O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela celebrará unha xornada especial con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, co obxectivo de visibilizar a realidade das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e fortalecer a colaboración entre investigación científica e colectivos sociais.
A iniciativa, promovida polo Comité de Diversidade, Equidade e Inclusión do centro e organizada en colaboración con diversas asociacións galegas, desenvolverase baixo o lema ‘Construíndo xuntos a investigación en TEA’. O programa inclúe dúas mesas de debate centradas no impacto dos proxectos do CiMUS na vida das persoas con TEA e na necesidade de integrar a experiencia dos pacientes e das súas familias na investigación biomédica.
A investigadora do CiMUS María Tubío Fungairiño destacou a relevancia desta colaboración ao sinalar que “dar voz ás asociacións galegas implicadas no TEA e contar coa súa presenza no CiMUS é vital para orientar o futuro da nosa investigación”. Segundo engadiu, “así poderemos facer ciencia útil”.
O evento estará aberto á comunidade científica, persoas con TEA, asociacións e público interesado, aínda que será preciso realizar inscrición previa debido á limitación de aforo.
O Grupo de Medicina Xenómica do CiMUS mantén desde hai máis de dez anos unha colaboración continuada con entidades como ASPANAES, ASPERGA, BARBANTEA, BATA, MENELA e a Federación Autismo Galicia. Este traballo conxunto permitiu adaptar os proxectos ás necesidades reais das persoas con TEA, incorporando a visión das familias e profesionais.
Ao longo deste período, desenvolvéronse distintas liñas de análise xenética, desde probas de Array CGH ata a secuenciación de exoma completo (WES), no marco do Autism Sequencing Consortium, técnicas que posteriormente foron incorporadas á carteira de servizos do sistema sanitario público galego. Na actualidade, a investigación continúa coa secuenciación de xenoma completo (WGS), ampliando as posibilidades de diagnóstico.
Esta colaboración tamén facilitou avances na investigación fenotípica do TEA, abordando aspectos como o procesamento sensorial, a disfunción executiva ou a desregulación emocional, así como novas liñas centradas no camuflaxe de trazos autistas e na detección temperá.
Ademais, impulsáronse iniciativas de divulgación e transferencia de coñecemento relacionadas co neurodesenvolvemento, a saúde mental e a calidade de vida das persoas con TEA.
UN MODELO DE INVESTIGACIÓN COLABORATIVA
A xornada pretende reforzar o modelo de investigación participativa e orientada ás persoas, no que o CiMUS sitúa á comunidade no centro do proceso científico. O centro da USC está especializado no estudo das enfermidades crónicas e organiza a súa actividade en programas centrados nos mecanismos moleculares das enfermidades e na investigación integrativa traslacional, co obxectivo de conectar o coñecemento básico coa práctica clínica.
Recoñecido pola Xunta de Galicia co selo CIGUS e acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, o CiMUS desenvolve a súa actividade en colaboración con institucións científicas, sanitarias e empresariais, tanto a nivel galego como internacional.

