O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, mantivo un encontro coa asociación veciñal de Vista Alegre no que se abordaron diferentes necesidades do barrio, especialmente relacionadas co estacionamento, o transporte público, o mantemento das zonas de uso común e as instalacións destinadas á actividade asociativa. A visita forma parte das ‘Conversas de Barrio’, unha iniciativa coa que o socialista está a percorrer distintos puntos do municipio para incorporar as preocupacións da cidadanía á elaboración do seu proxecto político.
Durante a xuntanza, na que estivo acompañado pola concelleira Marta Abal, Blanco coñeceu as demandas trasladadas pola entidade veciñal, entre as que figuran a escaseza de prazas de aparcamento e a supresión de determinadas paradas de autobús. Tamén se puxo sobre a mesa a situación dos parques infantís, a necesidade de revisar o cableado da iluminación pública e a preocupación polos cortes na subministración eléctrica que afectan á zona.
Outra das cuestións abordadas foi a situación dos locais utilizados pola asociación de veciños. Neste sentido, trasladouse a necesidade de mellorar e ampliar as instalacións existentes para facilitar o desenvolvemento das actividades e incrementar a programación da entidade. Blanco reclamou unha maior atención do executivo municipal a estas necesidades, que vinculou coa importancia de apoiar o tecido asociativo dos barrios composteláns.
O candidato socialista sinalou que, nos encontros celebrados ata o momento, identificou preocupacións compartidas por residentes de diferentes zonas de Santiago. Segundo explicou, unha das queixas que máis se repiten é a percepción de falta de atención municipal ante incidencias que afectan á vida diaria. Neste contexto, defendeu a necesidade dun “Concello próximo, que escoite ás entidades veciñais e se implique” na procura de solucións.
“Vou gobernar pisando rúa porque a transformación de Compostela ten que comezar polos barrios, actuando sobre os problemas reais da veciñanza, e tendo ambición para construír a cidade que queremos”, afirmou Blanco, que situou a atención ás necesidades dos distintos núcleos de poboación entre as prioridades da súa proposta para Santiago.
O socialista sostivo que a planificación do futuro da capital galega debe combinar actuacións destinadas a modernizar a cidade e xerar novas oportunidades con medidas que permitan mellorar o funcionamento dos servizos municipais e conservar os espazos públicos. Ao seu xuízo, esta estratexia debe ter en conta as particularidades de cada barrio e parroquia e desenvolverse coa participación das persoas que residen neles.
As ‘Conversas de Barrio’ constitúen, segundo o PSdeG-PSOE, unha das vías de contacto directo coa cidadanía que está a utilizar Pedro Blanco para identificar problemas e establecer prioridades de cara á elaboración do seu programa municipal. O candidato pretende que as propostas resultantes destes encontros respondan ás necesidades detectadas nas diferentes zonas do concello.
Ao remate da visita a Vista Alegre, Blanco insistiu en que os cambios que propón para Santiago deben partir tamén da mellora dos recursos e infraestruturas xa existentes. “Para poñer Santiago en marcha temos que coidar do que xa temos, mellorar aquilo que non funciona e darlle aos santiagueses o protagonismo para decidir cara a onde queremos avanzar”, concluíu.

