InicioSANTIAGOA estación intermodal de Santiago inaugúrase oficialmente co nome de Daniel Castelao

A estación intermodal de Santiago inaugúrase oficialmente co nome de Daniel Castelao

A nova infraestrutura ferroviaria, que comeza a funcionar este xoves, destaca pola súa funcionalidade, integración urbana e valor simbólico, cun investimento global superior aos 53 millóns de euros

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A cidade de Santiago de Compostela celebrou este martes a inauguración oficial da súa nova estación intermodal, que a partir de agora levará o nome de Daniel Castelao, en homenaxe ao intelectual galeguista e símbolo da loita democrática. O novo edificio de viaxeiros comezará a operar mañá, tras unhas obras que supuxeron un investimento global de máis de 53 millóns de euros, segundo destacou o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, durante o acto.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, cualificou a xornada como “un día histórico para Compostela” e subliñou que a nova estación non só moderniza os servizos ferroviarios da capital galega, senón que contribúe a conectar barrios como Pontepedriña e Sar, elimina barreiras urbanas e ofrece unha praza pública de 1.500 metros cadrados. Sanmartín aproveitou tamén para recordar o centenario da anexión de Conxo, subliñando a continuidade histórica da chegada do tren a Santiago dende a apertura da liña Carril-Cornes en 1873.

A rexedora fixo fincapé na dimensión simbólica do nomeamento da estación, que responde a un acordo unánime do pleno municipal de 2019. “Colocar o nome de Castelao na fronte deste edificio é un xesto de dignidade, humano e político”, afirmou, destacando o vínculo do homenaxeado co ferrocarril e coa construción dun país con infraestrutura e memoria. “Este lugar nunca será un non-lugar”, engadiu, en alusión ao concepto do antropólogo Marc Augé.

Pola súa banda, Santano destacou que a actuación en Santiago se inscribe nunha estratexia estatal de transformación ferroviaria que contempla tamén estacións intermodais en Ourense, Lugo e A Coruña, e que xa leva máis de 1.600 millóns de euros investidos en Galicia dende 2018, tanto en alta velocidade como na modernización da rede convencional. No caso compostelán, o novo edificio multiplica por máis do dobre o espazo do vestíbulo anterior, pasando de 435 a 1.100 metros cadrados, con deseño funcional, eficiente e adaptado á cidade.

O secretario de Estado anunciou ademais que está en marcha a construción dun aparcadoiro en altura de tres plantas, con 900 prazas, que triplicará a capacidade actual e permitirá facilitar o acceso á estación sen depender do coche particular. Tamén se contempla o reaproveitamento do antigo edificio de viaxeiros para usos docentes e técnicos.

A demanda de usuarios, especialmente trala mellora das frecuencias de alta velocidade, confirma a necesidade da infraestrutura: Santiago rexistrou un aumento do 121% no número de viaxeiros respecto a 2024, ano xa considerado récord.

Goretti Sanmartín aproveitou o acto para pedir que a chegada desta nova estación abra a porta a novas conexións ferroviarias con vilas da contorna, como Lugo ou a Mariña, e para retomar a reivindicación de completar as infraestruturas pendentes, como o Orbitaliño, que uniría os polígonos empresariais coas principais vías de acceso. Tamén lanzou o soño dunha futura estación de mercadorías que diversifique a economía compostelá.

O nomeamento de Castelao vén completar un mapa simbólico da cidade onde as súas principais infraestruturas de transporte levan nomes de referentes da cultura galega: Rosalía de Castro no aeroporto, e agora Daniel Castelao na estación ferroviaria. “Non hai futuro sen raíces, non hai identidade sen memoria”, concluíu a alcaldesa.

PSOE DE SANTIAGO

O portavoz do PSOE en Santiago, Gumersindo Guinarte, sinalou, con motivo da inauguración este mércores da nova entrada de estación de tren, que este é “un antes e un despois” na mobilidade na capital galega.

“A estación de Santiago é a que máis pasaxeiros move, tanto en ferrocarril como en autobús. Esta inauguración vai facer efectiva a intermodalidad entre transporte por estrada e transporte ferroviario”, valorou o edil socialista en declaracións remitidas aos medios.

O novo edificio de viaxeiros estará operativo a partir deste xoves, de forma que unha pasarela, situada á beira da terminal de autobús, dá acceso ao novo vestíbulo ferroviario. Guinarte destacou que esta apertura supón a “culminación” da “accesibilidade e unión” entre dous barrios de Santiago, o Ensanche e Pontepedriña.

“Manifesta con obras e non con palabras o compromiso do Goberno de Pedro Sanchéz con Santiago de Compostela”, engadiu, á vez que mencionou exemplos como o Orbital, o acceso da autoestrada á Cidade da Cultura e as futuras obras no aeroporto Rosalía de Castro.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here