InicioSANTIAGOUn estudo do CiMUS demostra que metabolismo e reloxo biolóxico actúan como...

Un estudo do CiMUS demostra que metabolismo e reloxo biolóxico actúan como sistemas interdependentes

A investigación liderada polo grupo 'Gliatime' da USC destaca a influencia do contorno, a dieta e o sexo biolóxico na interacción entre os ritmos circadianos e o metabolismo

Publicado o

Xornal de Compostela

O grupo de investigación ‘Gliatime’, integrado no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela, encabeza un traballo internacional que redefine os fundamentos da cronobioloxía. Publicado na revista Molecular Metabolism, o estudo defende que o metabolismo non é unha simple consecuencia do reloxo circadiano, senón que ambos forman un sistema acoplado e interdependente, influído por factores como a contorna, a dieta e o sexo biolóxico.

A investigación foi financiada con fondos europeos e desenvolta en colaboración con centros de Finlandia, Suecia, Xordania e outras institucións españolas, reforzando a posición do CiMUS como referente internacional no estudo dos mecanismos que regulan os ritmos biolóxicos e o metabolismo.

Un dos puntos centrais da investigación foi a análise do papel da interleucina-6 (IL-6), unha proteína con funcións inmunolóxicas e metabólicas. A súa secreción, suxeita a ritmos diúrnos, modula a sincronía entre os compoñentes circadianos e o metabolismo enerxético. Para estudar este fenómeno, o equipo liderado por Olga Barca Mayo, coordinadora de ‘Gliatime’, analizou diferentes grupos de ratos, incluíndo exemplares carentes de IL-6, sometidos a diversas condicións alimentarias: dieta estándar, rica en graxas, xaxún e alimentación con restrición horaria.

Os resultados apuntan a que a IL-6 actúa como mediadora bidireccional entre o reloxo biolóxico e o metabolismo, permitindo ao organismo adaptarse en función das necesidades: manter a coherencia temporal ou priorizar a eficiencia enerxética. A esta capacidade adaptativa déronlle o nome de “plasticidade circadiano-metabólica”, un concepto novo que pode ter implicacións relevantes no tratamento de doenzas como a síndrome metabólica ou as alteracións provocadas polo traballo por quendas.

Outro dos achados do estudo é o papel da IL-6 na regulación do oscilador alimentario, un mecanismo que anticipa os horarios de inxesta e que se vincula directamente coa crononutrición, disciplina que investiga o impacto dos horarios das comidas sobre a saúde.

Ademais, a investigación confirma diferenzas significativas entre sexos. En situacións de dieta rica en graxas, os homes mostran desalineacións máis acusadas nos ritmos regulados pola luz, mentres que as mulleres, a pesar de seren máis resilientes en condicións de dieta de transición, presentan maior vulnerabilidade circadiana nas dietas hipercalóricas. Isto leva ao equipo científico a defender que o sexo biolóxico debe ser un factor clave nas estratexias terapéuticas personalizadas baseadas na modulación da IL-6 ou dos ritmos metabólicos.

Este estudo, subliñan desde o CiMUS, abre novas vías para a medicina personalizada e proporciona ferramentas para comprender mellor a complexa relación entre a fisioloxía, o comportamento alimentario e o entorno.

ÚLTIMAS

“A morte de Maricarmen é un asasinato da violencia rentista”, din os acampados en Compostela

As persoas mozas acampadas na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, atribúen á...

Goretti Sanmartín proporá conceder a Medalla de Ouro de Santiago a Xosé Manuel Beiras a título póstumo

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este xoves que promoverá a...

Anne Carson gaña o Nobel de Literatura 2026, unha autora que levou o Camiño de Santiago á súa obra

A escritora canadense Anne Carson foi distinguida co Premio Nobel de Literatura 2026, segundo...

Licitadas por case 870.000 euros as obras para mellorar a climatización do centros de saúde de Concepción Arenal e do Milladoiro

A Xunta de Galicia licitou por un importe conxunto de 869.966,67 euros os contratos...

“A morte de Maricarmen é un asasinato da violencia rentista”, din os acampados en Compostela

As persoas mozas acampadas na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, atribúen á...

Licitadas por case 870.000 euros as obras para mellorar a climatización do centros de saúde de Concepción Arenal e do Milladoiro

A Xunta de Galicia licitou por un importe conxunto de 869.966,67 euros os contratos...

A Real Academia Galega de Ciencias homenaxea a Aida Fernández Ríos e distingue cinco investigadores en Santiago

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) reuniu este xoves, 8 de outubro, no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here