InicioSANTIAGOSantiago multiplica por sete a achega a AGADEA e destina 21.150 euros...

Santiago multiplica por sete a achega a AGADEA e destina 21.150 euros a programas para maiores

O convenio financiará actividades de prevención do deterioro cognitivo para persoas de máis de 55 anos en Salgueiriños e oito centros socioculturais do municipio

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago incrementará este ano ata os 21.150 euros a subvención nominativa destinada á Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer, AGADEA, unha contía que nos exercicios anteriores se situaba nos 3.000 euros. A achega municipal permitirá financiar un programa centrado na prevención do deterioro cognitivo e no mantemento das capacidades físicas e sociais das persoas maiores.

A Xunta de Goberno Local aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e a entidade, impulsado desde a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, que dirixe María Rozas. O acordo supón multiplicar por máis de sete a contribución municipal que recibía ata o momento a asociación.

Segundo explicou Rozas, a ampliación do financiamento busca consolidar a colaboración cunha entidade que desenvolve diferentes actividades no ámbito das demencias e do envellecemento. “Este acordo responde ao recoñecemento ao traballo que vén desenvolvendo a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer, e á nosa vontade de reforzar os programas dirixidos ás persoas maiores de Santiago”, sinalou a concelleira.

Os fondos destinaranse ao programa ‘1. Activa Mente. 2. Corpo Activo’, unha proposta orientada á prevención do deterioro cognitivo grave e das demencias. As actividades están pensadas para persoas maiores de 55 anos, tanto para aquelas que presentan un deterioro cognitivo leve como para participantes que non teñen este tipo de dificultades.

O traballo realízase mediante sesións grupais nas que se combinan exercicios de estimulación cognitiva, motora, funcional e social. Entre outras capacidades, abórdanse aspectos relacionados coa atención, a memoria e a linguaxe, ao tempo que se procura manter a actividade física e favorecer a interacción social das persoas participantes.

O programa ten presenza en diferentes puntos do termo municipal. As sesións desenvólvense na Casa das Asociacións de Benestar Social de Salgueiriños e nos centros socioculturais do Ensanche, Cancelas, O Eixo, Nemenzo, Figueiras, Lavacolla, Peregrina e Busto, o que estende a iniciativa tanto pola zona urbana como por distintas parroquias de Santiago.

O acordo con AGADEA forma parte dun grupo máis amplo de convenios aprobados pola Xunta de Goberno Local nas súas últimas reunións para financiar programas de carácter social, asistencial, de inclusión e atención a diferentes colectivos.

Entre eles figura unha achega de 60.000 euros ao centro cultural e social Xoán XXIII para contribuír ao mantemento do seu albergue. O Concello tamén destinará 27.000 euros á Fundación Secretariado Xitano para o desenvolvemento do ‘Programa de inclusión Promociona’.

A Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Aspas recibirá pola súa parte unha subvención nominativa de 6.000 euros, mentres que a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais contará cunha achega de 5.000 euros. Para a Fundación Andrea foi aprobada unha axuda municipal de 3.000 euros.

A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace aos convenios vinculados á Unidade Municipal de Atención ás Migracións, UAMI. Neste ámbito, a Plataforma polo Emprego recibirá 21.000 euros, mentres que a Coordinadora Galega de ONGs contará cunha contribución municipal de 19.000 euros.

ÚLTIMAS

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Patadas na cabeza, unha navalla e ameazas previas: investigan dúas agresións nas festas de Conxo

Familias e amigos de dous mozos denunciaron por distintas vías que ambos tiveron que...

Santiago de Compostela dará inicio a unha Volta Ciclista España 2027 que arrincará en setembro

A próxima edición 2027 da Vuelta Ciclista a España sairá de Galicia, concretamente da...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here