InicioSANTIAGOSantiago cortará a entrada de auga aos depósitos se detecta risco pola...

Santiago cortará a entrada de auga aos depósitos se detecta risco pola vertedura de Tordoia

Goretti Sanmartín asegura que o Concello informará á poboación se os parámetros obrigan a actuar e reclama a Augas de Galicia información continua para poder anticipar decisións sobre o abastecemento

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago mantén activado o seguimento da vertedura procedente de Tordoia, que xa alcanzou o río Tambre, ante a posibilidade de que a contaminación se aproxime ao punto do que se abastece a cidade. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, asegurou este mércores que o Goberno local interromperá a entrada de auga aos depósitos municipais se as medicións detectan algún risco para a captación.

“Ante calquera parámetro que implique algún tipo de risco, pararemos a subministración aos depósitos e informaremos á cidadanía”, explicou Sanmartín tras unha nova reunión do Comité Municipal de Coordinación. Este órgano continúa avaliando a evolución da contaminación e preparando as medidas que poderían ser necesarias nos próximos días en función das analíticas.

A rexedora sinalou que o obxectivo do dispositivo municipal é realizar un “seguimento exhaustivo” e traballar con distintos escenarios para evitar ter que adoptar medidas sen marxe suficiente. A vertedura chegou este martes ao Tambre, unha situación confirmada tamén por Augas de Galicia, despois de avanzar polos cursos fluviais afectados desde Tordoia.

Neste contexto, o Concello insiste en reclamar a Augas de Galicia información “completa e puntual” sobre a evolución dos niveis de contaminación. Sanmartín considera necesario dispor deses datos coa maior antelación posible para tomar decisións sobre unha infraestrutura que non abastece unicamente Compostela, senón tamén parte da súa contorna.

“Son decisións que afectan o conxunto dos veciños de Santiago e mesmo a veciños do Milladoiro”, lembrou a alcaldesa. O Concello xa viña traballando desde a semana pasada coa hipótese dunha eventual suspensión temporal da captación e adoptara medidas preventivas para conservar ao máximo as reservas de auga, como a eliminación de regas e baldeos municipais.

A CHEGADA AO TAMBRE REABRE AS DIFERENZAS SOBRE AS PREVISIÓNS

Sanmartín recoñeceu que os traballos desenvolvidos para conter e retirar a contaminación tiveron resultados, pero advertiu de que non conseguiron impedir a súa chegada ao Tambre. Segundo trasladou a alcaldesa, os valores rexistrados na fronte da vertedura sitúanse en niveis que non permiten a súa entrada na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP).

A chegada da contaminación ao río prodúcese despois de que a Xunta defendese a semana pasada que non alcanzaría a infraestrutura de abastecemento compostelá. O 17 de setembro, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, afirmou que, cos datos dispoñibles nese momento, a vertedura non chegaría á ETAP de Santiago e descartou afeccións ao abastecemento de Compostela, Trazo e Oroso.

Sanmartín cuestionou agora aquelas previsións á vista da evolución posterior da vertedura. “Esta situación pon en evidencia as previsións de Augas de Galicia e incluso da conselleira de Medio Ambiente, quen garantiu hai unha semana que a vertedura non chegaría a Santiago”, manifestou.

A XUNTA PIDE A SANTIAGO QUE DETALLE ATA ONDE PODE TRATA A ETAP A AUGA DO TAMBRE

A Xunta dirixiuse ao Concello de Santiago para solicitar “información completa e actualizada” sobre a “capacidade real de tratamento” da ETAP municipal ante episodios excepcionais, nun contexto marcado polo vertido provocado a semana pasada pola rotura dunha balsa de puríns nunha granxa de Tordoia. Nunha carta remitida ao Concello de Santiago, e despois de que o vertido chegase ao río Tambre, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, considera necesario poder “actualizar e concretar, canto antes” os parámetros de funcionamento que ten a estación potabilizadora municipal “ante a situación actual e os futuros escenarios posibles”.

Tras sinalar que as actuacións de retención, retirada e redución da carga contaminante coordinadas por Augas de Galicia -xunto co proceso natural do propio río- “permitiron diminuír xa de forma moi significativa as concentracións de amonio nas masas afectadas”, Augas de Galicia explica que, “ante un episodio destas características, resulta conveniente coñecer con precisión os parámetros cos que opera o sistema municipal de abastecemento”.

Por iso, solicita ao Goberno local e á empresa xestora da ETAP que “actualicen e concreten os valores límite de amonio cos que poden garantir unha potabilización axeitada da auga que capta do río Tambre”, así como as medidas de continxencia previstas no caso de seren necesarias. Así mesmo, Augas de Galicia pídelle ao Concello que explique “por que considera que os niveis de concentración actuais detectados no primeiro tramo afectado do Tambre”, ao que o vertido “chegou moi diluído”, limitarían “a capacidade da instalación potabilizadora, cando en realidade son moi inferiores aos valores establecidos por lei e aos historicamente fixados para tratar este tipo de augas”.

O director de Augas de Galicia expón que, se a entidade encargada da xestión da ETAP “considera que non pode tratar de forma temporal auga bruta con niveis de amonio que permite a lei mesmo para o consumo humano”, é necesario “saber cales son as limitacións técnicas ou de funcionamento que llo impiden, xa que o Concello ten que garantir con esta infraestrutura valores de potabilización axeitados”.

EVOLUCIÓN FAVORABLE

A Xunta lembrou que, de acordo co marco lexislativo vixente, “asegurar que a captación, o tratamento, as reservas e, de ser necesario, os sistemas alternativos de subministración estean preparados para garantir a continuidade e a seguridade do abastecemento son competencias municipais”.

Polo tanto, “corresponde ao Concello e á entidade xestora da ETAP responder coas medidas axeitadas ante este tipo de episodios extraordinarios”, apuntan. Pola súa banda, Augas de Galicia comprométese a “manter o operativo de control, contención e limpeza despregado nas zonas afectadas e a seguir realizando un seguimento intensivo da afección”, trasladándolle ao Concello “os últimos datos sobre a evolución do vertido e os resultados analíticos dispoñibles”.

Os últimos resultados analíticos dispoñibles nestes momentos confirman que a concentración de amonio nos puntos de control establecidos ao longo da canle fluvial “segue reducíndose, tanto nas barreiras colocadas en diferentes puntos como tamén augas abaixo”, xa superado o último dique de contención na ponte da Torre.

ÚLTIMAS

O Sindicato de Vivenda de Compostela denuncia que unha manifestante ingresou no hospital tras unha agresión policial

O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga...

O PSdeG abre a campaña en Santiago cun chamamento á mobilización para o 29-N

O PSdeG iniciou en Santiago a campaña para as eleccións xerais do 29 de...

Pedro Sánchez participará nun acto electoral en Santiago o mércores 18 de novembro

O presidente do Goberno e candidato do PSOE ás eleccións xerais, Pedro Sánchez, visitará...

Fronte Ampla propón crear unha empresa farmacéutica pública en Santiago en colaboración coa USC

A coalición Fronte Ampla presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu programa...

A mocidade de Santiago propón novos espazos de lecer e melloras na mobilidade e na comunicación

O Consello Municipal de Mocidade de Santiago de Compostela reuniuse este xoves para estudar...

Condenados a máis de 4 anos de prisión por prender lume a unha discoteca de Santiago con 200 persoas dentro por non deixalos entrar

O que comezou como unha negativa a permitir a entrada nun local de ocio...

O helicóptero do 061 con base en Santiago permanece inoperativo dende o venres por un problema de documentación

O helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago leva sen operar dende o...