O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, visitou un edificio do barrio de Vite no que residentes veñen denunciando problemas de convivencia e inseguridade que relacionan cunha das vivendas do inmoble, á que identifican como posible punto de tráfico e consumo de drogas.
O portavoz popular permaneceu preto de dúas horas no edificio, onde mantivo encontros cos veciños e accedeu a algunhas das súas casas para coñecer as consecuencias que, segundo os residentes, está tendo esta situación no seu día a día.
“Unha cousa é que che conten o que está pasando e outra moi distinta é estar alí, entrar nas casas e ver a preocupación coa que viven persoas que o único que queren é poder estar tranquilas no seu propio fogar”, afirmou Verea tras a visita.
Segundo explicou o PP compostelán, durante a presenza do seu portavoz no inmoble tanto Verea como varios dos residentes foron gravados desde a vivenda que os veciños sinalan como orixe dos problemas. O grupo municipal popular cualifica este comportamento como intimidatorio.
Verea asegurou que este episodio non foi o principal elemento que lle chamou a atención durante o encontro, senón as circunstancias que lle trasladaron as persoas que viven no edificio. “O que máis me impresionou non foi ese momento, senón comprobar como os veciños conviven con esta situación todos os días. Non podemos normalizalo. Hai familias que levan demasiado tempo pedindo algo tan elemental como vivir con tranquilidade e sentirse seguras na súa propia casa”, declarou.
CÁMARAS NOS ESPAZOS COMÚNS
A comunidade de propietarios chegou a instalar cámaras de seguridade nos portais e nos descansos das escaleiras, segundo a información facilitada polo PP, co obxectivo de controlar os accesos e aumentar a seguridade nas zonas compartidas do inmoble.
Para Verea, esta decisión evidencia o grao de preocupación existente entre parte dos residentes. “Cando os veciños senten que teñen que instalar cámaras nos descansos das escaleiras para sentirse seguros dentro do edificio no que viven, é evidente que existe un problema ao que hai que dar resposta”, sostivo.
O representante popular reclamou unha actuación continuada e coordinada para abordar tanto as denuncias relacionadas co tráfico de drogas como os efectos que estas situacións poden producir sobre a convivencia no edificio.
Ao mesmo tempo, Verea recoñeceu o labor da Policía Nacional nas investigacións e operacións desenvolvidas contra o tráfico de estupefacientes en Santiago. “Sabemos que hai investigacións e intervencións policiais que están dando resultados. O que corresponde ás administracións é colaborar e utilizar tamén todos os recursos que teñen ao seu alcance”, indicou.
PETICIÓN DE ACTUACIÓN AO CONCELLO
O PP compostelán considera que o Concello de Santiago debe intervir dentro das súas competencias e reclama que se mobilicen diferentes áreas municipais. Verea citou expresamente a Policía Local, os servizos sociais e as políticas de prevención e convivencia, ademais de medidas relacionadas coa limpeza e coa recuperación dos espazos que poidan verse afectados.
A formación popular sostén que a resposta non debe limitarse ao ámbito policial e defende unha intervención transversal que permita reducir os problemas denunciados polos residentes e recuperar a normalidade nos espazos comúns.
“Aquí non estamos falando de estatísticas nin dunha discusión política. Estamos falando de persoas ás que miramos aos ollos, que nos abriron as portas das súas casas e que nos contaron como están vivindo. O mínimo que podemos facer é escoitalas e traballar para que recuperen a tranquilidade”, concluíu Verea.

