A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns novas licenzas urbanísticas, proxectos de rehabilitación patrimonial, expedientes de contratación e convocatorias de axudas municipais. A portavoz do Goberno local e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta dos acordos nunha rolda de prensa na que destacou, entre outros asuntos, dúas intervencións no conxunto catedralicio, a reparación da Quinta dos Fuentes, a licitación dun novo espazo infantil e biosaudable en Verdía e a solicitude dunha subvención provincial para un proxecto de turismo sustentable.
No apartado de licenzas, o Executivo local autorizou actuacións para a mellora da accesibilidade no portal e nas zonas comúns do edificio situado no número 69 da avenida de Quiroga Palacios, a reconstrución da cuberta do inmoble da rúa de San Lázaro número 25, a rehabilitación da envolvente exterior do edificio número 19 da rúa Estación do Casal e a reforma de dúas vivendas na avenida de Raxoi número 5.
Entre as licenzas aprobadas figuran tamén dúas intervencións no conxunto da Catedral de Santiago. A primeira permitirá a rehabilitación e ampliación do espazo museístico no que se expón o Coro Pétreo do Mestre Mateo, situado nos sotos do claustro, na zona coñecida como Buchería. O proxecto busca mellorar a presentación da reconstrución parcial do coro, inaugurada nese espazo en 1999, e reorganizar o ámbito expositivo para incorporar novas pezas, moitas delas localizadas nas escavacións arqueolóxicas desenvolvidas entre 2017 e 2021.
A intervención afectará a unha superficie total de 306,82 metros cadrados, dos que 149,70 metros cadrados corresponden á ampliación. A proposta contempla ordenar o percorrido e o discurso expositivo arredor das pezas vinculadas ao Coro Pétreo, incorporar un entarimado de madeira e mellorar a visión do fragmento de calzada medieval situado na zona de acceso á sala actual. Tamén se renovará a iluminación, cun deseño que procurará establecer unha relación coa maneira na que a luz natural atravesaba os ocos da fachada sur da nave e iluminaba o coro primitivo.
A segunda licenza no ámbito catedralicio corresponde á restauración das sacristías da Capela do Cristo de Burgos, localizada no lateral norte da Catedral e separada do Pazo de Xelmírez por un pequeno patio. O proxecto conta cun orzamento de execución material de 151.163,84 euros. Louzao lembrou que esta capela, de planta de cruz grega e con dúas sacristías, foi encargada polo arcebispo Pedro Carrillo y Acuña ao arquitecto Melchor Velasco y Agüero e concluída no ano 1664.
A intervención terá especial incidencia na sacristía oeste, máis ampla e funcional, que limita directamente co muro da fachada románica norte da Catedral. Segundo explicou a portavoz municipal, trátase dun dos poucos puntos desde os que se pode observar polo exterior a totalidade dos elementos da orde arquitectónica desa fachada. No século XX, esta sacristía perdeu a súa cuberta histórica, substituída por un forxado horizontal de formigón cun chapado de lousas irregulares.
O proxecto autorizado recuperará a xeometría tradicional desa cuberta, que volverá ser inclinada e de tella, e incorporará dous hastís triangulares acristalados para permitir a visión dese tramo da fachada norte. A actuación tamén restaurará os paramentos interiores e os pavimentos das dúas sacristías, renovará o espazo exterior situado entre a sacristía oeste e a torre norte, afectado pola auga, e actualizará a instalación eléctrica nas zonas nas que se interveña. Louzao sinalou ademais que, segundo os estudos recentes, nese punto entre contrafortes puido quedar interrompida a obra da nave principal antes de ser retomada polo equipo do Mestre Mateo.
Fóra do conxunto catedralicio, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de reparación da estrutura e eliminación de humidades da Quinta dos Fuentes, en Vidán. A documentación foi elaborada polo Consorcio de Santiago, que tamén se encargará da contratación da obra. O investimento previsto é de 105.077,26 euros e o prazo de execución será de catro meses.
As actuacións inclúen a modificación da estrutura da cuberta para levantar o lucernario da escaleira, a renovación das tellas deterioradas, a reposición do falso teito da planta baixa afectado pola auga, o reforzo dos pontóns e das trabes, a instalación de novos canalóns, baixantes, carpintarías e varandas, o saneamento dos muros, o revoco e pintado, a execución dun sistema de drenaxe exterior e o traslado da sebe que afectaba á fachada.
Louzao enmarcou esta actuación na recuperación do patrimonio compostelán e lembrou a vinculación da Quinta dos Fuentes coa historia industrial da cidade. O edificio formou parte do antigo curtidoiro de Pego, fundado en 1792, e foi coñecido ao longo do tempo como Ponte Vella de Vidán, Villarín, Quinta dos Fuentes, Villarreal, Quinta dos Xesuítas e Casa de Brandía. O inmoble situábase nas proximidades da antiga fábrica de papel, hoxe transformada en hotel, e mantivo actividade como curtidoiro ata 1889.
