Alba Nogueira López, catedrática de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Dereito, incorporouse finalmente á carreira polo reitorado despois de que a Comisión Electoral Central admitise o recurso presentado pola súa candidatura, ao considerar acreditados os requisitos exixidos. Xornal de Compostela entrevista hoxe á candidata, tratando, entre outros asuntos, a súa idea de “universidade en cambio”, a desburocratización da xestión, a accesibilidade administrativa, o debate sobre a competencia das privadas, a situación da investigación e cuestións que afectan de forma directa ao estudantado en Santiago, como a vivenda e a relación entre cidade e campus.
Podería resumir nunha idea o proxecto de universidade que defende e por que se presenta á reitoría?
Preséntome porque creo que as universidades están nun momento de cambio moi profundo, non só aquí, senón a nivel global. Vemos cuestionamentos do coñecemento científico, unha competencia moi aguda das privadas en España nos últimos tempos, cambios nas necesidades formativas e, ademais, a intelixencia artificial está dicíndonos que temos que revisar que tipo de profesionais formamos e que competencias deben ter. E eu creo que a Universidade de Santiago non está prestando suficiente atención a eses cambios da contorna, como se quedase á marxe.
E despois, internamente, penso que traballar na USC cada vez é máis difícil. Hai que facer un esforzo de modernización interna: menos papeleo, desburocratizar a xestión, axudar á xente nos seus postos de traballo e ao estudantado na xestión universitaria. Unha administración máis proactiva, máis aberta. Creo que podo ofrecer esa visión xeral para unha universidade en cambio e esa capacidade e coñecemento para modificar a universidade e facela máis amable.
En relación coa súa exclusión inicial do proceso, considera que non foi só unha cuestión formal. Cal é o problema de fondo?
A universidade é unha administración singular, pero é unha administración, e dende hai moitos anos as administracións funcionan de forma electrónica. Todos os nosos documentos deben estar en formato electrónico e non temos que achegar documentos que xa están en mans da administración. Iso está na Lei de Procedemento Común.
A USC modificou o regulamento electoral por última vez, creo que o 15 de outubro, e non introduciu ningunha previsión de que houbese que achegar certificados para inscribirse no proceso electoral. E pola vía da convocatoria meteuse unha previsión de que había que adxuntar papeis. A min paréceme contrario á lei e non previsto no regulamento electoral.
Na solicitude eu especifiquei que cumpría os requisitos, puxen claramente as datas de comezo e de fin, e entendín que a lei tamén aplica na USC. Os requisitos teñen que verificalos nos rexistros que teñen. En todo caso, entendo que a exclusión foi por motivos formais; quero pensar que a universidade non ten outro tipo de cuestión distinta.
Ligado a isto, fala moito de burocracia, accesibilidade e inclusión. Por que o sitúa como un problema central?
Eu empecei a traballar nestes temas a nivel investigador. No 2020 entendemos un proxecto para estudar como os dereitos sociais, ao final, non se fan efectivos por obstáculos administrativos. Enuncias dereitos, pero logo hai obstáculos: a cita previa, requisitos demasiado exixentes, relación telemática para xente que non ten acceso a medios telemáticos.
Hai un informe de Cáritas moi interesante no que se di que a xente con menos recursos e máis vulnerable ten unha porcentaxe moi alta de non enterarse e non poder acceder ás medidas e ás axudas previstas para a súa situación. Non teñen impresora para imprimir un formulario que só é telemático, ou directamente non chegan á información.
E decatámonos de que o problema non é só ter medidas para esa xente: é que hai moita xente con moitas dificultades de acceso á administración. Eu, con esta experiencia desta candidatura nun só día, recibín moitos correos con casos de estudantes e de todo tipo de persoas: pedir un título, ter esixencias de poder notarial, acumulación de papeis inútiles… Eu creo que está funcionando a administración dunha forma moi pechada, dende unha lóxica de desconfianza. Pódese ter seguridade xurídica funcionando doutra maneira.
De feito, participei no proceso de reforma da administración catalá, nun grupo de expertos, na parte de simplificación de procedementos e uso de intelixencia artificial para facer unha administración proactiva. A min paréceme preocupante porque fai que a administración funcione peor, duplique esforzos e sexa moi agresiva para quen ten menos coñecemento de como funciona.
Vostede mesma recoñece que, pola súa posición, ten máis ferramentas para moverte nesa burocracia.
Eu son unha privilexiada nese sentido: teño mecanismos para moverme. Pero creo que teño responsabilidade de facer que os dereitos que se enuncian non sexan un adorno.
Ás veces pelexar por isto ten custos, pero se os dereitos non os defendemos quen temos máis visibilidade, quen os vai defender? Hai xente que ten máis urxencias na vida: precisa a axuda para comer ou para matricularse. Eu podo querer ser reitora da USC, pero se ao día seguinte non puidese ou se perdo as eleccións, teño moita vida que facer e non me xogo nada vital. Hai xente que se xoga outras cousas, por exemplo estudantes estranxeiros con dificultades para estar aquí.
