InicioSANTIAGORosa Crujeiras e Maite Flores cruzan reproches sobre continuidade e equipo nun...

Rosa Crujeiras e Maite Flores cruzan reproches sobre continuidade e equipo nun cara a cara da segunda volta

As candidatas á Reitoría da Universidade de Santiago centraron boa parte do cara a cara organizado por estudantado, investigadoras e PTXAS na composición dos seus equipos, antes dun debate no que tamén abordaron gobernanza, persoal, infraestruturas e vida universitaria

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O debate electoral organizado este venres polo Consello de Estudantado, a Asemblea de Investigadoras de Compostela e o Colectivo de PTXAS A Trabe situou no centro da confrontación entre Rosa Crujeiras e Maite Flores dúas cuestións previas ao arranque dos bloques temáticos: a incorporación de persoas ligadas aos seus equipos e o significado político desa composición de candidaturas.

Nese inicio, ambas aproveitaron as preguntas específicas formuladas polos organizadores para marcar distancias e reforzar a idea de que representan modelos distintos de universidade de cara á segunda volta das eleccións á Reitoría da USC.

Na súa intervención inicial, Crujeiras agradeceu a organización do encontro e presentou a súa candidatura como unha proposta para abrir “unha nova etapa” na universidade, baseada no “diálogo real”, na escoita, na planificación e na capacidade de executar cambios. Pola súa parte, Flores reivindicou a importancia de aceptar os debates nesta segunda volta e comezou cunha explicación sobre a controversia arredor deste propio encontro, ao sinalar discrepancias sobre as condicións da convocatoria e insistir en que o seu equipo sempre estivo disposto a confrontar programas e ideas.

DULCE GARCÍA E A IDEA DE CONTINUIDADE

A primeira das preguntas estivo dirixida a Maite Flores e puxo o foco na incorporación de Dulce García ao seu equipo. O moderador lembrou que Flores presentara o seu proxecto como renovador e non continuista, e preguntoulle como encaixaba esa presenza na imaxe que a candidatura quería transmitir.

Na resposta, Flores defendeu que a súa proposta “non é continuidade” e sostivo que a presenza de Dulce García responde á importancia do traballo desenvolvido por ela nos últimos anos. Ao mesmo tempo, aproveitou para virar o foco cara á candidatura rival. Afirmou que lle sorprendía esa pregunta porque, segundo indicou, días antes se lle preguntara a Crujeiras por Luis Míguez e posteriormente se fixera público o nome da futura secretaria xeral do seu equipo. Nesa liña, acusou á outra candidatura de actuar “a remolque” e de ir facendo anuncios segundo xurdían cuestións no debate público.

Flores insistiu en que, para o seu equipo, o continuismo ou a ruptura non dependen unicamente de quen se incorpora á candidatura, senón sobre todo de quen lidera o proxecto e do modelo político que representa. Así, tratou de desvincular a incorporación de Dulce García dunha lectura continuista e situou a cuestión no plano do liderado e da capacidade de introducir cambios na universidade.

LUIS MÍGUEZ E O SEU PAPEL NO PROXECTO DE CRUJEIRAS

A segunda pregunta especial estivo formulada a Rosa Crujeiras e xirou arredor de Luis Míguez, despois de que se fixese público que a Secretaría Xeral non recaería finalmente nel, senón en Alicia Villalba, segundo explicou a propia candidata.

Crujeiras respondeu cunha intervención breve e directa. Confirmou que, no caso de ser elixida reitora, a Secretaría Xeral sería ocupada por Alicia Villalba, a quen identificou como a persoa que está a dirixir ese traballo no equipo. Sobre Luis Míguez, sinalou que conta cun “profundo coñecemento da institución” e cunha “valía profesional incontestable”, e engadiu que contarían con el “como con calquera outro membro da comunidade universitaria”.

GOBERNANZA E PARTICIPACIÓN: COINCIDENCIAS NO DIAGNÓSTICO E DIFERENZAS NO ENFOQUE

Tras ese arranque, o debate desenvolveuse en catro bloques temáticos. No primeiro, centrado en gobernanza, desenvolvemento normativo e participación, as dúas candidatas coincidiron en sinalar a necesidade de simplificar procesos administrativos e revisar a normativa interna, aínda que con matices diferentes.

Flores defendeu unha universidade “máis dinámica, máis competitiva e máis aberta á sociedade” e puxo o acento na necesidade de que a participación non sexa só formal, senón efectiva. Pola súa parte, Crujeiras ligou directamente participación e gobernanza, e afirmou que non se poden entender por separado porque para liderar e tomar decisións informadas hai que dialogar.

Na reforma dos estatutos, as dúas apostaron por reabrir o proceso con maior debate. Flores dixo que hai que “comezar de novo” e facelo con todas as estruturas da universidade. Crujeiras, en cambio, considerou que non se debe desmontar o traballo feito e apostou por aproveitar o claustro como espazo central de discusión, ao entender que está infrautilizado.

Tamén apareceron diferenzas arredor do modelo de xerencia, nun dos momentos de maior tensión do debate. Flores presentou ao seu candidato, Xosé Antón Freire, e tratou de diferenciar o seu perfil do proposto por Crujeiras, ao tempo que introduciu críticas sobre outros nomes vinculados á candidatura rival. Crujeiras replicou reivindicando o perfil técnico de Juan Díaz Villoslada e explicou que o seu modelo pasa por unha estrutura con tres vicexerencias: economía e orzamentos, xestión de persoal e servizos á comunidade universitaria.

