InicioSANTIAGOO Concello propón reforzar a Praza de Abastos como centro de alimentación...

O Concello propón reforzar a Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade

Un informe destaca a importancia do mercado como motor dunha estratexia alimentaria local baseada na produción agroecolóxica

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela presentou este mércores un informe que aposta por consolidar a Praza de Abastos como referente da alimentación de proximidade, rexeitando un modelo máis orientado ao turismo e á gastronomía. O estudo foi elaborado polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac) e presentado polo concelleiro de Mercados, Xan Duro, xunto aos investigadores Ruth Varela e David Soto.

A principal conclusión do documento é que a Praza de Abastos debe manter a súa identidade e reforzar a conexión entre produtores, comercializadores e consumidores no marco dunha estratexia alimentaria agroecolóxica local. A proposta será debatida nun acto público o xoves na Casa das Máquinas, coa presenza do xefe do equipo de Dereito á Alimentación da FAO, Juan Echanove.

O Concello encargou este informe despois de avaliar o Plan para a revitalización da Praza de Abastos, elaborado por Mercasa, nunha mesa de traballo con representantes dos vendedores, comerciantes da rúa das Ameas, hostaleiros e asociacións veciñais. Segundo explicou Xan Duro, existía un “amplo consenso” en que a transformación proposta por Mercasa “cambiaba a esencia do mercado” e podería reducir o seu papel na alimentación diaria da veciñanza.

“Non queremos copiar modelos de centros comerciais nin converter a Praza nun espazo exclusivamente turístico”, asegurou o edil, quen destacou que “o futuro pasa por potenciar a alimentación de proximidade”. Aínda así, sinalou que algunhas recomendacións de Mercasa poderían ser tidas en conta sempre que non alteren a identidade do mercado.

O informe do Cispac recalca que a Praza de Abastos de Santiago mantén unha conexión real coa produción local, a diferenza doutros mercados municipais que foron reconvertidos en espazos turísticos ou gastronómicos. Para fortalecer este papel, o estudo propón incluír a Praza no desenvolvemento dunha Estratexia Alimentaria Local que abarque Santiago e a súa conca alimentaria, integrando tamén comarcas como Barbanza, Barcala, Noia e o Sar.

Esta estratexia estaría aliñada co Pacto de Milán, un compromiso internacional asinado por Santiago para promover sistemas agroalimentarios sustentables e accesibles. Segundo David Soto, un dos autores do informe, a Praza debería funcionar como “o centro dunha rede de produción e distribución de alimentos locais”, fomentando a oferta de produtos ecolóxicos e de proximidade.

O informe tamén identifica dificultades na cadea de subministración. Moitos postos da Praza recoñecen que deben recorrer a intermediarios porque a produción de proximidade non é suficiente para cubrir a demanda. Ademais, os placeiros sinalaron necesidades de mellora en infraestruturas como o aparcadoiro, a ordenación da carga e descarga e o mantemento das instalacións.

Outro aspecto analizado é a presión turística sobre o mercado. Segundo Ruth Varela, o informe recolle que “os grupos turísticos poden afectar o funcionamento ordinario da Praza”, polo que se recomenda regular o fluxo de visitantes para evitar interferencias na actividade comercial.

PRESENTACIÓN PÚBLICA DO INFORME

O documento será presentado o xoves ás 18:30 horas na Casa das Máquinas, nun acto aberto á cidadanía no que participará Juan Echanove, xefe de Dereito á Alimentación da FAO. A sesión pretende ser un espazo de debate sobre o futuro da Praza e a súa relación co modelo alimentario da cidade.

PREOCUPACIÓN POLA FOLGA DO AUTOBÚS URBANO

Por outra banda, en resposta a preguntas dos medios, Xan Duro expresou a súa preocupación polo conflito laboral no servizo de autobús urbano e indicou que traballadores e empresa manterán un acto de conciliación o xoves.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...