No primeiro debate a catro, organizado pola Asemblea de Investigadoras de Compostela tamén de precariedade investigadora. É viable un modelo universitario sen precariedade estrutural?
Hai cousas difíciles porque o conxunto das administracións está funcionando con nichos de precariedade importantes, non só a universidade. E non depende só dunha reitoría, porque moitas convocatorias de recursos humanos en investigación son externas.
Hai outro elemento: moitas persoas que traballan facendo investigación dependen de convocatorias temporais. Tes un proxecto e danche persoal polo tempo que dura, ou tes un contrato para un estudo concreto. Iso fai que unha parte do cadro de persoal sexa volátil, porque depende de convocatorias e contratos temporais.
Parte da precariedade salarial corrixiuse parcialmente ao establecer niveis en función do grao de formación con retribucións máis razoables, pero a estabilidade segue condicionada pola falta de financiamento estrutural de base. A investigación está case financiada a través de convocatorias competitivas de natureza temporal, e iso non permite dar continuidade á xente que está nesa situación.
Como se pode evitar que a investigación en humanidades e ciencias sociais quede marxinalizada?
Eu son unha candidata de ciencias sociais un pouco atípica, porque a miña área dá docencia en moitos centros e eu pasei por moitos, incluso fóra das ciencias sociais: dei clase en Filosofía, en Xeografía, en Políticas, en Relacións Laborais… Pero tamén dou clase todos os anos en Enxeñaría de Dereito Ambiental e en físicas sobre enerxías renovables. E tamén estiven vinculada a Cretus, que está composto fundamentalmente por xente de ciencias e enxeñaría.
A universidade ten que entender que hai formas distintas de facer investigación e iso condiciona moitas cousas: por exemplo, en Dereito a investigación e a publicación son bastante solitarias; publicamos artigos en solitario, algo pouco habitual noutros ámbitos, e ás veces os sistemas de avaliación nos penalizan.
Tamén é certo que a investigación en ciencias sociais e humanidades é máis barata para a universidade: gastamos libros e ordenadores, pero non necesitamos funxibles de laboratorio, nin maquinaria cara, nin grandes infraestruturas. Pero tamén os ingresos por investigación adoitan ser menores, pero non porque investiguemos menos.
Eu creo que a investigación hai que medila con dúas balanzas: publicacións punteiras, capacidade de captar fondos e recursos humanos competitivos, si; pero tamén polo impacto social do que facemos, incluída a divulgación científica.
A vivenda é un problema estrutural para o estudantado. Que pode facer a universidade, máis alá das residencias?
Vou dar un dato do que creo que a xente non é consciente: no 2010 tiñamos 1.700 prazas de residencia e agora temos 960. Os procesos de reconversión de cuartos dobres en individuais e a introdución de servizos universitarios en espazos de residencias fixeron que practicamente teñamos a metade de prazas. Temos un Colexio Maior pechado e non se fixo intervención no claustro durante este mandato sobre isto por parte doutras candidaturas que alí estaban.
Eu creo que as universidades teñen que aspirar a ter máis prazas de residencia, e hai formas: conveniar ou pedir cesións de edificios con uso residencial preto dos campus. No caso de Lugo, hai unha residencia da Xunta case desocupada, e en Santiago hai unha residencia da Igrexa en pleno campus. Pódense buscar fórmulas a curto prazo para ampliar oferta.
Eu fixen unha alegación ao Plan Estatal de Vivenda para que haxa unha liña de financiamento para vivenda universitaria. Non é un problema só de Santiago ou de Lugo: tamén pasa en Salamanca, Madrid e moitas cidades universitarias.
E tamén podería haber unha oficina de asesoramento para problemas típicos de inquilinos. Eu lembro que cando rematei a carreira, nunha organización estudantil na que estaba montárase unha oficina de asesoramento ao estudantado sobre vivenda, autoxestionada por estudantes e financiada pola universidade. Pódese promover tamén a autoorganización para manter ese tipo de servizos. A universidade non vai ser o caseiro nin o avogado de todo o mundo, pero pode dar ferramentas para saber onde acudir en problemas graves.
Falemos da relación entre universidade e cidade, especialmente en Santiago. Como a valora?
Eu creo que hai un contraste entre Lugo e Santiago. Lugo ten déficits de infraestruturas e servizos máis acusados, pero as institucións locais —Deputación e Concello— están moito máis volcadas coa universidade: prestan máis apoio do que a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago lle prestan á USC, con implicación clara en financiamento de actividades e infraestruturas.
No caso de Santiago, eu creo que dende sempre a cidade viviu de costas á universidade. E iso é paradoxal, porque externamente Santiago coñécese polo Camiño e pola Universidade. E, con todo, a cidade non coida a universidade en moitos aspectos.
