O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que poña en marcha o acordo aprobado no último Pleno para recuperar as pistas municipais de tenis de Rodríguez de Viguri, unhas instalacións que permanecen pechadas e en mal estado malia seren, segundo o PSdeG, as únicas pistas municipais de acceso libre na cidade.
A concelleira socialista Marta Abal advertiu de que Santiago continúa sen contar cunha oferta pública suficiente para a práctica do tenis, un deporte que, segundo sinalou, ten unha demanda social elevada. “O tenis é un dos deportes con maior seguimento no noso país e, sen embargo, Santiago segue sen instalacións públicas suficientes”, afirmou.
Abal indicou que as pistas de Sar e as da Universidade non abondan para atender as necesidades existentes, mentres que as instalacións municipais de Rodríguez de Viguri seguen sen poder utilizarse. Para a edil, esta situación evidencia unha falta de planificación no ámbito do deporte de base e afecta tanto á cidadanía como aos clubs que desenvolven a súa actividade na cidade.
A concelleira lembrou ademais que o Concello aprobou en 2023 unha actuación para recuperar estas pistas, mais sostén que aquela intervención quedou incompleta. “O máis grave é que non partimos de cero”, sinalou Abal, quen explicou que o proxecto municipal incluía unha segunda fase que “nunca chegou a licitarse”.
Segundo o PSdeG, a ausencia destas instalacións en condicións está a obrigar a entidades deportivas compostelás a buscar espazos fóra do municipio. “Mentres tanto, clubs como o Camiño Stellae vense obrigados a desprazarse a outros concellos para poder adestrar porque Santiago non lles ofrece as instalacións que necesitan”, lamentou a concelleira socialista.
A iniciativa aprobada no Pleno, presentada polo Grupo Municipal Socialista, insta o Goberno local a acondicionar de maneira integral as tres pistas de Rodríguez de Viguri, retomando e actualizando o proxecto aprobado no ano 2023 para adaptalo ás necesidades actuais. O texto tamén propón estudar a instalación dunha cuberta que permita utilizar as pistas durante todo o ano.
No caso de que o Concello non conte cos recursos suficientes para acometer a actuación, o acordo aprobado reclama que se busque financiamento a través doutras administracións. Para o PSdeG, esta vía permitiría avanzar nunha intervención que considera necesaria para mellorar a rede de instalacións deportivas públicas da capital galega.
Marta Abal reclamou ao executivo municipal que cumpra o mandato do Pleno e dea pasos para desbloquear a recuperación das pistas. “O Goberno municipal xa non ten escusas”, afirmou, antes de engadir que “tócalles poñerse a traballar, cumprir o acordo aprobado e facer realidade unha actuación moi necesaria para os clubs e para toda a cidadanía”.

