As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, e prolongaranse ata o vindeiro 31 de xullo, cando a banda muradá The Rapants actúe na Praza da Quintana. Polo medio, as actuacións de Lila Downs, Shego e os tradicionais fogos artificiais completarán o programa.
Unha das principais novidades é o regreso do espectáculo de luces, que se celebrou por última vez antes da pandemia. Proxectarase sobre a fachada do Pazo de Raxoi durante tres noites consecutivas. A primeira será na madrugada do 24 ao 25, cando se poderá ver de 00.00 a 02.00 horas. Cada pase durará nove minutos e repetirase en intervalos de 15. Os días 25 e 26 comezará unha hora antes, ás 23.00, e rematará á 01.00 horas.
Tamén haberá fogos artificiais as noites do 24 e do 31, que repetirán o mesmo esquema do ano pasado. O primeiro destes dous días lanzarase desde tres puntos: a Alameda, a Cidade da Cultura e o Parque de Carlomagno, en Fontiñas. O espectáculo comezará ás 23.30 horas e terá unha duración mínima de 18 minutos.
O espectáculo do día 31 de xullo, co que se porá o ramo ás festas, lanzarase desde un único punto, a Alameda. Arrincará á mesma hora, ás 23.30 horas, cunha duración mínima de 16 minutos.
Ademais, as atraccións están abertas na Alameda desde o pasado 19 de xullo e permanecerán ata o domingo da vindeira semana, 2 de agosto. Contarán cun horario inclusivo sen ruído os días 21, 28 e 29 entre as 17.00 e as 19.00 horas.
PRIMEIRA SEMANA: JULIAN MARLEY, LILA DOWNS E TRADFEST
A Real Filharmonía inaugurará as festas o día 22, cun concerto ás 20.00 horas na Praza da Quintana, que precederá ao pregón desde o Pazo de Raxoi. O empresario e promotor da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, será o encargado de dar o pregón.
Ao día seguinte, a escola de danza urbana ocupará o escenario da Quintana ás 12.00 e, ás 21.00, farao o reggae do londiniense Julian Marley. Na véspera do día grande, o 24, actuarán Lila Downs e a mestura pop-tradicional galego-latinoamericana de Belém Tajes.
Ese mesmo día, pola tarde, será a quenda da Festa Pícara, que se celebrará desde as 17.30 no Parque de Galeras e contará cos concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona (18.00) e Gramola Gominola (19.30).
O 25 será a xornada dedicada ao folclore galego, que contará con actuacións das principais asociacións da cidade desde as 21.00 na Quintana. Servirá para “abrir boca” de cara ao domingo, cando se celebrará o habitual TradFest. Este prolongarase durante máis de 12 horas en distintos espazos de Santiago, incluídos os actos polo Día do Traxe. Rematará cos concertos de Felisa Segade (22.00) e Budiño (23.00).
PECHE A CARGO DE THE RAPANTS
Xa a semana seguinte, o luns 27 actuará a artista de rock gaditana La Perra Blanco e o martes 28 será a quenda da festa xitana galega Tarara. A rapeira madrileña Bewis de la Rosa e o galego Eris Mackenzie subirán ao escenario da Quintana o mércores 29. O xoves será a quenda da banda indie-rock Shego. Finalmente, a banda The Rapants porá o ramo o 31 de xullo.
Do mesmo xeito, un ano máis haberá orquestras na Alameda compostelá, onde actuarán a Orquestra Finisterre; a Orquesta Compostela; Tania Beiras e os Cumbia Pop; Costa Dorada, e a Orquesta Suavecito. Tamén estarán na festa os peregrinos musicais os días 27 e 29 no Teatro Principal e o martes 28 en San Martiño Pinario.
CARTEL EN HOMENAXE A CAMILO DÍAZ VALIÑO
Este ano, o cartel foi realizado pola ilustradora compostelá Iria Aldegunde. Segundo destacou na presentación, trátase dun póster “simbólico e esperanzador” que fusiona a tradición compostelá cunha homenaxe ao ilustrador fusilado Camilo Díaz Baliño.
“Cando foi asasinado levaba 10 anos sendo autor dos carteis das festas de Santiago, entón queriamos levar por aí a proposta e creo que recolleu moi ben toda aquela cartelería de Díaz Baliño”, explicou.
250 POLICÍAS INTEGRARÁN O DISPOSITIVO ESPECIAL DE SEGURIDADE
Un total de 250 axentes da Policía Nacional integrarán o dispositivo especial de seguridade previsto para as festas do Apóstolo, que este ano desenvolverán o seu programa entre o mércores 22 e o venres 31 de xullo. O operativo incorporará, entre outros efectivos, axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP), coñecidos popularmente como antidisturbios; membros do Grupo de Operacións Especiais (GEO); guías caninos; unidades aéreas; efectivos de Subsolo; Tédax e unidades de Cabalería.
Ademais do reforzo achegado con policías procedentes doutros lugares, o dispositivo tamén contará coas unidades que de maneira habitual forman parte da Comisaría de Santiago, como as unidades de patrullas e a Policía Xudicial, segundo detallaron fontes oficiais da comisaría. A maior parte do operativo despregarase nos días centrais das festas, o 24 e o 25 de xullo.
ANTIDISTURBIOS, GEO, TÉDAX, DRONS E ANTIDRONS
O dispositivo sumará axentes da UIP, do GEO e da Unidade de Subsolo, encargados de realizar rexistros e vixilancias baixo terra. Tamén participarán técnicos especialistas en desactivación de artefactos explosivos, os Tédax; guías caninos; e unidades aéreas compostas por drons e sistemas antidrons. O obxectivo é reforzar a seguridade durante uns días nos que Santiago concentra unha elevada afluencia de persoas, tanto pola programación festiva como polo propio fluxo turístico e de peregrinos arredor do Día de Galicia.
AXENTES DA POLICÍA ALEMÁ PATRULLARÁN EN SANTIAGO
Así mesmo, no marco do dispositivo, axentes da Policía Alemá patrullarán xunto con efectivos da Policía Nacional entre os días 15 e 31 de xullo, dentro do proxecto de Comisarías Europeas, no que Santiago xa participou en anos anteriores. Estes axentes realizarán patrullas uniformadas a pé ou en vehículo en zonas de grande afluencia turística. A súa función será colaborar na atención ás vítimas de delitos destes países, contribuír á prevención da delincuencia e apoiar na tramitación de denuncias.
UNIDADES DE CABALERÍA PARA REFORZAR A SEGURIDADE NO VERÁN
Ademais, a Policía Nacional despregou en Galicia efectivos da Unidade Especial de Cabalería co obxectivo de reforzar durante os meses de verán a seguridade cidadá, a prevención de incendios forestais e a protección das persoas que percorren os diferentes itinerarios do Camiño de Santiago.
Os axentes realizarán patrullas preventivas dirixidas a detectar condutas ou situacións que poidan favorecer a aparición de incendios e identificar posibles focos. Tamén ofrecerán asistencia e información a peregrinos e visitantes, ao tempo que reforzarán a prevención de furtos, agresións, actos vandálicos e outras condutas que poidan afectar á seguridade das persoas durante o período estival.

