O parque de bombeiros de Santiago permaneceu sen persoal operativo arredor dunha hora e cuarto na mañá deste luns, despois de que os tres efectivos de servizo tivesen que acudir a un accidente múltiple no Eixo, na N-525. O sinistro, rexistrado pouco antes das 07:00, implicou tres vehículos e requiriu tarefas de excarceración, polo que todo o equipo de garda se desprazou ao punto.
Segundo explicaron fontes do servizo municipal, a ausencia total de persoal no parque implicaba que, de producirse outro aviso, o 112 contactaría co mando desprazado ao accidente. Con todo, recoñecen que “por moito que chegue o aviso, non se puido atender, porque xa estaban tres para facer o traballo de seis”. A intervención desenvolveuse nun escenario con varios vehículos implicados, riscos engadidos e unha manobra de liberación dunha persoa atrapada.
A denuncia pública chegou tamén a través do perfil de Instagram dos bombeiros, onde advertiron de que encadean 48 horas “sen operatividade real” e que este inicio de decembro se afronta cunha dotación mínima para toda a cidade. Aseguran que a emerxencia desta madrugada foi “complexa” e que requiría coordinación e seguridade, pero que a actuación se realizou “coa máxima profesionalidade posible” malia á falta de medios. “Cada minuto conta, cada par de mans conta… e hoxe faltaban”, indicaron.
Os profesionais subliñan que non se trata dun episodio puntual. “Non falamos dun feito illado nin dun mal día”, expuxeron, tras lembrar que a cidade “non contou cun servizo capaz de responder o mínimo esixible” durante dous días completos. Engaden que este luns continúan “sen reforzos, nin planificación, nin respostas”, e que un servizo que debería ser “intocable, estable e prioritario” está reducido a un equipo que non pode garantir nin tempos de resposta nin protocolos de seguridade.
A situación, sosteñen, arrastra tempo e xa deriva nunha “emerxencia institucional”. Pregúntanse “canto máis está disposta a soportar esta cidade antes de que se asuman responsabilidades” e insisten en que o problema non é unha cuestión de comodidade, senón de vidas e seguridade cidadá.

