InicioSANTIAGOCompostela lembrará a Ánxel Casal e a Camilo Díaz Valiño no 90...

Compostela lembrará a Ánxel Casal e a Camilo Díaz Valiño no 90 aniversario dos seus asasinatos

O Pazo de Raxoi acollerá o mércores 19 de agosto un acto institucional coa participación de Santiago, Teo e Arzúa e cun relatorio do deseñador Pepe Barro sobre a relación entre ambas as figuras

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago conmemorará o vindeiro mércores 19 de agosto o 90 aniversario do asasinato de Ánxel Casal, alcalde republicano da cidade en 1936. O acto desenvolverase ás 12:00 no Pazo de Raxoi e servirá tamén para lembrar a figura de Camilo Díaz Baliño, ilustrador e delineante municipal que fora asasinado cinco días antes.

A homenaxe estará encabezada pola alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín Rei, e contará coa presenza de representantes dos concellos de Santiago, Teo e Arzúa, tres municipios ligados aos últimos días de Casal e ás circunstancias que rodearon a súa detención e morte. O Concello convidou tamén persoas e colectivos relacionados coa recuperación da memoria histórica.

Ánxel Casal foi asasinado en Cacheiras, no concello de Teo, o 19 de agosto de 1936, pouco despois do golpe militar que desembocaría na Guerra Civil e na ditadura franquista. Cinco días antes, Camilo Díaz Baliño fora asasinado na estrada entre Palas de Rei e Melide, nun episodio que tamén forma parte da represión exercida durante aquelas primeiras semanas.

Os dous compartiran antes da súa morte os baixos do Pazo de Raxoi, onde o franquismo habilitou o cárcere coñecido como A Falcona. Porén, os vínculos entre Casal e Díaz Baliño ían moito máis alá dos últimos días que pasaron detidos: as súas traxectorias cruzáronse durante anos nos ámbitos político, persoal e cultural.

Precisamente esa relación será o eixo central da intervención do deseñador Pepe Barro, que ofrecerá un relatorio no propio Pazo de Raxoi. A súa exposición abordará tamén a influencia que os dous tiveron no desenvolvemento da cultura e da vida política galegas durante as primeiras décadas do século XX.

O acto lembrará igualmente o conxunto das persoas represaliadas por defender a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos, segundo sinala o Concello. A convocatoria forma parte do recoñecemento institucional que o Goberno local puxo en marcha en 2023 arredor da memoria de Casal e da represión franquista.

Con esta iniciativa, o Concello pretende manter dentro da axenda institucional a recuperación das figuras vinculadas á defensa dos dereitos civís e á cultura galega, así como divulgar entre a cidadanía os episodios de represión vividos en Santiago e na súa contorna tras o golpe de 1936.

UN ALCALDE LIGADO AO GALEGUISMO E Á EDICIÓN

Ánxel Casal ocupaba a Alcaldía de Santiago no momento do golpe militar de xullo de 1936. A súa actividade política incluíra tamén a Vicepresidencia da Deputación da Coruña, a participación nas Irmandades da Fala e a militancia no Partido Galeguista.

Casal foi ademais un dos participantes no proceso político que levou á elaboración e aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, plebiscitado poucas semanas antes do levantamento militar. A súa figura quedou así vinculada tanto á política municipal compostelá como ao desenvolvemento do galeguismo político durante a Segunda República.

Paralelamente, desenvolveu un amplo traballo como impresor e editor, cun papel relevante na edición de obras en galego e na creación de estruturas culturais que contribuíron á normalización da lingua. A súa actividade pública combinou deste xeito a política institucional cunha participación continuada nos movementos culturais da época.

Nese percorrido tivo tamén unha presenza destacada a súa muller, María Miramontes, implicada en diferentes iniciativas culturais e políticas. Ambos aparecen, por exemplo, nunha das fotografías tomadas en Madrid con motivo da entrega do Estatuto de Autonomía de 1936, unha das imaxes que documentan a súa participación no galeguismo daquel período.

Noventa anos despois dos asasinatos de Casal e Díaz Baliño, o acto do 19 de agosto volverá reunir no Pazo de Raxoi, o mesmo edificio no que permaneceron detidos, representantes institucionais e colectivos da memoria para lembrar as súas traxectorias e a das demais vítimas da represión franquista.

ÚLTIMAS

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Patadas na cabeza, unha navalla e ameazas previas: investigan dúas agresións nas festas de Conxo

Familias e amigos de dous mozos denunciaron por distintas vías que ambos tiveron que...

Santiago de Compostela dará inicio a unha Volta Ciclista España 2027 que arrincará en setembro

A próxima edición 2027 da Vuelta Ciclista a España sairá de Galicia, concretamente da...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here