaxe, exhibición e espírito deportivo.

O encontro rematou cun desfile final de participantes e monitores, seguido da entrega de medallas e diplomas. Os encargados de facer os recoñecementos foron os concelleiros Susana Señorís, responsable de Deportes, e Gustavo Nieto, de Obras e Servizos Básicos, que agradeceron o traballo realizado ao longo do ano tanto polos clubs como polas familias e o persoal técnico.

ÚLTIMAS

O colectivo de persoas racializadas da acampada do Obradoiro convoca unha concentración contra o racismo no acceso á vivenda

A Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela acollerá este luns 12 de outubro...

Verea acusa o Goberno de Santiago de non preparar a cidade para o Xacobeo 2027

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, cuestionou a actuación do Goberno...

O persoal do comercio de alimentación maniféstase en Santiago para reclamar melloras laborais e salariais

As rúas de Santiago acolleron este sábado unha manifestación de traballadores e traballadoras do...

Sanmartín acusa a Xunta de obstaculizar a zona tensionada e reclama máis datos para avaliar os seus efectos

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, cuestionou este venres a actuación da...

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

Gemma Arenas bate o récord mundial W45 e logra o bronce no Mundial de 100 quilómetros de Ames

Ames converteuse este domingo nun dos principais escenarios do atletismo internacional coa celebración do...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here