InicioPOLÍTICAVerea acusa o goberno de Santiago de manter bloqueada a ampliación do...

Verea acusa o goberno de Santiago de manter bloqueada a ampliación do CEIP Quiroga Palacios

O PP reclama a Goretti Sanmartín que retire as condicións vinculadas á cesión da parcela que precisa a Xunta e asegura que, se a situación continúa, o PP comprométese a desbloqueala tras as eleccións municipais

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu reclamar ao goberno municipal que modifique as condicións establecidas para poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para acometer a ampliación do CEIP Quiroga Palacios, unha actuación sobre a que populares e executivo local manteñen posicións enfrontadas.

Verea sostén que, transcorridos 15 días desde que se fixeron públicas as discrepancias arredor da parcela, non se produciu ningún cambio que permita avanzar no proxecto. Segundo o dirixente popular, a Consellería de Educación está preparada para iniciar a licitación da ampliación durante este mesmo ano, pero considera que as condicións formuladas polo Concello impiden continuar coa tramitación.

“Pasaron 15 días e nada cambiou. O goberno municipal sabe perfectamente cal é o problema, sabe que a Xunta quere ampliar o colexio e sabe que a Consellería está en disposición de licitar o proxecto este mesmo ano. Só ten que retirar as condicións que impuxo”, afirmou.

O conflito céntrase na posta a disposición dos terreos destinados ao novo aulario. De acordo coa versión trasladada polo PP, a Xunta precisa unha parcela de arredor de 1.600 metros cadrados, mentres que o Concello vinculou a cesión a actuacións que afectarían unha superficie máis ampla.

Para Verea, esta circunstancia é a que está a impedir que o proxecto avance. “Non hai ningún malentendido. Hai unha condición imposta polo goberno municipal que pode retirarse inmediatamente. Se realmente queren que a ampliación saia adiante, poden desbloqueala hoxe mesmo”, manifestou.

As declaracións do portavoz popular prodúcense despois de que o BNG cuestionase a actuación da Consellería de Educación nos centros educativos de Compostela. Verea rexeitou esas críticas e acusou o executivo local de desviar a atención do desacordo existente sobre o Quiroga Palacios.

“Poden enviar todas as notas de prensa que queiran e buscar todas as cortinas de fume que consideren, pero hai unha pregunta que segue sen resposta: por que non retiran as condicións e permiten que se licite a ampliación do Quiroga Palacios?”, preguntou.

O líder do PP compostelán considera que a demora afecta directamente á comunidade educativa e insistiu en reclamar á alcaldesa, Goretti Sanmartín, unha decisión que permita continuar cos trámites. “Cada día que pasa é un día perdido”, afirmou Verea, que pediu ao goberno local que resolva a situación.

O portavoz popular tamén trasladou o debate ao horizonte das próximas eleccións municipais e avanzou que, se o actual executivo non resolve antes o desacordo, un eventual goberno do PP modificaría as condicións establecidas polo Concello para facilitar os terreos á Administración autonómica.

“Se o BNG non é capaz de facelo agora, farémolo nós en maio. O novo goberno municipal retirará estas condicións e poñerá inmediatamente a parcela necesaria a disposición da Xunta para que a ampliación do Quiroga Palacios poida avanzar”, asegurou.

Verea insistiu, con todo, en que a súa formación considera preferible que exista unha solución antes desa data. “Preferiría que non houbese que esperar ata maio. As familias non teñen por que pagar a incapacidade deste goberno municipal. Teñen a solución enriba da mesa e só teñen que tomar unha decisión: retirar o chantaxe e deixar que a Xunta amplíe o colexio”, concluíu.

ÚLTIMAS

A néboa e o vento obrigan a desviar sete voos con destino a Santiago

As condicións meteorolóxicas complicaron este martes pola tarde a operativa do aeroporto de Santiago-Rosalía...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here