O xurado internacional do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago reunirase este martes para avaliar os anteproxectos e seleccionar a proposta gañadora. Tal e como o anunciou a portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, en rolda de prensa, o plan abarca a iluminación de todas as prazas da contorna da Catedral, así como os tránsitos que as conectan.
Nesta fase, competirán tres propostas, baixo os lemas ‘Hermes’, ‘Shh… See the silence’ e ‘Ad maiora semper’, seleccionadas previamente entre un total de 21 candidaturas nacionais e internacionais na fase de ideas conceptuais. Cada un dos equipos presentou un anteproxecto completo, incorporando as recomendacións formuladas polo xurado tras a primeira avaliación.

