A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, anunciou este xoves a incorporación do cardiólogo José Ramón González Juanatey ao seu equipo como delegado para a Estratexia de Ciencias da Saúde, un cargo desde o que asumirá a coordinación das políticas académicas e investigadoras da universidade neste ámbito.
Segundo explicou a propia candidata durante a presentación, a universidade afronta nos próximos anos un escenario no que será necesario consolidar e reforzar o sistema de formación e investigación biosanitaria desenvolvido arredor dos seus centros docentes e de investigación. Neste sentido, Crujeiras sinalou que este traballo debe continuar realizándose en colaboración co hospital universitario e co instituto de investigación sanitaria vinculado ao complexo hospitalario compostelán.
A candidata destacou que as Ciencias da Saúde constitúen un dos ámbitos estratéxicos da institución e apuntou que o obxectivo é fortalecer a coordinación entre docencia, investigación e transferencia de coñecemento cara ao sistema sanitario e á sociedade.
Crujeiras tamén fixo referencia ao contexto recente no que se sitúa este anuncio, marcado polo debate arredor da implantación do Grao de Medicina noutras universidades galegas. Segundo indicou, esta situación puxo de manifesto a necesidade de que a USC articule unha resposta institucional máis sólida. Neste sentido, afirmou que “a recente controversia arredor do Grao de Medicina puxo de manifesto a necesidade de reforzar unha resposta institucional sólida, coordinada e transversal que preserve o papel protagonista da USC na formación do persoal sanitario en Galicia”.
A candidata sostivo que a universidade compostelá debe manter o seu papel central na formación de profesionais sanitarios e na investigación biosanitaria, ámbito no que, segundo indicou, a institución desenvolve proxectos de investigación considerados de referencia.
Para asumir esta responsabilidade, Crujeiras sinalou que o seu equipo contará con José Ramón González Juanatey, a quen definiu como unha figura de recoñecido prestixio no ámbito médico e investigador. “Para liderar esta visión estratéxica da institución contaremos co doutor José Ramón González Juanatey, unha figura de indubidable prestixio a quen agradecemos que se sumara ao noso proxecto como delegado para a Estratexia de Ciencias da Saúde”, declarou.
Coa creación desta delegación, a candidatura de Crujeiras propón un modelo de coordinación institucional que integre a docencia universitaria, a investigación clínica e a transferencia de coñecemento, coa finalidade de fortalecer o papel da USC no sistema sanitario e científico galego.

