A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o pagamento ao Consorcio de Santiago da última certificación correspondente ao convenio polo que este organismo asumiu a execución das obras do Centro Logístico de Distribución de Mercadorías para a Cidade Histórica, coñecido como Plataforma Loxística. A cantidade pendente ascende a 507.353,29 euros, dentro dun investimento total de 4.598.000 euros.
A portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, explicou tras a reunión que esta actuación conta cunha subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, concedida o 17 de febreiro de 2022. A achega asignada foi de 3.913.920 euros de fondos europeos, sobre un gasto inicialmente previsto de 4.348.800 euros máis IVE.
O convenio entre o Concello e o Consorcio foi asinado o 9 de xaneiro de 2023. A través dese acordo, o Consorcio asumiu a construción do centro, executado mediante un encargo á empresa estatal Tragsa. A infraestrutura sitúase en terreos de preto de 40.000 metros cadrados xunto a Mercagalicia, obtidos a través do desenvolvemento dun plan especial de infraestruturas e dotación no sistema xeral SU-3 Tambre Norte, aprobado definitivamente o 11 de outubro de 2023.
Segundo indicou Louzao, a proposta da Plataforma Loxística deriva de documentos como o Plan Plurianual do Real Padroado, a Axenda 2030 ou o Plan de Mobilidade Sostible. O obxectivo é reducir a entrada de vehículos de distribución na zona histórica, co fin de diminuír o seu impacto sobre a calidade ambiental, o uso das rúas e prazas e a conservación do patrimonio.
O centro está concibido como un nodo de recepción de cargas, desde o que se realizaría a distribución final de mercadorías, nunha primeira fase destinadas a negocios de hostalaría e alimentación, mediante vehículos de cero emisións, de menor tamaño e peso.
De forma paralela, o Concello asumiu as obras de reurbanización dos accesos exteriores, que non formaban parte do acordo co Consorcio, cun orzamento de 629.181,26 euros. A xestión da infraestrutura corresponderá a Mercagalicia, mediante unha concesión demanial do Concello. Louzao lembrou que esta sociedade, participada maioritariamente polo Concello e tamén por Mercasa, poderá establecer “sinerxías” coa súa actividade actual.
A portavoz municipal sinalou que a concesión a Mercagalicia está nos últimos trámites e que a previsión é que a Plataforma Loxística poida estar en funcionamento ao longo deste ano. “A concesión demanial vaise facer estes días, agora ou durante esta semana”, afirmou. A partir dese momento, engadiu, Mercagalicia comezará a traballar na posta en marcha da infraestrutura.
Louzao recoñeceu que aínda non hai unha data concreta para o inicio efectivo da actividade. Defendeu que se trata dun proxecto “pioneiro”, do que o Concello non conta con modelos próximos que poida tomar como referencia, e indicou que xa houbo reunións co sector. “O traballo é para facer con eles”, sinalou sobre a implicación das empresas e operadores que deberán participar no novo sistema de distribución. O prazo para xustificar a subvención remata o 30 de setembro.
A Xunta de Goberno tamén aprobou o expediente baseado nun acordo marco para contratar as pólizas de seguro de accidentes dos empregados municipais a través da Central de Contratación da FEMP, cun importe máximo autorizado de 22.210,84 euros. A póliza deberá cubrir falecemento, invalidez permanente total e absoluta, gran invalidez e invalidez parcial, cun capital asegurado de 40.000 euros en cada categoría. O Concello iniciará agora o procedemento negociado, ao que convidará a tres entidades aseguradoras: Surne Mutua de Seguros y Reaseguros a Prima Fija, Markel Insurance S.E. Sucursal en España e AIG Europe S.A. Sucursal en España.
Outro dos acordos foi a aprobación das bases e da convocatoria da quinta edición dos Premios á Excelencia Empresarial Urbana 2030, correspondentes ao ano 2026, cun gasto total de 42.000 euros. Estes galardóns buscan recoñecer boas prácticas en ámbitos como a conciliación laboral e familiar, a economía circular, a innovación, a comercialización de produtos e servizos culturais, os retos da Axenda Urbana 2030, a economía social e a retención e atracción de talento.
Os premios están dirixidos a empresas con sede social e fiscal e, cando menos, un centro de actividade no municipio de Santiago, con independencia da súa forma xurídica ou sector. As candidaturas deberán presentar unha memoria para cada categoría, xunto co formulario e as declaracións responsables requiridas. O prazo será de 20 días hábiles a partir da publicación do extracto das bases no BOP da Coruña, e o procedemento deberá resolverse antes do 29 de outubro.
Cada unha das seis categorías contará cun premio de 6.000 euros, ata un total de 36.000 euros, e haberá tamén tres mencións de 2.000 euros, que completan a dotación total da convocatoria. As bases xa poden consultarse, segundo explicou Louzao, na páxina web do Concello e na do CERSIA.
Na relación de decretos dos que se deu conta na Xunta de Goberno figuran tamén dous contratos de obras. O primeiro corresponde á rehabilitación dos firmes na rúa do Agro dos Mozos e na Ponte de San Lázaro, adxudicado a Obras y Viales de Galicia por 47.500 euros. O segundo é a mellora do pavimento na vía Edison, adxudicada a Francisco Gómez y Cía S.L. por 47.813,15 euros, cun prazo de execución de dous meses.
Louzao tamén informou dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relativa ao recurso presentado polo antigo interventor municipal, Juan Ramón Carnero, contra a resolución que lle denegaba a prórroga da xubilación. O TSXG estima parcialmente o recurso e declara nulas as resolucións recorridas, tanto a municipal como a sentenza de primeira instancia que a confirmaba.
Segundo explicou a portavoz, a sentenza obriga a retrotraer o procedemento para incorporar un informe da xefatura do Departamento de Recursos Humanos e emitir posteriormente unha nova resolución. Louzao incidiu en que se trata dun requisito formal e sostivo que o fallo “non pon en cuestión nin a posibilidade de denegar a prórroga nin os motivos polos que se fixo”. O Concello, afirmou, cumprirá a resolución xudicial e incorporará o informe considerado preceptivo.
Entre os puntos incluídos por urxencia, a Xunta de Goberno aprobou dúas licenzas para a construción de dúas naves comerciais na rúa Castela e León 25 e na rúa Polonia 43.
A portavoz tamén fixo referencia á sesión extraordinaria da Xunta de Goberno celebrada o 25 de xuño, na que se aprobou a convocatoria das bolsas municipais para sufragar gastos vinculados a medidas terapéuticas para menores, xa presentadas pola concelleira de Benestar Social. Nesa mesma reunión tamén se aprobou a licitación da publicidade institucional en medios de comunicación das Festas do Apóstolo, cun orzamento de 90.188,56 euros.
Louzao destacou que, segundo o Goberno local, é a primeira vez que este tipo de gasto se tramita mediante un concurso aberto, xa que ata agora se viña resolvendo a través de contratos menores. A portavoz enmarcou esta decisión no proceso de regularización dos procedementos contractuais do Concello. “Esta é a fórmula correcta, o concurso público”, afirmou.
Preguntada polos prazos da licitación, ao tratarse dunha campaña vinculada ás festas deste mesmo verán, Louzao recoñeceu que ao Goberno municipal lle gustaría tela tramitado con máis antelación, pero defendeu o cambio de modelo. “Paréceme importante destacar que se faga este esforzo e que se faga isto por primeira vez”, indicou. Segundo sinalou, o obxectivo é que este procedemento se consolide e poida realizarse con máis marxe en futuras ocasións.

