O Xacobeo 2027 entra na súa conta atrás en Santiago de Compostela. A falta de cen días para o inicio do próximo Ano Santo, a Oficina de Acollida ao Peregrino conta desde este martes cun cronómetro que permitirá consultar diariamente o tempo restante ata a chegada de 2027. O dispositivo foi activado nun acto no que participaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o comisario do Xacobeo, Marcos Gómez Román; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o deán da Catedral, Manuel Jesús Formoso.
O acto serviu tamén para facer balance dos preparativos dunha celebración que volverá situar Santiago como destino final das rutas xacobeas durante un Ano Santo. Gómez Román resumiu o momento asegurando que o Xacobeo “ponse a cen” e incidiu en que a Administración autonómica leva meses traballando na organización da cita de 2027.
“Este é un acto moi sinxelo, pero moi simbólico”, afirmou o comisario, que apuntou ás “expectativas” xeradas arredor do próximo Ano Santo. Segundo defendeu, o Xacobeo será “un dos acontecementos máis relevantes a nivel europeo” e representa “unha gran oportunidade para Galicia”. O obxectivo trasladado pola Xunta é facer da celebración “a gran festa de Galicia” e aproveitar a convocatoria como “unha ocasión única”.
Desde a Catedral, o deán Manuel Jesús Formoso puxo o foco no papel que volverá asumir Compostela como punto de chegada das peregrinacións. Formoso sinalou que faltan cen días para o momento “no que o mundo enteiro volverá mirar a Galicia” e no que Santiago e, particularmente, a Praza do Obradoiro, se converterán “na meta do corazón de millóns de persoas”.
O deán advertiu, ao mesmo tempo, de que “queda moito por facer” antes do inicio do Ano Santo e chamou a preparar a acollida dos visitantes. “Abrir o corazón para recibir a miles de persoas que xa están a facer as súas mochilas para facer esta cidade máis universal”, expresou durante o acto celebrado na Oficina de Acollida ao Peregrino.
MÁIS DE 700 PROPOSTAS PARA A PROGRAMACIÓN
A activación do cronómetro coincide cunha fase de preparación na que a programación do Xacobeo 2027 aínda está en proceso de definición. A Xunta asegura que pretende configurar unha oferta diversa, inclusiva, distribuída polo territorio galego e que non quede limitada ao propio Ano Santo.
Dentro do Plan de Patrocinios, a Administración autonómica aprobou ata o momento 128 proxectos, cuxas actividades se desenvolven xa ao longo de 2026 como antesala da celebración. Ao mesmo tempo, o Goberno galego recibiu máis de 700 propostas de actos para integrar na programación e está a avaliar actualmente cales delas recibirán apoio para a súa celebración durante 2027.
A preparación esténdese tamén ao programa ‘O Teu Xacobeo’, co que entidades, profesionais e pequenas e medianas empresas impulsan actividades relacionadas coa cultura xacobea. A través da convocatoria en marcha estanse organizando arredor de medio cento de iniciativas, ás que se poderá sumar unha nova remesa de proxectos coa apertura en outubro doutra convocatoria de axudas para eventos que se desenvolvan en 2027. A convocatoria prevista estará aberta entre o 1 e o 31 de outubro.
Outro dos ámbitos nos que traballa o Executivo autonómico é o dos patrocinios empresariais. A Xunta xa formalizou acordos de colaboración con compañías como Fillos de Rivera, Leite Río ou Vegalsa-Eroski e continúa avanzando na incorporación de empresas galegas. Paralelamente, prepara a campaña institucional que acompañará a promoción do novo Ano Santo.
MÁIS DE 454.000 COMPOSTELAS NO QUE VAI DE ANO
A conta atrás arranca nun ano no que o Camiño de Santiago mantén un elevado volume de peregrinos. Segundo os últimos datos difundidos, máis de 454.000 persoas recolleron a ‘compostela’ no que vai de 2026, unha cifra que contabiliza unicamente aquelas que solicitaron esta acreditación tras completar a peregrinación.
O número real de persoas que transitaron polas rutas xacobeas é superior, xa que non todos os camiñantes solicitan o documento ao chegar a Santiago e outros percorren unicamente determinados tramos. Os datos recompilados mediante os sensores instalados en distintos puntos do Camiño sitúan en arredor de 736.000 os peregrinos detectados durante este ano.

