A sección sexta da Audiencia da Coruña, con sede en Santiago, acollerá o venres 27 a audiencia preliminar do xuízo contra un home que agrediu cun vaso a unha muller que lle recriminou que insultase á súa irmá. Segundo o escrito fiscal, os feitos sucederon en agosto de 2024, cando a vítima e o seu presunto agresor se atopaban nun local de ocio nocturno de Santiago. A prexudicada e a súa irmá estaban na cola do baño cando o procesado insultou á muller. Nese momento, a vítima recriminoulle o seu comportamento e, segundo a versión do fiscal, o acusado golpeouna na cara cun vaso.
Unha vez que o vaso rompeu, o home continuou golpeándoa ata que interveu o persoal do local e logrou separalos. A Fiscalía considera os feitos constitutivos dun delito de lesións e pide para o acusado unha pena de cinco anos de prisión. Así mesmo, solicita unha indemnización de case 40.000 euros para a muller polos prexuízos estéticos e as lesións xeradas durante o ataque.