Vémolo no campus. A idea de retirar coches do Ensanche e metelos no campus fixo que o campus sexa case o único sitio de aparcamento de longa permanencia en Santiago. Pero os campus non son un inmenso aparcadoiro: son sitios de convivencia e, sendo un campus tan céntrico, é un pulmón da cidade.
A xente chamou tradicionalmente a isto “a Residencia”, era un sitio de lecer da cidade, con pistas que se usaban, e as festas tamén se fan no campus. Sorpréndeme esa deixación no mantemento. Hai unha asimetría que creo que hai que corrixir.
Hai un exemplo moi concreto no campus: o espazo diante da Biblioteca Concepción Arenal.
Ese espazo diante da Biblioteca Concepción Arenal é unha especie de praza. É un dos sitios onde hai máis xente concentrada en moitos momentos do día en toda a cidade, tanto como a Praza Roxa. E, con todo, entras por unhas escaleiras en mal estado, un paso estreito, un semáforo que tarda moito en cambiar… E é sorprendente que, con tanta xente, haxa unha única papeleira que está desbordada cando a xente sae da biblioteca nos días de estudo. Non está tratado como un lugar polo que transita moita xente.
Como pode a universidade pública loitar contra a privatización, agora que existe unha universidade privada en Galicia e se fala de promover máis?
Cando se creou a universidade privada —eu era membro do Consello Galego de Universidades por designación do Parlamento— eu pedín a palabra e dixen que probablemente había que cambiar o regulamento do Consello Galego de Universidades e seguramente a lei, para que nas decisións que competen ao sistema universitario público non puidese participar a universidade privada.
Alí próbase o plan de financiamento e o mapa de titulacións. Hoxe temos unha privada, pero podemos ter tres ou catro que estean decidindo se suprimimos títulos das públicas porque non lles convén que os teñamos.
As públicas temos unha relación de consenso, con tiranteces ás veces, pero con intereses comúns: que se financie mellor o ensino público e que o mapa de titulacións se axuste con criterios do sistema. Eu dixen isto e houbo un silencio na sala, pero non se cambiou nada. Se existe a universidade privada, sendo reitora temos que facer que se mova ese debate. Non por outro motivo que porque non sentas a decidir sobre a estratexia de Inditex a H&M: non te sentas na mesma mesa, porque que che van dicir?
E ademais estase promovendo unha segunda. E por que non unha terceira? A lei do Sistema Universitario Galego di que forman parte do sistema as universidades creadas por lei autonómica: calquera universidade que se cree en Galicia vai ser parte do Sistema Universitario Galego e, polo tanto, membro do Consello Galego de Universidades.
Que valoración fai da supresión do mestrado en Matemáticas?
Creo que é un erro, pero é un erro que sucede despois doutros erros. E eu creo que non se soubo poñer freo na relación coa Xunta. Isto pasou antes en Lugo con Forestais: quíxose suprimir unha titulación nuclear do campus. Despois foi o mestrado de Matemáticas. Agora estamos co tema de Medicina…
Defender a autonomía universitaria significa defender o mapa de titulacións que pactamos entre as universidades e defender que o criterio puramente numérico para manter unha titulación non serve en determinados casos nin en determinados campus. Que un grao teña que ter 50 estudantes en Santiago e 45 en Lugo… Esa diferenza é demasiado escasa, e máis cando hai medios para prestar o servizo.
En canto ao asunto de Medicina, como valoras os acordos de descentralización e o que queda por pechar?
Eu creo que o acordo de descentralización foi un erro no seu día na forma de formulalo. Unha cousa é utilizar as capacidades hospitalarias de toda Galicia para prácticas, que xa se fai, pero había fórmulas mellores para garantir prácticas en todo o sistema hospitalario conservando a xestión da titulación nunha universidade.
Por que? Porque o que imos ter é unha titulación interuniversitaria de feito: se tes profesorado que non é de Santiago —profesores de Vigo e da Coruña que poñen actas a alumnado de Santiago— iso vai xerar problemas de xestión, coordinación, etc.
E neste momento o que non se pode facer é deixar tirado ao estudantado matriculado, que entrou con expectativas, sen unha transitoriedade razoable. Non se mirou nada para eles, nin para o paso entre o plan vello e o novo. Asinouse un acordo e os “flecos” eran o mellor da cuestión: como facemos os contratos de profesorado, como coordinamos materias impartidas por profesorado de tres universidades, como garantimos estándares de avaliación homoxéneos…?
Xa non é fácil xestionar prácticas de Medicina, que teñen moitos alumnos e con moitas rotacións. Agora multiplícase porque tes que coordinar profesorado que non é teu e homoxeneizar criterios. Iso trae problemas de xestión moi importantes. Era razoable que a facultade dixese: antes de asinar, vexamos que falta e que solucións damos.
E mesmo o tema dos fondos económicos, xa que Santiago asume a parte de xestión, pero en teoría o financiamento é para cubrir novas necesidades de Vigo e da Coruña. Iso tampouco queda claro.

