InicioSANTIAGOAs candidatas á reitoría da USC debaten no Ateneo sobre vivenda, cidade...

As candidatas á reitoría da USC debaten no Ateneo sobre vivenda, cidade e papel social da universidade

O encontro 'Universidade e cidade' reuniu ás catro aspirantes á rectoría para abordar a crise habitacional en Compostela, o valor histórico da institución e a súa relación coa vida urbana

Publicado o

Xornal de Compostela

As catro candidatas á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela protagonizaron na tarde deste luns un debate público centrado na relación entre a universidade e a cidade, coa vivenda, o valor histórico da institución e o papel social da USC en Compostela como eixos principais. O acto celebrouse en Afundación a cargo do Ateneo de Santiago baixo o título ‘Universidade e cidade’ e prolongouse durante máis dunha hora e media.

Na mesa redonda participaron Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira, que expuxeron as súas propostas arredor das necesidades actuais da universidade compostelá e das súas singularidades como institución histórica inserida na cidade.

A quenda inicial correspondeu a Maite Flores, quen definiu a USC como “un dos activos de Santiago” e subliñou que a universidade “non é soamente un centro de educación, senón que é un dos principais motores da cidade”. Na súa intervención tamén fixo referencia ao campus de Lugo, valorando a “vida” que a presenza universitaria achega á cidade amurallada. Flores apostou por reforzar a internacionalización da USC mediante dobres titulacións e unha maior apertura a Latinoamérica, coa finalidade de “fomentar e potenciar a atracción de talento”.

A VIVENDA COMO PRIORIDADE

A cuestión da vivenda ocupou unha parte relevante do debate. Flores advertiu da “insuficiencia” de prazas nas residencias universitarias e sinalou que esta carencia obriga o alumnado a recorrer ao mercado privado. Na mesma liña, Rosa Crujeiras cualificou a situación como unha “emerxencia social” en Santiago e apelou á necesidade de colaborar coas administracións con competencias en materia habitacional. A candidata tamén vinculou o modelo de cidade coa adaptación ao cambio climático, mencionando medidas como a creación de espazos verdes e a redución de emisións.

Crujeiras advertiu ademais do risco de converter Compostela nun “non lugar”, entendido como un espazo sen identidade nin historia, aínda que destacou que a cidade está lonxe desa situación “en parte porque é un lugar en maiúsculas pola súa universidade, que produce memoria colectiva, diversifica o pensamento e cultura”.

CULTURA, CIDADE E INFRAESTRUTURAS COMPARTIDAS

María José López Couso centrou a súa intervención na necesidade de construír unha comunidade universitaria “máis activa e máis saudable” e defendeu o uso compartido das infraestruturas universitarias cando exista “demanda social”. Referiuse á cultura como un “ecosistema compartido” e asegurou que este ámbito amosa con claridade que a USC vai máis aló do académico, cunha programación cultural propia “de alta calidade”. Ademais, propuxo impulsar o turismo de congresos e reforzar a formación ao longo da vida, ao considerar que “a formación xa non se limita a un momento vital”.

Pola súa banda, Alba Nogueira puxo o acento na dimensión laboral e demográfica da universidade, afirmando que “non se pode concibir Santiago sen a xente nova que chega en setembro á cidade” e lembrando que a USC é “un dos principais centros de traballo da cidade”. En materia de vivenda, reclamou de novo a reapertura da residencia de San Clemente, pechada desde o curso 2021/22, ao considerar que “os estudantes deciden non vir a Santiago polo problema da vivenda”.

Nogueira tamén destacou o valor dos edificios históricos da USC, que, segundo indicou, forman parte non só da cidade senón do conxunto de Galicia. Neste sentido, avanzou a súa intención de reclamar un tratamento específico no plan de financiamento, cunha liña propia para este patrimonio. A candidata remarcou que manter o “nivel de excelencia” da USC pasa pola modernización das infraestruturas e por unha administración “aberta, proactiva” e adaptada aos tempos actuais.

TRAXECTORIA DAS ASPIRANTES

No encontro tamén se fixo referencia ao perfil das catro candidatas. Rosa Crujeiras é catedrática de Estatística e directora científica do CITMAga, con experiencia investigadora internacional; Maite Flores é catedrática de Óptica, vicepresidenta da Sociedade Española de Óptica e coordinadora do grupo Photonics4Life, cunha traxectoria vencellada á investigación aplicada; María José López Couso desenvolveu unha ampla carreira de xestión universitaria como decana da Facultade de Filoloxía e vicerreitora; e Alba Nogueira é catedrática de Dereito Administrativo, especializada en dereito ambiental e dereitos lingüísticos, con presenza en órganos consultivos e redes de investigación.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...