O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC abriu o proceso de selección para o seu programa formativo de persoal investigador predoutoral, integrado na acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu que o centro recibiu o pasado ano por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
A convocatoria ofrece seis contratos internacionais predoutorais, financiados pola Axencia Estatal de Investigación, cunha duración de catro anos e orientados á formación investigadora nas primeiras etapas da carreira científica. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de abril.
O Programa de Doutoramento Internacional do CiMUS propón unha formación estruturada que segue os Principios para a Formación Doutoral Innovadora da Comisión Europea. As persoas seleccionadas integraranse en grupos de investigación punteiros, con acceso a infraestruturas científicas avanzadas e a un ecosistema que promove a conexión entre investigación básica e aplicada.
O programa inclúe actividades formativas, talleres e accións de mentoría, así como seminarios impartidos por especialistas internacionais no ámbito biomédico. Ademais, fomenta a participación en iniciativas internacionais e o desenvolvemento de redes profesionais dentro do ámbito científico.
As condicións económicas do contrato contemplan un salario bruto anual de 19.007,24 euros durante o primeiro e o segundo ano, que se incrementa a 20.364,96 euros no terceiro e 25.456,06 euros no cuarto.
ESTANCIAS INTERNACIONAIS E DIVULGACIÓN CIENTÍFICA
O programa incorpora tamén 7.000 euros destinados a financiar estancias de investigación en institucións de I+D, así como a cobertura das taxas de matrícula do programa de doutoramento durante todo o período contractual.
Entre os requisitos, as persoas seleccionadas deberán realizar unha estancia internacional mínima de tres meses, participar en actividades de divulgación científica, como congresos ou eventos especializados, e presentar os resultados do seu traballo no Workshop anual do CiMUS.
As candidaturas poderán optar a nove proxectos de doutoramento vinculados a diferentes liñas de investigación biomédica. Entre eles figuran estudos sobre nanopartículas para o tratamento da fibrosis hepática, modificacións do ARN relacionadas co destino celular e o cancro, mecanismos inmunes asociados a infeccións virais, ou a regulación circadiana da resposta á radioterapia en gliomas.
Outras investigacións abordan cuestións como a reprogramación da obesidade e do síndrome metabólico, o papel do estróxeno nos circuítos neuromoduladores cerebrais, a comunicación entre astrocitos e neuronas na enfermidade de Parkinson, o control metabólico dos órganos periféricos ou os procesos inflamatorios asociados á caquexia no cancro.
UN CENTRO DEDICADO ÁS ENFERMIDADES CRÓNICAS
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está especializado na investigación de enfermidades crónicas e estrutura a súa actividade arredor de dous programas principais: Mecanismos Moleculares das Enfermidades e Investigación Integrativa Traslacional, orientados a conectar o coñecemento básico coa aplicación clínica.
O centro mantén colaboracións con universidades, hospitais, empresas e entidades de innovación, tanto no ámbito galego como internacional. Ademais do selo María de Maeztu, conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que avala a calidade e o impacto da súa investigación.

