InicioSANTIAGOFernando Calvet, pioneiro da biotecnoloxía en Galicia, recibe a homenaxe da Real...

Fernando Calvet, pioneiro da biotecnoloxía en Galicia, recibe a homenaxe da Real Academia Galega de Ciencias

O químico catalán, ‘Científico Galego 2025’, foi lembrado en Fonseca polo seu labor investigador en Santiago, Vigo e O Porriño, e pola súa contribución á modernización da ciencia galega

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este martes en Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia, dedicado este ano ao químico Fernando Calvet i Prats (1903–1988), nomeado ‘Científico Galego 2025’. O evento, desenvolvido no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, estivo presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e contou coa presenza de autoridades científicas e institucionais, entre elas a alcaldesa Goretti Sanmartín, o presidente da RAGC, Juan Lema, e representantes da Xunta, das universidades galegas, do CSIC e do Consello da Cultura Galega.

Na súa intervención, Juan Lema definiu ao homenaxeado como un símbolo da “Galicia que investiga, innova e crea riqueza dende o coñecemento”, destacando a súa capacidade para conectar a ciencia co territorio e cos sectores produtivos. “Calvet foi quen de transformar coñecemento en innovación e innovación en desenvolvemento. Xa nos anos trinta falaba de economía circular e defendía que Galicia podía crear valor engadido aproveitando con intelixencia os seus recursos naturais”, sinalou.

O presidente da Academia insistiu en que o legado do científico “amosa que a ciencia debe dialogar co país e estar ao servizo da sociedade”, e reivindicou que, nun mundo “marcado pola polarización”, o labor científico “debe seguir sendo un espazo de razón e dignidade humana”.

Durante o acto proxectouse un vídeo biográfico sobre Calvet e presentouse o novo número da revista A Ciencia en Galicia, editada pola RAGC, centrada na súa figura e na actividade científica máis recente desenvolvida no país.

O catedrático da USC e académico da RAGC Manuel Freire foi o encargado de impartir a conferencia principal, na que cualificou a Calvet como “pioneiro da bioquímica en España e promotor da biotecnoloxía en Galicia”. Lembrou que en 1929 gañou a cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da Universidade de Santiago, onde equipou un laboratorio de referencia nacional, e que a súa colaboración co Instituto Bioquímico Miguel Servet de Vigo permitiu obter alcaloides de uso farmacéutico a partir do cornizó do centeo, un proceso que marcou “o nacemento da biotecnoloxía en Galicia”.

Freire explicou tamén que, tras pasar polo cárcere durante a Guerra Civil, Calvet dirixiu cientificamente a empresa Zeltia no Porriño, onde desenvolveu técnicas pioneiras para a obtención de insulina e produtos farmacéuticos de orixe natural, ademais de compostos insecticidas e antiparasitarios como o popular ZZ.

No transcurso do evento, a RAGC fixo entrega das súas Medallas de Investigación de Galicia 2025, recoñecendo o labor de cinco investigadores de proxección internacional: Francisco J. Blanco (Bioloxía e Ciencias da Saúde), Laura Carballo (Ciencias Económicas e Sociais), Juan María Pou (Ciencias Técnicas), Nieves R. Brisaboa (Matemáticas, Física e Ciencias da Computación) e Mª Carmen Veiga (Química e Xeoloxía).

Juan Lema cualificou estas distincións como “os premios máis prestixiosos da ciencia en Galicia”, polo seu valor científico e humano, e destacou que “co seu traballo engrandecen a ciencia galega e proxéctana no mundo”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here