InicioSANTIAGOMarrakech, Eivissa, Xerez, Ámsterdam, Dublín, Cork e Nova York: estes son os...

Marrakech, Eivissa, Xerez, Ámsterdam, Dublín, Cork e Nova York: estes son os novos destinos directos que terá Lavacolla este verán

As novas rutas comezarán entre finais de maio e xuño con dúas frecuencias semanais e súmanse a outras conexións anunciadas recentemente para o aeroporto de Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

O aeroporto de Santiago de Compostela ampliará a súa oferta de conexións directas durante a próxima tempada de verán coa incorporación de Marrakech, Eivissa e Xerez como novos destinos, segundo recolle a programación anunciada por Vueling, aeroliña encargada de operar estas rutas.

No caso da conexión internacional con Marrakech, os voos directos comezarán o 30 de maio, cunha frecuencia de dous servizos semanais, os mércores e sábados. A propia compañía xa ten á venda os billetes para esta ruta, que permitirá enlazar directamente Compostela coa cidade marroquí durante os meses centrais do verán.

As novas conexións de ámbito estatal activaranse no mes de xuño. A ligazón directa con Xerez iniciarase o 3 de xuño, con voos os mércores e sábados, mentres que a ruta con Eivissa comezará o 18 de xuño, con operacións os xoves e domingos. Todas elas contarán tamén con dúas frecuencias semanais.

MÁIS CONEXIÓNS ANUNCIADAS

Estas novas rutas súmanse a outros anuncios recentes que reforzan a programación de Lavacolla. Entre eles figura o incremento da conexión con Dublín, que contará cun voo adicional na tempada de verán de 2026, elevando a oferta ata cinco frecuencias semanais. Segundo confirmaron fontes da aeroliña, esta ligazón operará os sábados, entre o 30 de maio e o 12 de setembro de 2026, coincidindo coa reapertura do aeroporto tras un mes de peche por obras.

Neste caso, o voo con saída desde Santiago partirá ás 16:50 e chegará a Dublín ás 18:00, mentres que o traxecto inverso sairá da capital irlandesa ás 12:50 e aterrará en Lavacolla ás 16:10.

Nos últimos meses tamén se deron a coñecer outras incorporacións á rede de destinos do aeroporto compostelán, como a nova conexión directa con Cork, anunciada por Aer Lingus, con dúas frecuencias semanais, ou a ruta transatlántica con Newark, preto de Nova York, presentada por United Airlines, que contará con tres voos semanais. A estas sumouse recentemente a nova ligazón con Ámsterdam, anunciada pola aerolínea neerlandesa KLM, cidade á que xa se pode voar dende Santiago con Vueling en tempada de verán.

Todos estes movementos prodúcense nun contexto marcado polos cambios na operativa de Lavacolla tras o anuncio, no pasado mes de setembro, do peche da base de Ryanair en Santiago, unha decisión que xerou reaccións tanto entre o persoal afectado como no ámbito institucional.

ÚLTIMAS

Compostela loa cada 10 de maio o ‘Grândola, Vila Morena’ de José Afonso

A primeira vez que se escoitou nas rúas o Grândola, Vila Morena, himno revolucionario...

O Monbus Obradoiro recibe a benvida da alcaldesa no Pazo de Raxoi tras lograr o ascenso á ACB

O Pazo de Raxoi acolleu este venres pola tarde un acto de recepción institucional...

Santiago aproba a modificación da reurbanización de García Lorca e amplía dous meses o prazo das obras en Vite

O Concello de Santiago vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a modificación...

O Obradoiro culmina o ascenso á ACB cunha exhibición en Sar ante o Gipuzkoa (85-68)

O Monbus Obradoiro xa é equipo da ACB. O conxunto santiagués selou este venres...

Santiago aproba a modificación da reurbanización de García Lorca e amplía dous meses o prazo das obras en Vite

O Concello de Santiago vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a modificación...

O concelleiro Iago Lestegás participa nun taller sobre proxectos urbanísticos na cidade nunha escola de arquitectura catalá

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, desprazouse esta semana ata Reus para...

Carlos García Resúa asume o decanato de Óptica e Optometría da USC co foco na formación clínica e a internacionalización

O profesor Carlos García Resúa foi elixido novo decano da Facultade de Óptica e...