Diego Adrián Mallo presentou este sábado de maneira oficial a súa candidatura á Alcaldía de Santiago de Compostela por UCIN Santiago de cara ás eleccións municipais de 2027. O acto, aberto á cidadanía, serviu para dar a coñecer as primeiras liñas do proxecto co que a formación concorrerá aos comicios e para facer pública a sinatura dun decálogo de compromisos coa veciñanza.
Na súa intervención, Mallo situou como eixos da candidatura a atención aos barrios, ás parroquias rurais e ás necesidades cotiás da veciñanza. Segundo defendeu, o proxecto de UCIN Santiago pretende construír unha alternativa municipal baseada na proximidade, na transparencia e na participación cidadá, con medidas que cualificou como útiles e realizables.
O candidato afirmou que a súa proposta nace coa vontade de avanzar cara a un Concello “máis próximo, máis eficiente e máis orgulloso da súa identidade”. Neste sentido, vinculou a súa candidatura á mellora da calidade de vida dos composteláns e compostelás e á recuperación dun maior contacto entre a administración local e a cidadanía.
Durante o acto, UCIN Santiago tamén fixo balance das 17 primeiras medidas presentadas nas últimas semanas, que a formación prevé incorporar ao seu programa electoral para 2027. Entre elas figura a creación da figura do Axente Cívico Municipal, pensada para actuar como ponte entre a veciñanza e o Concello e contribuír á convivencia cidadá.
No ámbito da vivenda, a candidatura propón poñer en marcha unha Empresa Municipal de Vivenda coa finalidade de impulsar vivenda pública, social e accesible. Tamén inclúe a creación dunha Radio e Televisión Municipal de Santiago, que a formación presenta como unha ferramenta de información e participación cidadá.
O programa inicial incorpora ademais un plan integral de apoio ao comercio local, orientado a favorecer o consumo de proximidade, e a implantación da ‘Tarxeta Picheleira’, con descontos e vantaxes para a veciñanza en establecementos locais, actividades culturais e servizos municipais.
No apartado social, UCIN Santiago propón a municipalización progresiva da Axuda no Fogar, así como a municipalización dos Centros Socioculturais, co obxectivo de mellorar a súa xestión e programación. Outra das medidas anunciadas é a creación dunha Clínica Municipal de Saúde Mental para reforzar a atención psicolóxica e preventiva.
A candidatura tamén inclúe un programa de intercambios internacionais para a mocidade con Portugal, Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido, así como iniciativas de dinamización dos parques urbanos con actividades infantís, culturais, deportivas e de promoción da alimentación saudable.
No plano cultural e festivo, UCIN Santiago formula a creación de novas celebracións e eventos, entre eles o ‘Día das Bandas’, o ‘Día das Peñas’, o ‘Día da Xuventude’, unha ‘Feira Medieval’ e un ‘Encontro de Vehículos Clásicos’. A formación tamén propón instalar casetas permanentes de artesanía e produto local na Alameda, co obxectivo de favorecer a presenza de creadores e produtores locais.
Outro dos puntos destacados é o reforzo da seguridade cidadá, a través do incremento de efectivos, a mellora da iluminación e a instalación de sistemas de videovixilancia en puntos considerados sensibles. A maiores, a candidatura comprométese a desenvolver un Plan Integral para o Rural que garanta servizos e investimentos nas parroquias do municipio.
As primeiras propostas complétanse coa creación dunha rede estable de participación cidadá, a posta en marcha dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal e a promoción de iniciativas culturais, sociais e patrimoniais vinculadas á identidade compostelá e ao que a formación denomina recuperación do orgullo picheleiro.
Un dos momentos centrais da presentación foi a lectura e sinatura do ‘Decálogo de Compromisos coa Veciñanza’, un documento que Diego Adrián Mallo asumiu publicamente e que, segundo anunciou, permanecerá accesible durante todo o mandato no caso de chegar ao goberno municipal.
Entre os compromisos asinados figura o de non percibir unha retribución superior a 50.000 euros brutos anuais como alcalde de Santiago. Mallo tamén se comprometeu a publicar anualmente a súa declaración de bens, ingresos e actividades, facer pública a súa axenda institucional e informar das reunións mantidas con entidades, asociacións, empresas e colectivos.
O decálogo inclúe ademais a realización de auditorías externas e independentes das contas municipais, a redución de gastos considerados superfluos e a priorización de investimentos que melloren a calidade de vida da veciñanza. O candidato tamén asumiu o compromiso de non utilizar recursos, instalacións, vehículos ou medios públicos para fins partidistas ou persoais.
Outro dos puntos recollidos no documento fai referencia á participación cidadá nas decisións relevantes para a cidade. Mallo comprometeuse tamén a publicar periodicamente o grao de cumprimento do programa electoral e dos compromisos adquiridos, así como a non favorecer nin nomear familiares, amizades persoais ou persoas vinculadas por intereses particulares para cargos de confianza.
O último compromiso establece a celebración, como mínimo, dunha asemblea aberta cada tres meses en diferentes barrios e parroquias de Santiago de Compostela. Estes encontros terían como finalidade escoitar á veciñanza, render contas da xestión realizada e responder de maneira directa ás súas preguntas e propostas.
Mallo indicou ademais que, se algunha circunstancia excepcional impedise cumprir algún dos compromisos asinados, explicaría publicamente os motivos ante a cidadanía.
Na súa intervención final, o candidato afirmou que “a confianza non se pide, gánase” e defendeu unha política municipal baseada na honestidade, na rendición de contas e no contacto permanente coa veciñanza. “Hoxe non presentamos só unha candidatura. Hoxe presentamos un proxecto para Santiago e asinamos un compromiso coa súa veciñanza. Queremos que Santiago volva ser unha cidade orgullosa de si mesma, que escoite aos seus barrios e ao seu rural, e que poña ás persoas no centro das decisións municipais”, sinalou.

