InicioSANTIAGOSantiago aproba manter o uso comercial dos baixos en determinados ámbitos da...

Santiago aproba manter o uso comercial dos baixos en determinados ámbitos da cidade

A medida, proposta polo goberno local formado polo BNG e Compostela Aberta, saíu adiante co voto a favor dos seis concelleiros do Grupo Socialista, tendo en conta que, polo momento, os catro edís expulsados do PSOE --Mercedes Rosón, Mila Castro, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez-- aínda non pasaron ao grupo dos non adscritos

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou este xoves manter o uso comercial das plantas baixas dos edificios nas principais zonas comerciais da cidade. Deste xeito, non aplicará en determinados ámbitos e supostos a normativa da Xunta de Galicia que permite converter os baixos en vivendas.

A medida, proposta polo goberno local formado polo BNG e Compostela Aberta, saíu adiante co voto a favor dos seis concelleiros do Grupo Socialista, tendo en conta que, polo momento, os catro edís expulsados do PSOE –Mercedes Rosón, Mila Castro, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez– aínda non pasaron ao grupo dos non adscritos. Pola súa banda, o Grupo Popular votou en contra.

Na súa defensa da iniciativa, o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, destacou que o Concello de Santiago xa ten unha regulación de usos, baseada en estudos e análises recentes, que define en que ámbitos da cidade é necesario manter o carácter terciario dos baixos para garantir a diversidade de usos e preservar a vitalidade urbana. “Non tería sentido refugala agora”, manifestou.

Así, defendeu que o goberno local quere seguir utilizado a formulación urbanística e as competencias municipais para garantir que os barios teñan “usos diversos, para protexer o comercio de proximidade que proporciona bens e servizos esenciais para o día a día”.

Lestegás sinalou tamén que en Santiago hai moitos baixos que poden transformarse en vivendas pero que en determinadas zonas débese manter o carácter terciario para que “a cidade funcione”. “Non se pode facer tábula rasa e ignorar as particularidades de cada val e cada barrio”, sostivo.

APOIO DOS SOCIALISTAS

A encargada de defender a postura do Grupo Municipal Socialista foi Mercedes Rosón, quen incidiu en que en Compostela “xa existen barrios como Fontiñas, Vista Alegre ou o Restollal no que se permite o uso residencial nos baixos”.

Ademais, sostivo que para o Partido Popular na Xunta de Galicia “a vivenda nunca foi un dereito” como mostra, na súa opinión, “os 15 anos sucesivos de gobernos do PP nos que non se fixo vivenda pública nin se executaron os orzamentos”.

“Para o PP a vivenda nunca foi un dereito, senón un negocio”, afirmou para denunciar que agora o Goberno galego pretende “cambiar masivamente os baixos comerciais” coa “escusa” da necesidade de vivenda. “Pero é que as persoas non só temos dereito a unha vivenda, senón a unha vivenda digna”, afirmou para censurar tamén que a normativa autonómica “reduza de maneira drástica” os requisitos de habitabilidade para estes baixos.

REXEITAMENTO DO PP

En fronte, o portavoz do PP local, Borja Verea, xustificou o voto en contra da súa formación ao asegurar que BNG, Compostela Aberta e o PSOE teñen un modelo “diferente” ao do Partido Popular que, segundo indicou, aposta por permitir esta reconversión para, entre outras cuestións, mellorar a política de preservación urbana alí onde hai zonas degradadas.

Así, dixo que a súa formación detectou “máis de 200 baixos baleiros abandonados” que dan unha “triste imaxe de feísmo, insalubridade e inseguridade” no que supón “un auténtico deserto comercial” que leva así “máis de 20 anos”.

“Por tanto, acabamos de perder unha gran oportunidade”, asegurou Verea, que sinalou que a medida “loxicamente non se aplicaría nas zonas nas que hai músculo comercial” como o Ensanche e empezaría por barrios como o de Conxo e A Choupana.

PROCESO SELECTIVO DE OPERARIO DE SERVIZOS MÚLTIPLES

Na sesión, ademais, a socialista Mila Castro preguntou se houbo “irregularidades” no proceso selectivo para cinco prazas de operario de servizos múltiples tras as “denuncias duns dos aspirantes ao proceso” despois de que, segundo dixo a edil, “houbese tres aspirantes que responderon de forma similar entre eles” a varias das preguntas con “respostas tipo”.

O encargado de dar a réplica foi o concelleiro César Vila, quen sinalou que foi o propio tribunal o que o día 8 de outubro de 2024 observou posibilidade de que houbese unha brecha de seguridade en segundo exercicio e deixouno sen efecto. Ante iso, explicou que o tribunal volveu convocar a todos os interesados para novo exercicio, “tomando todas as precaucións de seguridade”.

O edil sostivo que “ninguén recorreu o contido da proba” e que todos os convocados repetiron o exame sen excepcións para garantir a igualdade de oportunidades”.

Ademais, explicou que o Consistorio solicitou un informe interno no que se concluíu que quedaban acreditados os motivos da anulación e que quedaba xustificada a actuación do tribunal para preservar a igualdade de mérito e de capacidade, uns principios que “non foron vulnerados”, senón que “se tratou de garantir repetindo a proba”.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

Funcionarios de Xustiza denuncian “explotación laboral” nos xulgados de Fontiñas

Funcionarios do xulgado de instancia de Santiago de Compostela concentráronse este xoves diante dos...

Santiago acolle o Foro Galego de Cooperación e Solidariedade con chamamentos a reforzar o compromiso institucional

O Centro de Recursos e Servizos de Apoio Empresarial (CERSEA), en Santiago de Compostela,...