InicioPOLÍTICAO PP de Santiago propón un servizo municipal de canguraxe para atender...

O PP de Santiago propón un servizo municipal de canguraxe para atender imprevistos familiares

Borja Verea defende a creación dun recurso de apoio a domicilio para familias empadroadas en Compostela, con ata 40 horas anuais por unidade familiar

Publicado o

Xornal de Compostela

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, presentou unha proposta para crear un servizo municipal de canguraxe destinado a ofrecer apoio ás familias compostelás en situacións puntuais e imprevistas que dificulten a conciliación da vida laboral e familiar.

A iniciativa enmárcase na serie de medidas que os populares veñen formulando nas últimas semanas centradas nas familias. Entre elas, o grupo xa propuxera que o Concello asumise directamente a organización das actividades extraescolares, a creación dunha tarxeta familiar, unha bolsa familiar vinculada á zona azul, programas de inmersión lingüística para alumnado de terceiro da ESO en Irlanda e unha rede de campamentos para a mocidade.

Nesta ocasión, Verea centrouse nas dificultades que poden xurdir de maneira inesperada no día a día dos fogares, como entrevistas de traballo, citas médicas urxentes, reunións non previstas ou outras circunstancias familiares que requiran atención inmediata. Segundo explicou, o obxectivo é que o Concello poida ofrecer unha resposta nestes casos mediante un servizo profesional de atención infantil no propio domicilio.

O líder popular incidiu en que se trataría dun recurso pensado para situacións excepcionais e de carácter temporal, sen substituír o papel das familias nin dos servizos educativos. O sistema funcionaría por horas e estaría limitado para cada unidade familiar co fin de chegar ao maior número posible de fogares.

De acordo cos cálculos avanzados polo PP, o servizo permitiría cubrir entre 8.000 e 10.000 horas anuais de atención, cun orzamento inicial situado entre os 250.000 e os 300.000 euros. As familias empadroadas en Santiago poderían acceder a un máximo de 40 horas ao ano, mentres que as persoas con menores ingresos non terían que asumir ningún custo. No caso das rendas máis elevadas, contemplaríase unha achega económica parcial.

Verea asegurou que a proposta busca ofrecer ás familias “tempo e tranquilidade” ante situacións inesperadas e sostivo que ningunha familia quedaría excluída por motivos económicos. Na súa intervención, defendeu que unha cidade debe acompañar á cidadanía tamén nos momentos de maior dificultade e non unicamente cando as circunstancias son favorables.

Preguntado polos medios sobre os prazos para a posta en marcha do servizo, o portavoz popular considerou que, de existir vontade política, a iniciativa podería estar operativa nun período de entre un e dous meses. Ao respecto, sostivo que non se trata dun proxecto complexo nin que requira un elevado esforzo orzamentario, senón dunha medida orientada a responder ás necesidades de conciliación das familias compostelás.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here