InicioSANTIAGOA Xunta celebra o aval da USC ao acordo para descentralizar Medicina...

A Xunta celebra o aval da USC ao acordo para descentralizar Medicina e convoca a comisión de seguimento para xaneiro

O Goberno galego destaca que a folla de ruta pactada coas universidades segue adiante tras o cambio de postura da Facultade de Medicina compostelá

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Galicia valorou de forma positiva que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) dese finalmente o seu visto e prace ao acordo para a descentralización dos estudos de Medicina, un pacto alcanzado a finais de novembro entre o Goberno galego e as universidades públicas. Segundo confirmou o Executivo autonómico, este paso permite manter o calendario previsto e convocar a primeira comisión de seguimento no mes de xaneiro.

As consellerías de Sanidade e Educación difundiron un comunicado conxunto no que salientan que a USC resolveu as súas discrepancias internas, que nas últimas semanas deixaran en suspenso o proceso. A negativa inicial da Facultade de Medicina provocara un bloqueo temporal que agora queda superado tras o cambio de posición adoptado este xoves polo centro, o que permitiu á universidade compostelá aprobar o convenio.

O Goberno galego sinala que esta decisión supón validar o acordo acadado entre as universidades para avanzar na descentralización da titulación. Ata o de agora, a Universidade da Coruña (UDC) xa expresara o seu apoio, polo que só resta o pronunciamento da Universidade de Vigo (UVigo) para completar o proceso formal. Neste sentido, o reitor vigués, Manuel Reigosa, anunciou que o Consello da universidade se reunirá de maneira extraordinaria o martes para votar o acordo, despois de que a sesión prevista inicialmente para o 1 de decembro fose adiada pola situación xerada en Santiago.

No seu posicionamento público, a Xunta defende a descentralización como a “fórmula idónea” para garantir a “mellor formación” do estudantado e para optimizar os recursos e capacidades do sistema universitario galego en Santiago, Vigo e A Coruña. O acordo prevé que, por primeira vez, se poida cursar nas tres cidades todo o segundo ciclo da titulación, incluíndo tanto a docencia teórica como a formación práctica dos cursos de 4º, 5º e 6º.

O pacto tamén establece compromisos específicos para as universidades da Coruña e Vigo, que renuncian a presentar solicitudes para crear facultades propias de Medicina mentres non se complete o proceso de descentralización, previsto para o curso 2028/29. Esa opción só se reabriría no caso de que algunha das partes incumprise as cláusulas recollidas no acordo asinado.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...