O Concello de Santiago impulsará actividades de memoria histórica baixo a marca ‘Compostela é memoria’, segundo informou a concelleira de Memoria Histórica, Miriam Louzao, xunto a Thais Suárez, que deseñou a mesma xunto á de ‘As mil marías’ para as relativas ás mulleres.
A concelleira incidiu en que para o goberno municipal a Memoria Histórica “non está ligada exclusivamente ao golpe fascista de 1936 e a represión, senón que queremos proxectar unha visión moito máis ampla”, en referencia á loita pola xustiza social en diferentes ámbitos e épocas. Pola súa banda, Thais Suárez explicou que para o deseño das marcas baseouse na simboloxía compostelá para “facer un traballo de futuro tendo en conta a Memoria e a Historia”.
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno deu luz verde este luns á solicitude de ampliación do prazo de execución do contrato para a xestión e soporte integral do concurso internacional de iluminación ornamental e artística da contorna monumental da Catedral de Santiago por un período de dez meses.