InicioPOLÍTICAXan Duro agarda que o Tacgal resolva "positivamente" o recurso sobre o...

Xan Duro agarda que o Tacgal resolva “positivamente” o recurso sobre o contrato do transporte urbano

O Concello entregou a documentación a mediados de agosto e confía nun pronunciamento próximo; o edil sinala ademais que xa se aboou o 78,8% da débeda co persoal dos centros socioculturais

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Mobilidade e Centros Socioculturais de Santiago, Xan Duro, asegurou este xoves que o Concello continúa á espera dunha decisión do Tacgal sobre o procedemento relacionado co novo contrato do transporte urbano e mostrou a súa confianza en que o organismo resolva favorablemente e sen esgotar os prazos dispoñibles.

“Non hai novidades por parte do Tacgal“, explicou Duro a preguntas dos medios, antes de engadir que a expectativa do Goberno municipal é que o asunto “se resolva positivamente” e que a resposta non se demore demasiado.

O concelleiro lembrou que o organismo dispón legalmente de ata dous meses para emitir unha resolución, aínda que considera que a relevancia do contrato pode contribuír a que o procedemento avance antes. “Xa estamos no mes de setembro e debería ser así, tamén tendo en conta a importancia deste contrato”, indicou.

Segundo concretou, o Concello remitiu a documentación requirida a mediados de agosto, aínda que Duro non precisou a data exacta. O edil evitou anticipar os posibles escenarios no caso dunha decisión desfavorable e incidiu en que o procedemento administrativo non depende neste momento directamente do Concello.

Duro sinalou, en todo caso, que pola experiencia doutros expedientes considera que este tipo de recursos adoitan tramitarse sen grandes demoras. “Vistas as actuacións do Tacgal noutros asuntos polo país adiante, non tardan excesivamente en resolver estes asuntos“, afirmou.

O responsable municipal relacionou esa axilidade coa dimensión dos expedientes sometidos á consideración do tribunal. “Saben que son contratos importantes, que están suxeitos a uns prazos e que resolven problemas”, apuntou, antes de considerar que o organismo adoita ser “bastante eficiente” na súa tramitación.

PAGADO O 78,8% DA DÉBEDA CO PERSOAL DOS CENTROS SOCIOCULTURAIS

Durante a mesma comparecencia, Xan Duro informou tamén sobre a situación das cantidades que seguían pendentes de cobro por parte do persoal vinculado ao anterior contrato dos centros socioculturais municipais.

Segundo explicou, neste momento xa foi satisfeito o 78,8% da débeda correspondente a cada traballador, despois do procedemento posto en marcha polo Concello mediante a retención de facturas da anterior empresa concesionaria.

“Agora mesmo está pagado o 78,8% da débeda de cada un dos traballadores dos centros socioculturais“, afirmou. Esta porcentaxe corresponde, segundo precisou, ás cantidades que puideron ser acreditadas e cubertas a través das facturas que inicialmente foran obxecto de retención.

Queda, polo tanto, aproximadamente un 22% pendente de pagamento. O concelleiro explicou que esta parte está relacionada con outras dúas facturas que a empresa aínda non presentara cando comezou o primeiro procedemento administrativo. Esas facturas foron posteriormente retidas polo Concello, aproximadamente hai dúas semanas, e agora deberán seguir unha tramitación similar.

Duro confía en que este segundo proceso poida completarse con maior rapidez unha vez establecida a fórmula administrativa empregada para efectuar os primeiros pagamentos. Segundo explicou, o procedemento inicial requiriu máis tempo por tratarse dunha situación que non se producira anteriormente.

“Creo que imos ser máis áxiles para pagar ese 22% que queda da débeda e liquidar ese aspecto“, manifestou.

O concelleiro precisou que, unha vez satisfeitas estas cantidades, quedará resolta a parte que depende directamente das actuacións municipais. As posibles reclamacións ou cuestións que permanezan abertas entre o persoal e a anterior concesionaria, engadiu, deberán tramitarse á marxe do Concello ao non formar parte das súas competencias.

O CONCELLO CUALIFICA DE “ABSOLUTAMENTE NORMAL” A RELACIÓN COA NOVA CONCESIONARIA

Preguntado pola marcha do actual contrato dos centros socioculturais, que leva arredor de seis meses en funcionamento, Duro asegurou que a relación coa nova empresa concesionaria se está desenvolvendo con normalidade.

“Absolutamente normal. Está cumprindo“, respondeu o edil, quen explicou que desde o inicio da nova etapa o Concello e a empresa están a prestar unha atención especial á prestación do servizo debido ás dificultades herdadas do período anterior.

Segundo Duro, estase facendo un esforzo para solucionar con rapidez calquera incidencia puntual, tanto no ámbito laboral como na atención ás persoas usuarias. O obxectivo inmediato do Concello é consolidar a normalidade nos equipamentos e recuperar a persoas que deixasen de participar nas actividades como consecuencia dos problemas rexistrados coa anterior concesionaria.

O Goberno local quere tamén incrementar a participación dos propios barrios na definición da programación dos centros. A intención, segundo explicou o concelleiro, é que asociacións, colectivos e persoas usuarias poidan propoñer e desenvolver iniciativas, mentres o Concello proporciona os espazos, o asesoramento e o apoio técnico especializado en dinamización sociocultural.

Duro defendeu así que os centros funcionen non só como espazos nos que se ofrecen actividades programadas desde a administración, senón tamén como instrumentos para fomentar a participación e a vida comunitaria dos barrios de Santiago.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here