InicioPOLÍTICARozas confirma que Compostela Aberta manterá en 2027 o seu modelo plural...

Rozas confirma que Compostela Aberta manterá en 2027 o seu modelo plural e reivindica a capacidade de chegar a acordos

A portavoz da formación aspira a aumentar a súa representación nas próximas municipais, evita anticipar posibles pactos electorais e asegura que a coalición co BNG continuará baseada no diálogo ata o final do mandato

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, asegurou este mércores que a formación manterá de cara ás eleccións municipais de 2027 o modelo político co que naceu en 2015, baseado na incorporación de distintas sensibilidades da esquerda e tamén de persoas sen vinculación partidaria. Sobre posibles acordos para os próximos comicios, evitou adiantar escenarios concretos e sinalou que a organización seguirá traballando para ser un espazo compartido por diferentes sectores progresistas.

Preguntada polo futuro da candidatura, Rozas afirmou que Compostela Aberta continuará funcionando baixo os principios que marcaron a súa creación. “Compostela Aberta segue sendo fiel ás súas orixes e continuará sendo no 2027”, indicou.

A concelleira defendeu que unha das características da formación compostelá foi conseguir manter durante máis dunha década un proxecto no que conviven persoas procedentes de diferentes organizacións e outras sen militancia. Segundo explicou, esa vocación seguirá condicionando as decisións que adopte o espazo político nos próximos meses.

Rozas tampouco concretou se antes das municipais poderían producirse negociacións para artellar unha candidatura máis ampla con outras forzas políticas. Limitouse a reiterar que Compostela Aberta pretende continuar como punto de encontro de distintas sensibilidades da esquerda, deixando para máis adiante a definición da fórmula electoral.

DEFENSA DA COALICIÓN CO BNG

A portavoz de Compostela Aberta descartou, ademais, que a proximidade das eleccións teña que traducirse nun aumento das tensións no executivo municipal que comparte co BNG. Rozas recoñeceu que existen diferenzas entre as dúas formacións, pero considerou que durante os máis de tres anos transcorridos do mandato conseguiron priorizar os puntos de acordo.

“Para construír hai que centrarse no que nos une”, afirmou. Segundo Rozas, a actuación de Compostela Aberta dentro do executivo caracterizouse pola procura de acordos para desenvolver iniciativas que considera útiles para a veciñanza.

A concelleira tamén reivindicou o dereito da súa formación a poñer en valor a xestión realizada nas áreas municipais que controla. Parte das políticas impulsadas, explicou, responden ás prioridades históricas de Compostela Aberta, especialmente no ámbito social, mentres que outras figuraban entre os compromisos adquiridos na campaña electoral de 2023.

Rozas sostivo que esa reivindicación do traballo propio non implica un distanciamento do BNG. “Seguiremos facendo un exercicio, como fixemos ata agora, de diálogo e de bo entendemento”, afirmou, ao tempo que rexeitou unha dinámica política baseada na “polémica constante”.

A portavoz sinalou que os representantes públicos deben concentrar os seus esforzos nas responsabilidades que recibiron nas urnas. “Estar á altura significa centrarnos no que nos votaron, que é para facer cousas para transformar Santiago”, indicou.

COMPOSTELA ABERTA ASPIRA A TER MÁIS PESO EN 2027

Sobre o escenario que podería abrirse despois das próximas municipais, Rozas evitou comprometer unha reedición concreta da actual coalición, aínda que defendeu a disposición da súa formación para negociar e alcanzar entendementos.

Neste punto, contrapuxo a posición de Compostela Aberta coa do Partido Popular e respondeu ás recentes declaracións do seu portavoz municipal, Borja Verea, sobre a estabilidade política en Santiago.

“Unha cousa que nos diferencia do Partido Popular é que con Compostela Aberta se sabe chegar a acordos”, asegurou Rozas, que definiu esa capacidade como parte da “esencia da democracia”. Na súa opinión, as críticas de Verea ás diferenzas existentes na esquerda obvian o que considera unha dificultade do PP para establecer pactos con outras formacións.

Rozas confirmou tamén que Compostela Aberta pretende mellorar os seus resultados electorais respecto dos obtidos en 2023. “No 2027 aspiramos a ter unha posición diferente da que tivemos neste goberno porque aspiramos a unha maior representación”, declarou.

Con todo, pediu non anticipar o debate sobre as alianzas posteriores ás municipais. “Cando cheguemos ao 2027, ás eleccións do 2027, falaremos”, sinalou. Para a portavoz, antes de entrar de cheo na carreira electoral o goberno debe finalizar diferentes actuacións iniciadas ao longo do mandato.

ÚLTIMAS

A néboa e o vento obrigan a desviar sete voos con destino a Santiago

As condicións meteorolóxicas complicaron este martes pola tarde a operativa do aeroporto de Santiago-Rosalía...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here