INFRAESTRUTURAS, FINANCIAMENTO E RECURSOS

No bloque dedicado a política económica e infraestruturas, as candidatas coincidiron en vincular o futuro da USC á capacidade de planificación e á negociación dun mellor marco financeiro. Crujeiras reclamou avanzar cara ao 1% de investimento en educación superior e insistiu na necesidade de facer unha diagnose previa das necesidades da universidade antes de afrontar as negociacións sobre financiamento e infraestruturas.

Flores, pola súa parte, puxo o foco no mantemento dos edificios e na necesidade de ordenar prioridades. Citou exemplos como Historia e Filosofía para ilustrar déficits de conservación, accesibilidade e acondicionamento, e apostou por reforzar a captación de recursos externos dentro do marco público.

As dúas mostraron tamén coincidencia na defensa dunha universidade pública que non quede condicionada por entidades privadas. A respecto do colexio maior San Clemente, ambas asumiron o compromiso de traballar pola súa reapertura, aínda que sen fixar un calendario pechado. Crujeiras apuntou a un investimento estimado de arredor de 5,2 millóns de euros, mentres Flores criticou que os fondos xa gastados non servisen para poñelo de novo en funcionamento e apostou por fórmulas de colaboración con outras administracións.

PERSOAL, INVESTIGACIÓN E DIXITALIZACIÓN

No terceiro bloque, sobre política de persoal e investigación, as dúas candidatas trataron de tranquilizar ao PTXAS ante a posibilidade de que a automatización e a dixitalización dos procesos supuxesen redución de postos. Flores afirmou de maneira expresa que non se trata de recortar prazas, senón de aliviar a carga burocrática, e recoñeceu que o grao de desenvolvemento das propostas é aínda inicial. Crujeiras tamén descartou substitucións e defendeu que a transformación debe comezar pola revisión dos procedementos antes de introducir capas tecnolóxicas que non resolvan problemas de fondo.

Outro dos asuntos abordados foi a suba salarial do persoal predoutoral e posdoutoral. Ambas asumiron que se trata dunha cuestión que hai que afrontar, aínda que condicionada pola situación orzamentaria da universidade. Tamén se falou das axudas predoutorais propias, da mobilidade investigadora e do papel dos centros singulares, cunha discusión sobre se estas estruturas deben incorporar fórmulas máis democráticas de participación interna.

VIDA UNIVERSITARIA, CULTURA, DEPORTE E BENESTAR

O último bloque xirou arredor da vida universitaria, con referencias á cultura, o patrimonio, os servizos e o benestar. Crujeiras definiu a cultura como un dereito e unha ferramenta de transformación, e apostou por unha política cultural inclusiva, descentralizada e vinculada á lingua e ao patrimonio galego. Flores insistiu en que a universidade non é só docencia e investigación, senón tamén convivencia, formación integral e atención ás condicións materiais do estudantado.

Entre as cuestións concretas apareceron os concertos na igrexa da Universidade, a situación do pavillón e doutros espazos deportivos, a cobertura de baixas no servizo de deportes e a posibilidade de reservar prazas en residencias para persoas en situacións de vulnerabilidade, incluídas vítimas de violencia de xénero. As dúas se mostraron abertas a medidas de protección e apoio, aínda que sen desenvolver compromisos detallados máis alá do principio xeral de atención aos casos máis delicados.

PECHE DO DEBATE

Na quenda final de preguntas abertas reapareceron cuestións sobre as garantías democráticas, o uso de canles institucionais en xornada de reflexión, a política deportiva e as acusacións de nepotismo ou discrecionalidade na universidade. Foi tamén nese tramo cando Maite Flores volveu denunciar un clima de “crispación” e pediu a Rosa Crujeiras que contribuíse a frear determinadas situacións, mentres esta se comprometeu a reclamar respecto pola xornada de reflexión e polo proceso electoral.

O debate pechouse cos minutos de ouro respectivos, nos que ambas procuraron condensar o sentido político das súas candidaturas. Crujeiras pediu o apoio da comunidade universitaria para un “proxecto colectivo” asentado na unidade, a participación, o diálogo e os coidados. Presentou a súa proposta como a vía para unha universidade que sexa “abandeirada do autogoberno, do feminismo, da inclusión” e que defenda a súa autonomía e o seu papel no desenvolvemento do país.

Flores, pola súa parte, contrapuxo “dous modelos” e “dous equipos”, e afirmou que a elección non é só entre dúas persoas, senón entre dúas maneiras de imprimir ritmo á universidade nos próximos seis anos. Reivindicou “aires novos”, advertiu de que o prestixio “non se herda, trabállase” e pediu o voto para facer posible unha “remontada” que, segundo dixo, permitiría á USC aspirar a máis.

ÚLTIMAS

Santiago anuncia a reapertura do parque de Bonaval tras o derrube

O Goberno local de Santiago anunciou a reapertura do parque de Bonaval, tras tres...

Santiago levará á Xunta de Goberno a proposta para declarar a cidade zona de mercado residencial tensionado

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou que o Goberno local presentará na Xunta...

Santiago aprobará destinar un piso municipal a recurso habitacional para mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas LGBTIQ+

O Concello de Santiago aprobará na próxima reunión da Xunta de Goberno local que...

Medio cento de estudantes maniféstanse en Santiago para reivindicar a igualdade de xénero no marco do 8M

Preto de medio cento de estudantes participaron este venres nunha mobilización polas rúas do...

Santiago aprobará destinar un piso municipal a recurso habitacional para mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas LGBTIQ+

O Concello de Santiago aprobará na próxima reunión da Xunta de Goberno local que...

Rosa Crujeiras incorpora ao cardiólogo José Ramón González Juanatey como delegado para a Estratexia de Ciencias da Saúde

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, anunciou este...

Alba Nogueira anuncia que non apoiará a ningunha candidata na segunda volta das eleccións á reitoría da USC

A catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira anunciou que non solicitará o voto para...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here