InicioSOCIEDADEO proxecto 'Avatares' leva robots de telepresenza ás aulas para evitar o...

O proxecto ‘Avatares’ leva robots de telepresenza ás aulas para evitar o illamento de alumnos hospitalizados

A iniciativa, que comezará como proba piloto no Complexo Hospitalario de Santiago, busca que os alumnos con enfermidades crónicas manteñan o vínculo académico e social cos seus centros mediante o uso de tecnoloxía robótica

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballarán conxuntamente no proxecto ‘Avatares’ para mellorar a atención educativa a alumnos con enfermidades crónicas ou de longa duración mediante a utilización de avatares robóticos. Segundo explican nun comunicado, con este proxecto, os estudantes hospitalizados, a través de robots de telepresenza, poderán seguir conectados ao seu grupo de clase, participar nas actividades e manter o contacto co profesorado e cos seus compañeiros.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron un convenio de colaboración para avaliar a posta en marcha deste proxecto que pilotarán o Centro de Innovación Educativa e Dixital da Consellería e o grupo de investigación Tecnoeduc da universidade compostelá. O proxecto Avatares é unha proposta pedagóxica “innovadora” que facilita a inclusión educativa deste alumnado na medida en que se mantén o vínculo escolar e social, evítase o illamento emocional e académico e facilítase a reincorporación ao centro educativo.

No caso de Galicia, a experiencia piloto levarase a cabo este curso con alumnado de Educación Primaria da aula hospitalaria do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS). Ademais, participará tamén profesorado dos centros educativos de referencia do alumnado hospitalizado, dado que os robots de telepresenza tamén estarán dispoñibles nestes centros para garantir a bidireccionalidade da conexión.

Para a súa implementación, o Centro de Innovación Educativa e Dixital da Consellería será o encargado de coordinar a posta en marcha do estudo piloto, garantir a implicación de toda a comunidade educativa e informar os centros implicados do bo uso dos sistemas de telepresenza. Pola súa banda, a USC, a través do grupo Tecnoeduc, achegará o coñecemento e os recursos para a fase experimental, incluídos catro sistemas de telepresenza (robots AV/AV1).

Así mesmo, ambas as partes elaborarán un estudo para avaliar o impacto desta tecnoloxía no sentimento de pertenza escolar, o benestar emocional e social e a redución do illamento durante os períodos de hospitalización e convalecencia destes nenos. Trátase, pois, de avanzar nunha metodoloxía pedagóxica para a integración de robots sociais no sistema educativo como recurso para a inclusión nos casos de ausencias escolares prolongadas.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...