InicioSANTIAGOO xuízo polo homicidio do carniceiro da Praza de Abastos comeza o...

O xuízo polo homicidio do carniceiro da Praza de Abastos comeza o luns na Audiencia Provincial da Coruña en Santiago

O proceso xudicial contra dous acusados pola morte do responsable do posto ‘Chelo & Muñico’ desenvolverase ao longo dunha semana, con xurado popular e declaracións de acusados, testemuñas e peritos

Publicado o

Xornal de Compostela

A sección compostelá da Audiencia Provincial da Coruña acollerá a partir do vindeiro luns o xuízo contra Carlos Eduardo Yépez Núñez e Kevin Freangeddy Martín Guillén, acusados da morte do propietario da carnicería ‘Chelo & Muñico’, situada na Praza de Abastos de Santiago. O proceso iniciarase coa constitución do xurado popular, unha sesión non pública, e prolongarase ao longo de toda a semana.

Segundo o calendario previsto, a primeira xornada con vista oral será o martes, coa declaración dos dous acusados e o inicio das testificales. O mércores continuarán as comparecencias de testemuñas, entre as que figuran axentes da Policía Nacional e da Policía Local. O xoves e o venres estarán dedicados ás probas periciais e está previsto que o obxecto do veredicto se entregue ao xurado o día 2 de febreiro.

O escrito do Ministerio Fiscal sitúa os feitos na madrugada do 12 de novembro de 2024, arredor das 04:30, cando se produciu unha discusión entre os dous procesados e o carniceiro Antonio Costa Martínez nas inmediacións da Praza de Abastos. O enfrontamento continuou no interior do recinto, onde os acusados forcexaron coa vítima e cun vixiante de seguridade que acudiu tras ser alertado polo propio comerciante.

Durante a pelexa, Antonio Costa colleu un haragán de limpeza, obxecto co que posteriormente foi golpeado na cabeza por un dos acusados. Como consecuencia da agresión, o propietario da carnicería faleceu e o vixiante de seguridade resultou ferido, sufrindo diversas lesións.

Tras os feitos, os dous procesados fuxiron polas rúas de Santiago e foron detidos horas despois nos seus domicilios. Desde entón permanecen en prisión provisional á espera da celebración do xuízo.

PENAS E INDEMNIZACIÓNS

A Fiscalía solicita para cada un dos acusados 14 anos de prisión por un delito de homicidio, coa correspondente inhabilitación absoluta, así como dous anos adicionais por un delito de lesións. Ademais, reclama a imposición dunha medida de liberdade vixiada durante cinco anos unha vez cumprida a condena.

No apartado de responsabilidade civil, o Ministerio público pide que os acusados indemnicen á esposa da vítima con 120.000 euros polo falecemento e con 4.222,39 euros polos gastos de enterro, así como 108.875 euros á filla do carniceiro. Para o vixiante de seguridade, a Fiscalía solicita unha indemnización de 15.222,22 euros polos días de curación e de 7.591,71 euros polas secuelas derivadas das lesións sufridas.

O proceso xudicial deberá determinar agora o grao de responsabilidade penal dos acusados polos feitos ocorridos nun espazo emblemático do mercado compostelán e esclarecer as circunstancias nas que se produciu a morte do coñecido carniceiro.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...