A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza incorporou unha nova técnica para o tratamento dos tumores renais baseada na crioablación mediante frío extremo, un procedemento minimamente invasivo que permite destruír o tumor sen recorrer á cirurxía aberta e cunha recuperación máis rápida para as persoas pacientes.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, o primeiro paciente tratado con esta técnica no Hospital Clínico Universitario de Santiago foi sometido recentemente á intervención con resultado satisfactorio. O procedemento aplicouse ao tratarse dun caso con alto risco cirúrxico, no que esta opción terapéutica resultaba máis axeitada que a intervención convencional.
Na intervención participaron profesionais de diferentes servizos do hospital, entre eles os especialistas en radioloxía intervencionista Jorge González, Adrián Martínez e Ana Afonso, xunto coa técnica de Radiodiagnóstico Carmen Vilas, a enfermeira Raquel Silva, a residente Marta Aumente e a especialista en anestesioloxía Inmaculada Vidal.
A posta en marcha deste procedemento require a coordinación de varios servizos hospitalarios. A Unidade de Radioloxía Vascular e Intervencionista é a encargada de indicar e realizar a técnica, mentres que o servizo de Uroloxía asume o ingreso e seguimento da persoa paciente en planta. Pola súa banda, o servizo de Anestesia proporciona o soporte necesario durante a intervención.
A crioablación renal consiste na destrución do tumor mediante a aplicación de temperaturas moi baixas. O procedemento realízase introducindo, guiadas por ecografía ou por tomografía computarizada (TAC), unha ou varias criosondas directamente no interior da lesión.
Estas agullas especiais xeran temperaturas que poden descender ata os -40 graos ou inferiores, formando arredor do tumor unha chamada “bóla de xeo” que provoca a destrución das células tumorais sen necesidade de abrir cirurxicamente o órgano.
Ata o momento, as opcións terapéuticas habituais para este tipo de tumores eran a cirurxía convencional ou a ablación mediante calor. A introdución da crioablación permite, segundo Sanidade, preservar mellor as estruturas do ril, polo que o dano sobre o tecido renal san é menor.
PROCEDEMENTO MENOS INVASIVO
A intervención adoita realizarse por vía percutánea, é dicir, a través da pel, e pode efectuarse con anestesia xeral ou sedación profunda. Este enfoque reduce o impacto da intervención e favorece unha recuperación máis rápida en comparación coa cirurxía tradicional.
Coa incorporación desta técnica, o Hospital Clínico de Santiago amplía as opcións terapéuticas dispoñibles para o tratamento dos tumores renais, especialmente nos casos nos que as condicións do paciente fan recomendable evitar intervencións cirúrxicas máis agresivas.

