O sindicato estudantil Fervenza vén de denunciar publicamente a presenza de discursos de odio vinculados a unha das candidaturas que concorre ás eleccións á reitoría da USC, previstas para o vindeiro 12 de febreiro. A organización sinala directamente ao catedrático Luis Míguez Macho, proposto como secretario xeral no equipo encabezado por Rosa Crujeiras.
Segundo explica o sindicato, o profesor publicou no ano 2006, nun blog persoal, contidos que consideran incompatibles cos valores dunha institución educativa pública. Entre eles, citan referencias ao matrimonio homosexual, ao que cualificou como un plan do Goberno de Zapatero para “hundir a España en el ridículo y en el descrédito mundial”.
O colectivo estudantil tamén lembra que, noutros textos da mesma etapa, o catedrático se referiu á política lingüística do bipartito galego como unha “intolerable imposición lingüística”, expresión que o sindicato interpreta como unha referencia vexante á lingua galega. Ademais, indican que Míguez Macho manifestou posicións contrarias ás regulacións contra o maltrato animal e á integración das persoas inmigrantes residentes na sociedade.
A organización estudantil lamenta que este tipo de publicacións, que cualifica de graves, formen parte dunha candidatura que, segundo indican, se presenta publicamente como defensora dos dereitos das persoas LGBTIQ+ e favorable ás políticas de normalización lingüística.
Ante esta situación, Fervenza solicita á candidata á reitoría a expulsión inmediata de Luis Míguez Macho do equipo, que a candidata dea as explicacións necesarias e unha condena clara deste tipo de discursos.

