A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este mércores nunha visita ás obras do cruzamento da rúa do Hórreo con Gómez Ulla a construción dunha plataforma elevada que “poña ao peón no centro”. O obxectivo principal é evitar que os camiñantes teñan que “percorrer un tramo para cruzar o paso de peóns e logo ter que regresar”, facilitando un traxecto directo e sen barreiras.
O concelleiro de Vía e Obras, Xesús Domínguez, acompañou á rexedora na súa visita para determinar que as obras se terminarán en “unhas semanas“. Con todo, matizou que o asfaltado do carril de vehículos quedará pendente ante a necesidade dunha mellora climatolóxica que permita que a superficie “polo menos estea seca”. Os coches, segundo explicou Sanmartín, terán que “respectar ás persoas que circulen pola plataforma elevada como elemento prioritario”, xa que se busca un espazo onde se poida camiñar “sen ningún tipo de obstáculo”.
A actuación enmárcase nas 17 intervencións que o goberno local está a levar a cabo en toda a cidade cun orzamento de case 300.000 euros. Segundo a alcaldesa, o obxectivo é “apostar por un modelo urbanístico transformador”. Neste punto concreto, tamén se informou da incorporación de dúas prazas de aparcadoiro para persoas con diversidade funcional e un “agrandamento do carril” para que os vehículos non teñan problemas de mobilidade á hora de realizar o xiro.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ E SEGURIDADE VIARIA
A rexedora incidiu en que estas obras son fundamentais para conseguir un espazo “moito máis accesible para todas as persoas en cadeira de rodas ou con algunha disfunción móbil”, revelando que este modelo se tratará de replicar noutras zonas. Ademais, destacou que a selección dos lugares reformados foi froito dun “sistema de participación cidadá“, dando prioridade ás cuestións reclamadas pola veciñanza.
Pola súa banda, Xesús Domínguez definiu o resultado como un “traxecto peonil continuo” e xustificou a obra por motivos de seguridade. “Tiñamos detectado que a xente non facía o xiro para cruzar polo paso de peóns, pondo en risco a súa seguridade”, asegurou o concelleiro. Así mesmo, adiantou que están a analizar outros cruces con barreiras arquitectónicas, como o da rúa do Hórreo con República Arxentina.
ESTADO DAS OBRAS EN GARCÍA LORCA
Preguntado polo parón das obras na rúa García Lorca tras a detección dunha canalización de fibrocemento, Domínguez recoñeceu que, tras reunirse cos veciños, realizaranse traballos para a mellora do pavimento e da accesibilidade en caso de emerxencia. O concelleiro fixou un prazo de “unhas semanas” para completar os trámites necesarios para incluír esta nova canalización na planificación e poder, desta forma, “retomar a obra”.

