O Concello de Santiago aprobará unha nova convocatoria de bolsas municipais para menores con necesidades terapéuticas e para nenas e nenos celíacos, cun orzamento que medra dos 70.000 euros do pasado exercicio ata os 100.000 euros. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, deu conta da medida nunha rolda de prensa na que explicou que estas axudas buscan contribuír a sufragar gastos que as familias teñen que asumir para garantir o desenvolvemento e o benestar dos seus fillos e fillas.
A convocatoria foi aprobada este xoves nunha Xunta de Goberno extraordinaria e abrirá o prazo de solicitudes durante 10 días hábiles unha vez sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia. Poderán optar ás bolsas os menores de idade empadroados en Santiago que acrediten unha necesidade terapéutica mediante informe profesional ou que teñan diagnóstico de celiaquía. En ambos casos, a renda familiar non poderá superar cinco veces o IPREM, é dicir, arredor de 36.000 euros netos anuais.
Rozas lembrou que estas axudas foron convocadas por primeira vez en 2025 como unha experiencia piloto e sinalou que nacen para responder a unha realidade que, segundo indicou, non está plenamente cuberta polos sistemas públicos sanitario e educativo. “É evidente que a día de hoxe o sistema público non chega a atender os menores con necesidades especiais coa atención profesional que precisan”, afirmou a concelleira.
As bolsas permitirán financiar servizos como logopedia, terapia ocupacional, atención temperá, psicoloxía ou fisioterapia, dirixidos a menores con trastornos de aprendizaxe, de conduta ou da linguaxe, entre outras necesidades. Nesta modalidade, a axuda poderá chegar ata os 1.200 euros anuais, sempre que non supere o 90% do gasto total realizado. As familias deberán presentar a xustificación dos gastos e un informe profesional que acredite a necesidade do tratamento.
A outra liña da convocatoria está dirixida a menores celíacos, co obxectivo de compensar o sobrecusto que supón a alimentación sen glute. Neste caso, o Concello establece unha contía fixa de 1.200 euros por menor. Rozas apuntou que as estimacións dispoñibles sitúan en arredor de 1.000 euros anuais o gasto adicional que soportan as persoas celíacas pola súa dieta, que constitúe o seu único tratamento.
Unha das principais novidades desta segunda edición afecta precisamente ás axudas para a celiaquía. O ano pasado esixíase ás familias a presentación de tíckets de compra para acreditar a adquisición de produtos sen glute, un procedemento que, segundo explicou a concelleira, dificultou a tramitación e atrasou a resolución. Na nova convocatoria abondará con presentar un informe profesional que acredite a enfermidade, sen necesidade de achegar xustificantes do supermercado.
Rozas recoñeceu que as bolsas concedidas na convocatoria de 2025 aínda están pendentes de pagamento debido á situación da liquidación orzamentaria. A concelleira pediu desculpas ás familias afectadas por este atraso e confiou en que a situación se resolva “en breve”, unha vez que a Concellería de Facenda incorpore os fondos pendentes do exercicio anterior.
Segundo os datos ofrecidos por Dereitos e Servizos Sociais, a primeira convocatoria chegou a 60 menores. O incremento orzamentario deste ano procura ampliar a cobertura e evitar que queden fóra familias que cumpran os requisitos. Rozas explicou que non é posible facer unha estimación pechada do número de beneficiarios, especialmente no caso dos tratamentos terapéuticos, xa que o custo varía en función das horas, do tipo de servizo e das necesidades de cada menor.
A concelleira defendeu que se trata dunha convocatoria “novidosa” no ámbito municipal e subliñou que existen poucos exemplos semellantes tanto en Galicia como no conxunto do Estado. “Oxalá todos os tratamentos dos que estamos a falar estivesen garantidos dende o público, dende o Servizo de Saúde ou dende o sistema educativo, pero a realidade é que non é así”, sinalou. Tamén apuntou que “oxalá os alimentos sen glute tivesen un prezo xusto”, mais engadiu que, mentres iso non aconteza, a Concellería de Dereitos e Servizos Sociais manterá estas axudas para apoiar as familias compostelás.
O CONCELLO CONVOCARÁ UNHA REUNIÓN A TRES BANDAS POLO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
Na mesma comparecencia, Rozas tamén se referiu á situación do Servizo de Axuda no Fogar despois de que a UTE adxudicataria, formada por SIAD24 e Asistenzia, non abonase ás traballadoras a paga extra que debía estar ingresada o pasado 15 de xuño. A empresa atribuíu esta situación a unha falta transitoria de liquidez, mais a concelleira aclarou que o Concello de Santiago está ao día no pagamento das facturas.
“O Concello de Santiago está ao día do pago das facturas coa empresa”, afirmou Rozas, que engadiu que a posible tensión financeira da UTE non se debe a demoras municipais. A responsable de Dereitos e Servizos Sociais anunciou a súa vontade de convocar unha reunión a tres bandas coa empresa e coa representación das traballadoras para abordar a situación.
Rozas indicou que o SAF funciona actualmente mediante unha prórroga prevista no contrato asinado en 2024, por un importe de 12,2 millóns de euros. Tamén lembrou que a empresa presentara naquel momento unha baixa de arredor de medio millón de euros con respecto ao orzamento licitado polo Concello.
A concelleira asegurou que o goberno local será “rigoroso e vixiante” para garantir o cumprimento do contrato, tanto na atención ás persoas usuarias como nas obrigas laborais coa plantilla. Neste sentido, lembrou que o Servizo de Axuda no Fogar é unha prestación prioritaria para o executivo municipal e que o Concello incrementou a súa dotación de tres millóns a 6,3 millóns de euros, o que supón un aumento do 73%.
Segundo Rozas, o obxectivo do Concello é velar polos intereses das persoas usuarias, moitas delas maiores ou en situación de dependencia, e tamén polos dereitos das traballadoras que prestan o servizo. “O que está no contrato asinado coa empresa tense que cumprir”, concluíu.

