InicioSANTIAGOAlba Nogueira anuncia que non apoiará a ningunha candidata na segunda volta...

Alba Nogueira anuncia que non apoiará a ningunha candidata na segunda volta das eleccións á reitoría da USC

O seu equipo e o Colectivo Proxecto Universidade explican que ningunha das candidaturas ofreceu garantías suficientes sobre os puntos programáticos que consideran esenciais

Publicado o

Xornal de Compostela

A catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira anunciou que non solicitará o voto para ningunha das dúas candidatas que competirán na segunda volta das eleccións á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, prevista para o vindeiro 11 de marzo. A decisión afecta ás candidaturas de Rosa Crujeiras, que obtivo o maior apoio na primeira volta, e Maite Flores, segunda máis votada.

A postura foi comunicada a través dun comunicado conxunto do equipo de Nogueira e do Colectivo Proxecto Universidade, difundido tras unha reunión mantida este xoves para avaliar a posibilidade de pedir o voto para algunha das dúas candidatas. Finalmente, decidiron non apoiar ningunha delas.

Segundo explican, os contactos mantidos coas candidaturas “non ofreceron garantías de cumprimento dos obxectivos programáticos” que defende o colectivo e transmitiron “certa incomprensión” sobre o sentido e a forma que, ao seu xuízo, debe ter o diálogo no ámbito universitario.

DEMANDAS PROGRAMÁTICAS

No comunicado, o equipo de Alba Nogueira lembra que desde o inicio da segunda volta manifestou a súa disposición a dialogar coas dúas candidatas máis votadas. O obxectivo era trasladarlles unha serie de cuestións consideradas “esenciais” para o futuro da universidade e solicitar un posicionamento público explícito sobre elas.

Entre os puntos expostos figuraban tres cuestións principais: un compromiso co equilibrio entre investigación e docencia en todas as áreas da USC, a elaboración dun diagnóstico claro sobre o estado da autonomía universitaria e o compromiso de defendela, e a recondución do proceso de reforma estatutaria a partir de principios democráticos e de deliberación colectiva.

Segundo sinala o comunicado, a candidatura de Rosa Crujeiras “non respondeu nin expresou publicamente un posicionamento claro” sobre estas cuestións. Pola súa banda, Maite Flores remitiu este venres un documento —que o colectivo agradece— no que “recollía algún dos puntos e deixaba fóra significativamente outros”.

VOTO LIBRE ENTRE AS PERSOAS INTEGRANTES

Ante esta situación, o colectivo conclúe que o seu programa “non se ve representado por ningunha das dúas candidaturas en disputa”. Por iso, deixan en mans das persoas que o integran a decisión individual de votar en branco ou apoiar a opción que consideren “menos lesiva” para os intereses da universidade.

Ao mesmo tempo, remarcan que “non consideran positiva a abstención” no proceso electoral.

O comunicado conclúe reafirmando o compromiso do equipo de Alba Nogueira e do Colectivo Proxecto Universidade de continuar traballando polo “ben común da universidade” desde os diferentes órganos colexiados nos que teñen representación.

ÚLTIMAS

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto...

A xuíza de Angrois apoia o indulto total da pena de prisión ao maquinista do Alvia

A maxistrada encargada da execución da sentenza polo accidente ferroviario de Angrois de xullo...