InicioPOLÍTICAO PP acusa o goberno de Santiago de "desaparecer" ante o conflito...

O PP acusa o goberno de Santiago de “desaparecer” ante o conflito da limpeza nos colexios públicos

Borja Rubio reclama a convocatoria inmediata dunha mesa coas partes e atribúe a situación a un contrato "mal feito" e á falta de intervención do executivo local

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, criticou este mércores a xestión do goberno local no conflito do servizo de limpeza e conserxería dos colexios públicos de infantil e primaria, despois de dous días de folga que, segundo sinalou, deixaron os centros sen limpeza e provocaron o peche dos pavillóns pola tarde, coa suspensión de actividades extraescolares e adestramentos.

Nunha rolda de prensa, Rubio afirmou que a situación vivida esta semana nos centros educativos composteláns “non é un accidente”, senón “o resultado previsible” dun contrato que cualificou como “mal feito” e dun goberno que, ao seu xuízo, “despois de asinalo, desaparece”. O edil popular responsabilizou o executivo de BNG e Compostela Aberta de non ter previsto os problemas asociados á prestación dun servizo que considera esencial para o funcionamento dos colexios e para o benestar do alumnado.

O concelleiro lembrou que o goberno municipal defendeu no seu momento o incremento do investimento destinado a este servizo, mais advertiu de que “gastar máis non é xestionar mellor”. Segundo dixo, o Concello contou “con máis orzamento que nunca” e coas ferramentas legais necesarias para deseñar unha licitación que evitase conflitos posteriores, mais acabou aprobando un contrato que, na súa opinión, “naceu condenado a dar problemas”.

Rubio puxo o foco no proceso de licitación e asegurou que se fixo con atraso e tras varias advertencias do seu grupo no pleno municipal. Tamén sostivo que a adxudicación se realizou tendo un peso relevante o criterio económico, sen atender suficientemente á natureza dun servizo que afecta aos centros públicos de ensino da cidade. “Pódese gastar o dobre e facelo mal. E é exactamente o que pasou”, declarou.

O edil popular censurou especialmente a actuación da alcaldesa, Goretti Sanmartín, á que acusou de non exercer o seu papel como responsable política dun servizo municipal. Rubio recoñeceu que o Concello non é a parte empregadora directa do persoal da concesionaria, mais subliñou que si é a administración titular do servizo e quen financia o contrato con fondos públicos.

“Unha cousa é non poder impoñer as condicións laborais agora e outra, moi distinta, é cruzarse de brazos”, afirmou. Na mesma liña, defendeu que o goberno local ten “lexitimidade” e “responsabilidade” para promover unha mesa de diálogo entre as partes e tratar de evitar que o conflito continúe ou derive en novas mobilizacións.

O representante popular enmarcou este caso nunha serie de conflitos laborais vinculados a contratas municipais durante o actual mandato. Citou, entre outros, os problemas nos centros socioculturais, na limpeza e conserxería das instalacións deportivas e agora nos centros públicos de ensino. Para Rubio, todos estes casos responden a un mesmo patrón: “contratos mal pechados” e un goberno que, segundo afirmou, non intervén cando xorden as dificultades.

“Cando un erro se repite varias veces, xa non é un erro. É un método de goberno”, sinalou o concelleiro, que atribuíu a situación a un problema de “capacidade” do executivo local. Rubio advertiu de que as consecuencias deste conflito non quedan no ámbito administrativo, senón que afectan directamente á comunidade educativa, ás familias e ao propio persoal do servizo.

Segundo indicou, os centros sufriron durante dous días a falta de limpeza, con alumnado de entre 3 e 12 anos nas aulas, mentres que as familias tiveron que afrontar a suspensión de actividades extraescolares e adestramentos polo peche dos pavillóns. Tamén afirmou que as persoas traballadoras son “as primeiras vítimas” dun contrato que considera deficiente e dun goberno que, ao seu xuízo, “non dá a cara”.

Rubio resumiu a situación como o resultado de “máis diñeiro que nunca, un contrato mal feito, unha adxudicación ao límite e un goberno que se esconde cando hai que dar a cara”. Por iso, reclamou ao executivo municipal que convoque “de inmediato” unha mesa coas partes implicadas para buscar unha saída ao conflito no servizo de limpeza e conserxería.

“Santiago non se pode permitir un goberno que gasta máis e xestiona peor”, concluíu o concelleiro popular, que durante a comparecencia mostrou imaxes do estado dalgúns baños de centros públicos da cidade tras as xornadas sen limpeza.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Suspenden a audiencia contra un policía urbanístico de Santiago acusado de falsificar un informe

A Audiencia Provincial da Coruña, na súa sede de Santiago de Compostela, suspendeu este...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here