A propiedade pasou por diferentes mans e foi saqueada polas tropas francesas durante a Guerra da Independencia. En 1889 chegou a Manuel Fuentes Rodríguez, que non continuou coa actividade industrial e encargou ao seu fillo, Agustín Fuentes, avogado e xuíz municipal, a transformación do predio nun espazo de lecer. Nese proceso engadiuse a torre de tres andares e un xardín de estilo francés. O edificio, situado no corazón dun parqueazo de lecer. Nese proceso engadiuse a torre de tres andares e creado en 2003 á beira do paseo polo Sarela, foi destinado a usos socioculturais, aínda que arrastraba desde hai décadas deficiencias que dificultaban a súa utilización.
A Xunta de Goberno tamén deu conta da adenda ao acordo da Comisión Bilateral do 11 de maio de 2023 sobre os programas de axudas á rehabilitación incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation da Unión Europea. A modificación prorroga ata o 30 de xuño de 2028 o prazo para executar as actuacións de rehabilitación e ata o 31 de decembro de 2028 o prazo para que a Administración autonómica xustifique os fondos ante o Ministerio de Vivenda. Ademais, amplíase ata o 31 de decembro de 2026 o prazo da axuda da Oficina de Rehabilitación.
No apartado de contratación, aprobouse o expediente para licitar a construción dun parque infantil e biosaudable na antiga estación de Verdía, unha actuación incluída no POS+ 2025 cun orzamento base de 150.000 euros. O proxecto permitirá crear unha área de xogos infantís de 269 metros cadrados, outra zona de exercicios biosaudables de 275,89 metros cadrados e arranxar arredor de 90 metros cadrados de senda peonil.
A Xunta de Goberno acordou tamén solicitar unha axuda á Deputación da Coruña por importe de 240.000 euros para o proxecto singular ‘Turismo Sustentable Compostela Única’, que ten un orzamento global de 300.000 euros. A proposta estrutúrase en tres eixos: cultural, de natureza e gastronómico.
No ámbito cultural, o Concello propón reforzar a imaxe de Santiago como destino cultural mediante unha estratexia de promoción de eventos e festivais de pequeno formato, así como da programación cultural de continuidade. No eixo da natureza, o proxecto aproveitará a visibilidade do ‘Anel de Diamantes’, fenómeno que poderá observarse durante o eclipse previsto para o 12 de agosto, e a relación histórica de Compostela co campo estelar e co universo xacobeo para promover a riqueza dun territorio situado entre outeiros. O terceiro eixo céntrase na gastronomía e nos produtos locais, coa intención de fortalecer a posición de Santiago como destino gastronómico durante todo o ano. A principal acción prevista será a organización dun evento fóra da temporada alta arredor da creatividade gastronómica compostelá.
Na mesma sesión aprobáronse as bases reguladoras das subvencións para o fomento do deporte federado, cunha consignación de 330.000 euros. As axudas, iguais ás do exercicio anterior, están dirixidas a entidades deportivas locais sen ánimo de lucro e teñen como finalidade colaborar cos gastos derivados da súa participación nas competicións oficiais federativas.
Poderán financiarse licenzas federativas e de mutualidade, inscricións, desprazamentos, aloxamento e manutención vinculados ás competicións, gastos de arbitraxe, material deportivo non inventariable, servizos de lavandería, alugueiro de instalacións, gastos médicos e seguros. Os gastos deberán corresponder ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2026. O importe máximo por entidade será de 18.000 euros e as solicitudes deberán presentarse na sede electrónica municipal nos 15 días posteriores á publicación do anuncio no boletín oficial.
Por vía de urxencia, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da convocatoria de axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo de transporte para persoas con dificultades de mobilidade ou limitacións para empregar o transporte colectivo. A partida prevista é de 15.000 euros e as axudas poderán chegar ata os 350 euros. Están orientadas a cubrir desprazamentos de persoas con discapacidade que afecte á mobilidade, discapacidade visual, necesidades de tratamentos periódicos ou residentes no rural con discapacidade, doenza ou idade avanzada. O prazo de solicitude será de 10 días hábiles desde a publicación da convocatoria no boletín oficial.
Finalmente, entre os decretos dos que se deu conta na sesión, Louzao destacou a aprobación dun contrato para redactar o proxecto de rehabilitación da antiga escola de Busto, por un importe de 9.462,20 euros, e a reparación do pavillón das Fontiñas, cun investimento de 48.375,35 euros, IVE incluído. A portavoz vinculou estas actuacións coa mellora das instalacións deportivas municipais e co avance de proxectos no medio rural compostelán.

